Posts Tagged ‘ Xustiza ’

Xuventudes Socialistas e PSdeG-PSOE de Ourense inician as pescudas para recuperar a memoria das vítimas do franquismo na provincia

Os traballos pretenden dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido”, aseguran desde a secretaría de Memoria Histórica

MEMORIA

 

Ourense, 20 de febreiro de 2018. As Xuventudes Socialistas, en coordinación coa secretaría de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense, iniciaron hai uns días as pescudas para localizar ás vítimas e represaliados do franquismo e ás súas familias na provincia, co obxectivo de “dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política en partidos republicanos e sociedades obreiras de distintos signos”.

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que, en España, unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido, como tampouco o pode ser que permanezan ocultos ao gran público os atropelos cometidos polo réxime franquista contra os demócratas superviventes en forma de penas de cadea perpetua, traballos forzados, detencións e arrestos, expedientes de incautación de bens ou prohibición expresa para o exercicio da función ou cargo público”, explican desde a secretaría de Memoria Histórica, encabezada por Francisco Javier Quintas.

A práctica anulación de partidas orzamentarias por parte do goberno do PP á Lei de Memoria Histórica impulsada polo PSOE durante o goberno de Rodríguez Zapatero, impiden que o Estado cumpra coas débedas pendentes en materia de dereitos humanos e memoria histórica, tal e como o demandan Rights International Spain, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou a ONU.

É, por iso, o Partido Socialista está a impulsar diferentes iniciativas neste senso encamiñadas a “reparar, protexer, recoñecer e facer xustiza á memoria das vítimas e represaliados, así como a denunciar a sistemática vulneración dos preceptos da vixente Lei de Memoria Histórica por parte dos gobernos do PP”.

 

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia a folga indefinida na xustiza galega ante a bochornosa desvergoña da Xunta cos empregados e empregadas públicas

Membros da executiva provincial acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado

Os socialistas din que: “é un paro nacido da dignidade dun sector que ve como se pisotean os seus dereitos e non se atenden as demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.35 (1)

 

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense apoia  e secunda a folga indefinida dos e das empregados e empregadas públicas da xustiza galega na súa loita contra os recortes que leva practicando o goberno de Núñez Feijóo desde hai 5 anos. Membros da executiva provincial do PSOE acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas xustas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado. Os socialistas reclaman, ademais, que o goberno autonómico se sente a negociar e acabe coa folga para evitar que se produzan máis atrasos nos procedementos xudiciais.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta folga iniciada o pasado mércores 7 de febreiro “é un paro nacido da dignidade duns traballadores e traballadoras que ven como se conculcan os seus dereitos salariais e como non se atenden as súas demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”. O malestar do colectivo de empregados e empregadas públicos da xustiza que xa provocara xornadas de protesta anteriores ven xustificado polo maltrato continuo que exerce o goberno da Xunta de Galicia sobre uns 2.500 funcionarios e funcionarias xudiciais, aplicando desde hai anos recortes que levaron a unha redución de salario dun 20%.

Os e as socialistas consideran que esta folga vai provocar aínda máis lentitude nuns xulgados ateigados de traballo e non entenden que provoca a pasividade da Xunta ante unhas reivindicacións que están sendo secundadas por unha media do 95% do persoal. Desde o PSOE consideran que o goberno de Feijóo, asemade, está sendo contraditorio coas propias consignas do Partido Popular posto que “se eles andan pregoando que xa chegou a recuperación económica non se entende que non se lles devolva o equivalente á redución que lles foi aplicada entre os anos 2013 e 2016”. “Ademais falamos da única comunidade do Estado español na que se aplicou este recorte salarial sobre o colectivo de traballadores/as xudiciais cuxo salario depende en parte do goberno autonómico”, destacan.

Por outra banda, os socialistas indican que os sindicatos falan de reclamacións de subas salariais do 16% co obxectivo de recuperar parte dos cartos perdidos cando se lles aplicaron as reducións. É dicir, están a reclamar unha suba que está 4 puntos por baixo da porcentaxe que se lles aplicou no seu momento. Ademais, coidan que sendo os e as empregados e empregadas da xustiza galega, os e as únicos en sufrir estes retallos que oscilaron entre os 10.000 e 3.500 euros por traballador, están a padecer unha clara discriminación e desvantaxe comparativa. Porén, este colectivo tamén reclama a actualización dos seus salarios, toda vez que levan desde 2010 sen facelo.

De todos xeitos, segundo denuncian os propios sindicatos dos e das traballadores e traballadoras, o presidente da Xunta non só fai caso omiso das reivindicacións senón que ata parece usar a prepotencia ante colectivo agraviado. No día de onte retou ás organizacións sindicais a que cuestionaran a súa oferta de suba salarial cando, coas cifras na man, o goberno autonómico oferta un aumento para aplicar aínda no ano 2021 que deixaría aos e ás empregados públicos xudiciais por debaixo da media do que se cobra no resto dos territorios estatais na actualidade, sen contar coas subas que se lles efectúen no resto do Estado. Desde o PSdeG-PSOE ourensán conclúen que Feijóo falta á súa responsabilidade como máximo gobernante deste país ao permitir que continúe unha folga que vai prexudicar ao conxunto de toda a sociedade, mentres el non atende as xustas reclamacións laborais e de mellora do servizo dun colectivo especialmente castigado polo goberno galego.

O socialismo ourensán, a través da súa secretaría de memoria histórica, rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto da nosa provincia

 

MEMORIA

O socialismo ourensán, a través da súa Secretaría de Memoria Histórica, rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto da nosa provincia

Ourense, 27 de xaneiro de 2017. O 1º de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 27 de xaneiro como o Día Internacional da Memoria das Vítimas do Holocausto e, por extensión, de todas aquelas persoas que viron truncada a súa vida por mor do fanatismo, a intransixencia e crueldade fascista. En España o Golpe de Estado de xullo de 1936 deu inicio a unha das etapas máis negras da nosa historia, unha etapa tinguida de odio, de morte e sangue, de medo e humillación para milleiros de persoas no noso país. A natureza fascista e xenocida da ditadura franquista –así considerada desde o ámbito académico – vén de ser recoñecida poucos días atrás polo propio Parlamento Galego nunha declaración institucional coa que restablecer a memoria de milleiros de homes e mulleres vítimas da senrazón.

O historiador Enrique Barrera na súa obra Galegos en Mauthausen infórmanos de que 179 foron os galegos que sufriron reclusión nos campos de exterminio nazi, 34 dos cales eran ourensáns. José García Rodríguez, Manuel Yebra Dacoba, Julio Rajó Lorenzo, Antonio Villar Febrero, Isauro González Prada, Tiberio Fernández Lorenzo, Jesús Vázquez Valdominos, Avelino Pérez Rodríguez, Abilio Álvarez Bernardo, Antonio Diéguez Blanco, Benedicto Folla Arias, Ramón Conde Ramos, Antonio Araújo González, Manuel Soutullo Iglesias, Antonio Vázquez González, Eligio Formoso Fernández, Jesús Fernández Rodríguez, Demetrio Rey Domínguez, Magin Pérez López e Alberto Suárez Gallego encontraron a morte vítimas dos traballos forzados, as torturas ou as penosas condicións de vida ás que os someteron os soldados nazis no tristemente célebre campo de exterminio; doutras catro persoas máis, Antonio Pérez, Francisco Cortez, Francisco Iglesias Fernández e Santiago Durán Durán nada máis se voltou saber.

De Mauthausen e outros centros de exterminio nazis chegaron a ser liberados os ourensáns:

- Joaquín Balboa García, nacido o 22-08-1908 en Estevisiños (Monterrei). Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 3 de abril de 1941 e foi liberado polas tropas norteamericanas o 05-05-1945.
- Serafín Blanco Valcárcel, nacido en Ourense o 08-01-1912. Foi feito prisioneiro o 24-01-1943 e trasladado ao campo de concentración de Sachsenhausen. Foi liberado o 03-05-1945.
- Julio Domínguez Rodríguez, natural de Quintela de Leirado, nacido o 01-04-1916. Foi deportado a Mauthausen o 25-03-1944 e liberado o 05-05-1945.
- Albino González González, nacido o 18-11-1915 en Mones (Petín). Foi trasladado ao campo de concentración de Mauthausen o 03-04-1941, procedente de Trier. Foi liberado o 05-05-1945.
- Luis Iglesias Grande, nacido o 05-09-1913 en Currás. Foi deportado desde Trier a Mauthausen o 25-01-1941 e liberado o 05-05-1945.
- Manuel López Martínez, nacido en Señorín o 25-08-1915. Foi conducido desde o campo de Fallingbostel a Mauthausen o 08-09-1940. Foi liberado co resto de españois o 05-05-1945.
- José Mosquera González, nacido en Ourense o 14-06-1918. Foi deportado a Mauthausen procedente de Moosburg o 06-08-1940. Liberado tamén o 05-05-1945.
- Egidio Piñeiro Conde, nacido o 13-08-1913 en Taboadela. Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 25-01-1941. Foi liberado o 05-05-1945.
- José Rivada Nóvoa, natural de Rivela, nacido o 26-12-1914 e deportado a Mauthausen o 13 -12-1940. Foi liberado o 05-05-1945.
- Verísimo Rodríguez Ollero, nacido o 25-05-1919 en Paderne de Allariz. Foi deportado desde Moosburg a Mauthausen o 06-08-1940. Foi liberado o mesmo día cos seus compañeiros.
- Jaime Vázquez Estévez, nacido en Bouzadrago (Entrimo) e deportado a Mauthausen desde o campo de Sandbostel o 03-03-1941. Quedou en liberdade o 05-05-1945.

Os socialistas ourensáns, comprometidos como estamos coa Memoria Histórica, desexamos ter un agarimoso recordo e rendemos tributo ás vítimas da barbarie fascista nesta data tan especial, entendendo que este compromiso coa memoria é algo permanente e un dos nosos signos de identidade. É por iso que a nova Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense conta cunha Secretaría de Memoria Histórica que traballará para manter a chama viva de todas as vítimas do fascismo, a cal proximamente dará a coñecer as súas iniciativas e proxectos. Xa que logo, para todas as vítimas vaian aquí o noso fraternal recoñecemento e sentida homenaxe.

Os socialistas rexeitan o enrocamento de Baltar e anuncian que non permitirán que unha persoa xulgada por presunto acoso sexual presida unha institución pública

10/03/2017
By

                                                                             

O PSdeG-PSOE defende que o mellor para a institución, para os cidadáns e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa

Manuel Baltar debe ser coherente e cumprir o seu propio código ético para non prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense

Declaracións de Baltar en Telemiño

Ourense, 10 de marzo de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita con rotundidade o enrocamento de Manuel Baltar nos seus postos de presidente provincial do PP e da Deputación, no caso de que a maxistrada titular do xulgado de instrución número 3 da cidade de Ourense que o investiga por presunto acoso sexual e suborno, por supostamente ofrecer emprego a cambio de sexo, lle abra xuízo oral. Dende o PSdeG-PSOE respétase a presunción de inocencia de todas as persoas inmersas en procedementos xudiciais, mais anuncian que non se pode permitir que unha persoa xulgada por supostos delitos tan graves permaneza ó fronte dunha institución pública.

Baltar anunciou onte nunha entrevista en Telemiño –adxúntase un corte da súa intervención– que non dimitirá dos seus cargos se é xulgado, xa que achaca a denuncia que o mantén imputado, a unha invención e unha chantaxe de inimigos políticos para apartalo das súas responsabilidades políticas. O voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, rexeita frontalmente este anuncio xa que “o mellor para a institución provincial, para os cidadáns que representamos os deputados e para o propio procesado pola xustiza, é apartarse dos cargos para adicarse plenamente a súa defensa”. “Os socialistas abandeiramos a loita contra a desigualdade da muller e contra a violencia de xénero e, por iso  non imos permitir que un caso de presunto acoso sexual manche a imaxe da Deputación”, advirte.

“Se Baltar se enroca e non dimite cando lle abran xuízo oral e o PP de Galicia e España permiten esa rocambolesca situación, incumprindo as normas internas do partido e o propio código ético da Deputación de Ourense, Feijóo e Rajoy serán cómplices da sentenza que recaia sobre o caso e corresponsables de danar seriamente a imaxe pública da institución provincial”, asegura Fraga.

E que o código ético impulsado e aprobado por Manuel Baltar na Deputación esixe ós seus cargos eludir accións que perxudiquen a institución: “Ao ser o espello da institución no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional da Deputación de Ourense e minar a confianza da cidadanía na institución”. Ademais, este código ético, detalla que “non debe utilizar en ningún caso a súa posición institucional a fin de obter vantaxes para si ou procurar vantaxes ou desvantaxes para calquera outra persoa ou entidade, salvo nos supostos de discriminación positiva recoñecidos legalmente”, unha norma totalmente incompatible cunha acusación por presunto suborno.

 

O alcalde d´O Bolo, denunciado polos socialistas, traslada a responsabilidade da súa imputación por prevaricación ós funcionarios do concello

24/02/2017
By

O rexedor do PP, que é titulado universitario e que leva 24 anos de alcalde, fíxose o sueco asegurando que descoñece a lei que o obriga a respostar e entregar copias á oposición 

A denuncia destapou feitos graves como a reiterada negativa de información sobre un cento de cuestións ou a non celebración de sesións plenarias extraordinarias

  

Ourense, 23 de febreiro de 2017. O alcalde do Bolo, Manuel Corzo (PP), declarou hoxe en calidade de investigado –imputado– por un presunto delito de prevaricación administrativa, ante a titular do xulgado de Primeira  Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives, por impedir o traballo de control e fiscalización do PSdeG-PSOE dende a oposición municipal. O rexedor popular físoxe o sueco ante a xustiza, xa que descargou toda responsabilidade dos seus actos nos funcionarios, asegurando que a secretaria lle dixo que, por lei, non podía dar copia dos expedientes. Ademais, afirmou descoñecer o regulamento que obriga a dar resposta ás peticións feitas pola oposición.

Corzo, que se negou a responder á totalidade das preguntas do avogado do edil denunciante, Juan Ferreira, non explicou, entre outras cuestións, se deu orde á secretaria e unha funcionaria para que non se abrisen expedientes sobre as cuestións formuladas polos socialistas ou se denegou o acceso a información relativa ós orzamentos municipais. Sen embargo, sí manifestou, a interpelación do seu avogado, que algúns dos escritos non foron respondidos porque non dispón de persoal no concello.

Os socialistas do Bolo aseguran que Corzo, que leva 24 anos na alcaldía e que é titulado universitario, non pode escudarse no descoñecemento da lei para xustificar os seus reiterados incumprimentos dunha obriga democrática. “O alcalde amosa coñecer a lexislación cando suspende ou interrumpe os plenos durante as nosas intervencións facendo valer as súa función de presidente do pleno; pois o igual que coñece esa normativa, tamén debe coñecer a que obriga a dar trámite e a responder ás cuestións da oposición municipal”, advirten antes de recordar o principio do Dereito Ignorantia juris non excusat, é dicir, que a ignorancia da lei non escusa do seu cumprimento.

O PSdeG-PSOE deste concello denunciou o pasado mes de decembro no xulgado que o alcalde e a secretaria non facilitan, dende hai anos, a información e documentación solicitada para exercer o control da activade política e administrativa do goberno local, sobre un cento de cuestións de interese pública. Durante a instrución do caso, a xuíza ordenou que o Concello remitise testemuño da documentación relacionada cos expedientes e respostas solicitadas polos socialistas dende novembro de 2014, así como copia das instancias nas que reclamaba a celebración de plenos extraordinarios que nunca foron convocados.

A prevaricación administrativa é un delito no que un cargo público emite ou practica unha resolución inxusta a sabendas. Segundo o artigo 404 do Código Penal, a condena pode supor unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de nove a quince anos.

 

Reclamamos a dimisión de Baltar Blanco, absolutamente incapaz de defenderse en sede parlamentaria dos feitos polos que foi imputado pola Xustiza

Noela-Blanco-1

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense polo seu “desprezo absoluto á institución que preside e a todos os ourensáns”. Así o dixo na presentación en Comisión parlamentaria dos orzamentos da institución provincial.

A compañeira tamén destacou o feito de que a Deputación de Ourense teña destinado 5 millóns de euros á implantación dunha “administración electrónica” que “custa 700 000 en Pontevedra”, repartindo 14 000€ a cada concello “independentemente do seu tamaño, cando hai pequenos municipios que cobren o servizo por 5 000”.

Blanco acusou ao presidente da Deputación de actuar como “o señor dun castelo medieval”, e instou aos responsables do PP e do goberno galego a tomar “decisións políticas” contra un cargo “imputado por un presunto caso de acoso sexual”. Lembrou que hai 411 días que coñeciamos “a denuncia dunha muller por ofrecerlle traballo na Deputación a cambio de sexo”.

A compañeira censurou as respostas tanto de Baltar Blanco como do propio presidente da Xunta, vitimizando ao presunto acosador e culpabilizando á vítima, cualificándoas de “preocupante e perigoso pola mensaxe que dá a tódalas mulleres que se atopen nesta situación”, co risco de que “poidan replantexarse as denuncias ante o medo e a incomprensión”.

A compañeira criticou tamén a xestión do ente provincial por parte do PP, que o converteu “na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno”, logo de subir un 8,8% a partida orzamentaria de persoal, adicando a este fin o 60% dos seus fondos. A Deputación de Ourense supera en 30 puntos o gasto en persoal da d’A Coruña, e é a que menos destina a investimentos: un 23,4%, fronte ao 33,7% da de Lugo.

Ademais, é a Deputación que menos destina á protección e promoción social: un 7% fronte ao 12 da de Pontevedra ou ao 15 da de Lugo, mentres no último mes a nosa provincia vén de sumar 30 novos desempregados por día, ata acadar un total de 21 922.

A nosa deputada criticou ademais o gasto de 300 000€ na visita dunha delegación de empresarios norteamericanos recibidos cun dispendio de gaiteiros, boa comida e visitas a lugares emblemáticos, e comparou esta “actuación” de Baltar Blanco coa do “alcalde xordo do filme Benvido Mr. Marshall”, ante a profunda crise política e económica que o rodea .

A dirección provincial do PSdeG de Ourense, manifesta o seu respaldo ao labor feito polo Voceiro en Rairiz, Pablo Lorenzo.

11/03/2016
By

A dirección provincial do PSdeG de Ourense, respalda o labor feito polo Voceiro socialista en Rairiz e do Grupo Municipal ao que pertence, a respecto das falsas acusacións e insultos recibidos no exercicio das súas obrigas como representante público.

Dende o PSOE na provincia de Ourense e en palabras de María Quintas, Secretaria de Organización provincial, consideran intachable e imprescindible a tarefa que está a desempeñar Pablo Lorenzo dende a oposición ao goberno de Rairiz de Veiga.

 

A labor de fiscalización do Voceiro socialista, ten sido impecable, ata o punto que a Xustiza ratificou as denuncias públicas por irregularidades que se viñan cometendo por parte do ex-Alcalde, quen recordemos, está inhabilitado por prevaricación.

A situación política vivida no Concello de Rairiz, de total inestabilidade, ten poucas trazas de ser arranxada nun futuro próximo se a nova Alcaldesa permite, presuntamente, inxerencias no seu traballo diario por parte dos que mandaban antes ca ela.

 

Os socialistas, reiteran,a súa demanda de que a normalidade democrática se reestableza no Concello limiao e que se dea paso, dunha vez por todas, á rexeneración política e á adopción de novas formas de gobernar. Poucas esperanzas se poden ter se temos en conta como se desenvolveu o Pleno de investidura, de xeito totalmente ilegal, ata o punto de ter que repetirse. O Grupo Municipal Socialista, ten sido moi paciente cunha situación anómala pero os xeitos non están a cambiar e polo tanto, van a proceder a solicitar un Pleno Extraordinario para que a Alcaldesa, Asun Morgade, dea a explicacións oportunas á veciñanza das presuntas reunións de cariz político que mantén co ex-Alcalde no seu despacho. Os socialistas, consideran, imprescindible que a rexedora lles explique aos veciños e veciñas porque unha persoa ten a necesidade de entrevistarse con ela, supostamente, ata tres veces por semana, cando ninguén máis no Concello reclama tal deferencia.

 

O PSdeG-PSOE na provincia de Ourense, destaca que este tipo de procederes políticos son os típicos dos que auspicían a estes gobernantes e que non son outros que os dirixentes do Partido Popular de Ourense. A nova Alcaldesa,ao igual que o anterior rexedor, chegou ao goberno da man do baltarismo e estos, son cómplices e compañeiros de viaxe nunha situación política lamentable.

Namentras a provincia de Ourense esmorece, a súa poboación decrece, a taxa de paro é a máis alta da comunidade e a poboación activa ronda, tan só, as 146.000 persoas (por debaixo de Lugo), o Partido Popular ourensán, adícase a colocar afíns, sexa polo método que sexa, en todos os Concellos da provincia, aínda que sexa a costa da normalidade democrática ou se vexan prexudicados os intereses dos veciños e veciñas.

Para rematar, María Quintas quixo engadir que as manifestacions verquidas polo ex-Alcalde condenado por prevaricación, a respecto de Pablo Lorenzo, non merecen comentario algún, en honra ao respecto a toda a cidadanía e porque porque xa se califican por si soas.

Laura Seara pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais

Orense_-_Mapa_judicial

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, vén de rexistrar na Cámara baixa diversas iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais en Galicia, nomeadamente na nosa provincia.

Seara desexa coñecer, tralo nomeamento de Rafael Catalá como titular de Xustiza, cal será a actuación deste Ministerio respecto de a desaparición dos partidos xudiciais, que está prevista nos anteproxectos de Lei Orgánica do Poder Xudicial e da de Planta e Demarcación Xudicial.

En concreto, pídelle a Catalá resposta sobre se manterá os oito partidos xudiciais que actualmente existen na nos provincia, se cada unha destas unidades xudiciais contarán coa figura de Xuíz, Secretario e funcionarios xudiciais con carácter fixo e permanente, e se os partidos xudiciais continuarán gozando de independencia ou serán considerados como sedes desprazadas dependentes do Tribunal de Instancia.

Seara sostén que “a proposta de modificación da demarcación e planta xudicial ten como único eixo rector, baixo o pretexto dun suposto aforro, a redución da Administración, orientada en última instancia ao desmantelamento do servizo público da Xustiza”.

Así, explica que a proposta “afirma que a implantación do novo modelo condiciona o gasto que as Administracións Públicas poidan realizar en mellora dos medios materiais ao servizo da Administración de Xustiza, sendo así que devandito gasto deberá localizarse nos edificios e instalacións que han de alberga-las sedes reflectidas na presente Lei e soamente nelas, que estarían só radicadas nas capitais de provincia”.

O anteproxecto de Lei prevé a creación de Tribunais de Instancia, de ámbito provincial, que asumirán todas as competencias actuais dos xulgados. Segundo a deputada, isto “provocará, practicamente, a desaparición dos partidos xudiciais e, con iso, de decenas de órganos xudiciais”.

Seara destaca que, se se mantén a lei de Planta Xudicial, tamén “se encarecerán os procesos e se provocará un grande prexuízo ao medio rural e a provincias como Ourense, na que os cidadáns terán grandes dificultades no acceso á Xustiza”.

Por iso, a deputada socialista esixe a Catalá “que aclare canto antes se desaparecerán ou non os partidos xudiciais”; e lembra que o seu antecesor, Gallardón, “veu no verán a Galicia a aplaca-los ánimos e contentar a Feijóo, pero todo apunta a que os partidos xudiciais se converterán en meras sedes”, considerando, xa que logo, “absolutamente necesario que o novo ministro explique os seus plans”.

Miguel Fidalgo pide que o Goberno central retire de tramitación a modificación da Lei de Demarcación e Planta Xudicial, que fai desaparece-los Partidos Xudiciais e Xulgados de Paz en tódalas comarcas da nosa provincia

O noso senador ,Miguel Fidalgo, alédase do cese do ministro que xestionou importantes retrocesos en dereitos e liberdades que forman parte do sistema democrático, en nome da dereita máis retrógrada. Por iso considera que é o momento de retomar tódalas reformas xudiciais, e recolle-lo clamor dos colectivos de avogados, fiscais, traballadores da Xustiza, organizacións sindicais e partidos políticos.

Fidalgo coida que o PP debe retirar inmediatamente a lei que suprime os partidos xudiciais, e que afecta moi gravemente á nosa provincia, xa que supón a desaparición da estrutura actual nas comarcas de Ribeiro, Carballiño, A Limia, Verín, Valdeorras, Trives-Caldelas, Bande e Celanova. A iso hai que sumarlle a desaparición dos Xulgados de Paz e Rexistro actuais, pola súa privatización.

Fidalgo critica o cinismo de Feijóo, cómplice desta medida, que intenta despistar dicindo que se mantén o nome duns partidos xudiciais nos que desaparecen xuíces, secretarios, axentes e demais persoal, e deixa de celebrarse a actividade actual.

O senador anunciou novas preguntas, tal como suxeriron as plataformas en defensa dos partidos xudiciais, e informou de que presentará na Cámara Alta unha moción concreta en defensa de cada un dos partidos xudiciais que existen na provincia.

Fidalgo estima que a segunda lei que o PP debe derrogar é a Lei de Taxas aprobada, que está impedindo que os cidadáns sen recursos poidan defenderse ante as inxustizas que poidan sufrir. O PP divide a sociedade entre cidadáns con diñeiro, que teñen dereitos e cidadáns, e sen cartos, que non teñen dereitos.

Así mesmo, reclamou que se paralice a tramitación da modificación da Lei de Asistencia Gratuíta, que pon imposible a asistencia letrada de oficio para as persoas sen recursos, ademais de excluír a moitos colectivos e persoas ás que deixa sen a posibilidade de defende-los seus dereitos ante a Xustiza, prexudicando aos profesionais máis próximos e pequenos despachos de pobos e cidades.

En definitiva, o senador considera que este é o momento de parar este retroceso en liberdades e dereitos fundamentais para un estado democrático, tendo en conta as peticións dos colectivos e a sociedade civil.

O Goberno central recoñece que existe unha relación directa entre a lei de taxas e a diminución da litixiosidade xudicial

O Goberno central vén de recoñecer, en dúas respostas parlamentarias por escrito á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, que “a conxuntura económica e outras reformas, como a Lei de Taxas poden ser circunstancias a ter en conta para valora-lo descenso da litixiosidade” xudicial durante o ano pasado.

Respecto de Ourense, os datos aportados polo Goberno a Seara, amosan que a caída da litixiosidade no 2013 respecto ao ano anterior, cunha baixada de case o 20%, ten lugar principalmente na orde contencioso-administrativa. Tamén diminuíron nun 1,5% os asuntos xudiciais na orde social mentres que na orde civil produciuse un aumento da litixiosidade do 13,3%, e na penal subiu un 5,6%.

A compañeira apunta que “estes datos son exactamente a radiografía de cómo deixou o Goberno do PP o sistema xudicial”, e sinala que a importante diminución dos contenciosos administrativos “débese, sobre todo, á imposibilidade que agora mesmo teñen os cidadáns para recorre-las sentenzas da Administración polo aumento das taxas xudiciais”. Porén, considera que “o aumento dos asuntos xudiciais en materia civil ten moito que ver coas preferentes” e que “a subida dos asuntos penais ten relación co aumento da criminalidade”.

Seara critica que, na súa resposta, o Goberno pretenda xustificar dalgún modo a baixada da litixiosidade no 2013 ao sinalar que tamén baixaron os contenciosos-administrativos en 2012 respecto de 2011, ao que a deputada resposta que “aínda que é certo que a crise por si mesma provoca unha baixada da litixiosidade, a Lei de Taxas do Goberno do PP puxo a guinda para que os cidadáns non poidan acceder á Xustiza por motivos económicos”, lembrando que “o taxazo xudicial” acabou co dereito dos cidadáns de acceso á Xustiza, provocando tamén nesta materia unha “profunda división de dereitos entre os cidadáns que os poden pagar e os que non”.

Neste senso, lembra que o Grupo Socialista no Congreso dos Deputados defendeu recentemente no pleno desa Cámara unha enmenda á totalidade do proxecto de lei de asistencia xurídica gratuíta, texto que será “unha lei máis restritiva, máis complexa e máis burocrática que a actual, ademais de posibelmente inconstitucional”, en todo caso, “outro ataque máis do Goberno ao dereito dos cidadáns á tutela xudicial efectiva”.

A compañeira criticou, ademais, o feito de que o Goberno do PP “vincula o financiamento da xustiza gratuíta cos ingresos que se obteñan polas taxas xudiciais; con todo no 2013 se recadaron 316 millóns polas taxas, e o Goberno presupostou este ano para xustiza gratuíta tan só 34 millóns de euros”.

Ante semellante contradición, a conclusión de Seara é clara: “a política do PP é sempre a mesma: recadar sempre a costa dos que non teñen, e retallar dereitos a quen non os poden custear, con mentiras se é necesario”.