Posts Tagged ‘ Xuventudes Socialistas de Ourense ’

Xuventudes Socialistas e PSdeG-PSOE de Ourense inician as pescudas para recuperar a memoria das vítimas do franquismo na provincia

Os traballos pretenden dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido”, aseguran desde a secretaría de Memoria Histórica

MEMORIA

 

Ourense, 20 de febreiro de 2018. As Xuventudes Socialistas, en coordinación coa secretaría de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense, iniciaron hai uns días as pescudas para localizar ás vítimas e represaliados do franquismo e ás súas familias na provincia, co obxectivo de “dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política en partidos republicanos e sociedades obreiras de distintos signos”.

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que, en España, unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido, como tampouco o pode ser que permanezan ocultos ao gran público os atropelos cometidos polo réxime franquista contra os demócratas superviventes en forma de penas de cadea perpetua, traballos forzados, detencións e arrestos, expedientes de incautación de bens ou prohibición expresa para o exercicio da función ou cargo público”, explican desde a secretaría de Memoria Histórica, encabezada por Francisco Javier Quintas.

A práctica anulación de partidas orzamentarias por parte do goberno do PP á Lei de Memoria Histórica impulsada polo PSOE durante o goberno de Rodríguez Zapatero, impiden que o Estado cumpra coas débedas pendentes en materia de dereitos humanos e memoria histórica, tal e como o demandan Rights International Spain, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou a ONU.

É, por iso, o Partido Socialista está a impulsar diferentes iniciativas neste senso encamiñadas a “reparar, protexer, recoñecer e facer xustiza á memoria das vítimas e represaliados, así como a denunciar a sistemática vulneración dos preceptos da vixente Lei de Memoria Histórica por parte dos gobernos do PP”.

 

O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para reforzar a loita contra o fascismo que aínda quere sepultar a historia

Fortalecerase o traballo coas agrupacións locais, coas Xuventudes Socialistas e con asociacións irmáns que xa traballan neste ámbito para honrar ás vítimas e ás súas familias

O socialismo ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das accións nacían da iniciativa persoal que agora se verá reforzada desde a estrutura orgánica do partido

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.43 (1)

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para recoñecer ás vítimas e reforzar a loita contra o fascismo, que aínda quere sepultar a verdade sobre o secuestro da democracia española durante catro décadas. É unha obriga moral do partido render tributo ós homes e mulleres que sufriron, dun ou doutro modo, as consecuencias da barbarie fascista desde 1936. Debemos lembrar que na provincia foron asasinadas máis de 500 persoas por defender a democracia. En toda Galicia a cifra ascende a 4.000, pero moitas máis foron perseguidas, ocultadas ou expulsadas.

De feito, o PSdeG-PSOE ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das súas accións nacían da iniciativa persoal de militantes e cargos orgánicos ou electos –concelleiros e alcaldes fundamentalmente–comprometidos. Actos de rehabilitación da memoria de Manuel Suárez Castro, ou Castor Sánchez Martínez e a corporación republicana de Amoeiro e, incluso máis recentemente, a declaración a prol da honorabilidade da masonería aprobada polos concellos socialistas de Amoeiro, Barbadás, Carballiño e Coles, –únicos en toda Galicia en facelo– son algúns exemplos. Agora dáse un paso máis para reforzar esta importante labor.

O secretario xeral, Rodríguez Villarino, destacou a importancia da Lei de Memoria Histórica porque “a recuperación da memoria é de todos”. “É unha lei bloqueada polo PP. É vergoñento e por iso é hora de que actuemos ante o que foi vilipendiado e pisoteado”, denunciou xusto despois de recordar que se trata da segunda secretaría deste tipo que se crea na comunidade galega.

Francisco Javier Quintas, que é o novo secretario de Memoria Histórica dos socialistas de Ourense, destacou que queren “recoller testemuñas e dignificalas” e, para iso, van ir da man con “asociacións irmáns como a UXT, as Xuventudes Socialistas e a Fundación Luís Tilve, para crear sinerxias”. Quintas destacou que van traballar especialmente con Xuventudes e as agrupacións locais do partido “para chegar ás vítimas e ás familias, porque tralo golpe de estado, moitas quedaron na indixencia polo mero feito de defender a democracia”. “Creamos un blog [ourensesocialista.blogspot.com] para envorcar a información e darlle difusión. Será tamén un punto de unión e un canal de difusión dos logros do PSOE neste ámbito”, relatou antes de concluír que “podemos aprender moito e non debemos permitir esquecer o que sucedeu”.

Unha das ferramentas máis importantes será o blog, que funcionará como principal elemento difusor e como punto de encontro das persoas interesadas. Ademais das habituais entradas, o espazo web conta con outras seccións como efemérides socialistas, dicionario do socialismo ourensán, eventos ou lecturas recomendadas. A acción difusora verase reforzada cun perfil na máis importante rede social, así como no espazo web do PSdeG-PSOE provincial.

O secretario de Xuventudes Socialistas(XXSS), Adrián Borrajo, destacou que os máis novos do partido “estamos comprometidos porque é a mellor forma de construír o estado de dereito e debemos recoñecer ós que deron a vida pola democracia”. “Queda moito por facer porque, desde que chegou Rajoy á Moncloa, presumiu de ser un gran demócrata a pesar de deixar nas cunetas ás persoas que deron a vida pola democracia”, denunciou. XXSS defende a derrogación da Lei de Amnistía que impide xulgar ós responsables da ditadura, así como a penalización do enaltecemento do franquismo e o fascismo.

Por último, o xornalista Xosé Lois Carrión destacou que “non é momento de falar de bos e malos porque o que se pretende é chamar as cousas polo seu nome” e salientou que “non é ningunha vinganza” porque se pretende “saber a historia real da persecución”. Pola súa banda, David Simón, presidente de Amigos da República, aseverou que a súa asociación “leva traballando 20 anos en todo o que ten que ver coa recuperación da memoria histórica” con todo tipo de perfís e persoas, celebrou que os socialistas poñan en marcha esta nova etapa, e dixo que espera “unha época de colaboración e intercomunicación”.

Xuventudes Socialistas de Ourense celebrou Congreso provincial

20160207102715

A cita que, tivo lugar onte en Barbadás, serviu para elexir a Adrián Borrajo como o seu Coordenador, substituindo a Mario Tarrío. Borrajo, que contou co apoio unánime da militancia que participou no Congreso, agradeceu a labor realizada polo seu antecesor, que “se implicou en todo momento coa nosa Organización para tentar conseguir a participación de todas as Agrupacións da provincia e dos seus militantes, estando sempre ao noso carón cando o precisamos”.

O novo coordenador recoñeceu que “temos un reto fundamental que será chegar ao maior número de mozos e mozas da nosa provincia, unindo as forzas de toda a militancia a través dun traballo coordinado, tentando espalla-la noso xeito de facermos política, estando orgullosos de sermos socialistas”, chegando “a esa maioría da mocidade que ten ganas dun cambio efectivo na política, que ten que vir dende a esquerda, e que ten ideas de cambio, progresistas” con “valores galeguistas, para que traballen canda nós e poidamos completar o noso proxecto”.

Borrajo comprometeuse a seren “implacables” contra o xeito de facer política “do Partido Popular na nosa provincia, que durante o último ano non só foi esperpéntico, senón que lle sumou aos retallos sociais, a repugnancia dunha forma de entender a política coa que nós estamos radicalmente en contra, abundando en que “o presidente da Deputación, tralo escándalo que houbo, debería ter dimitido por respecto á cidadanía, pero non sendo suficiente con iso, nestes últimos días puidemos ver como este personaxe seguirá a se-lo representante do Partido Popular nesta provincia”. Fronte a esto, reivindicou que “non debe seguir nin un minuto máis no cargo; representa esa política vella que a cidadanía rexeita e lle apesta”, rematando coa afirmación de que “se o machista que teñen como presidente tivese un mínimo de dignidade, xa tivera presentado a súa dimisión en canto todos escoitamos o que escoitamos”.

O Congreso Provincial que foi clausurado polo secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, que tamén agradeceu a labor desempeñada por Mario Tarrío ao longo destes últimos anos nos que a actividade política foi moi convulsa, cousa que non lle impediu facer visible a labor das Xuventudes Socialistas en Ourense”. Bouza advertiu de que “non podemos mirar cara outro lado mentres nos arrebatan os nosos dereitos e as nosas esperanzas de poder ter unha vida digna”, manifestou a súa ledicia por ver “como temos recambio e moito futuro”, o seu orgullo por ver cómo en Ourense “hai persoas comprometidas que se achegan á nosa organización para cambia-la sociedade”, e concluíu delo que “temos un futuro prometedor polo que loitar; estou convencido de que entre todos e todas alcanzaremos os nosos soños traballando unidos”.