Posts Tagged ‘ UE ’

OS SOCIALISTAS ANALIZARÁN NUN ENCONTRO EN OURENSE OS RETOS DEMOGRÁFICOS DA UE COA PRESENZA DE EXPERTOS, EURODEPUTADOS E CARGOS PÚBLICOS DOUTRAS PROVINCIAS

Diversos cargos  socialistas galegos falarán de demografía xunto ós eurodeputados Iratxe García e José Blanco; ó alcalde de Soria e o conselleiro de Presidencia do Principado de Asturias. As catedráticas Mercedes Molina e María Xosé Rodríguez Galdo, e o profesor Alberto Saco, participarán nunha mesa de debate sobre políticas públicas para a recuperación demográfica

Analizaranse os retos demográficos da Unión Europea, centrándose na economía e a poboación no ámbito rexional, nun encontro que terá lugar na cidade de Ourense, durante a mañá do vindeiro venres 11 de maio no restaurante San Miguel.

Nesta xornada estruturada en torno a unha conferencia e dúas mesas de debate, participarán dous deputados no Parlamento Europeo; expertos en cuestións demográficas, económicas e xeográficas; cargos socialistas de institucións públicas doutras provincias de España; e membros do PSdeG-PSOE.

A inauguración da xornada correrá a cargo do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; do eurodeputado, José Blanco; e do secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. A conferencia inicial centrada nas estratexias de loita contra a despoboación en Europa, vai ser impartida pola eurodeputada e presidenta da delegación socialista española na UE, Iratxe García. Será presentada por Marina Ortega, secretaria de políticas sociais dos socialistas galegos.

A primeira mesa de debate porá o foco nos factores explicativos da poboación e a actividade económica. Moderada por Alexia Guede, secretaria de demografía da executiva provincial de Ourense, contará coa participación do alcalde de Soria, Carlos Martínez; do conselleiro de Presidencia do Principado de Asturias, Guillermo Martínez; e do portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga.

A segunda mesa centrará o debate na incertidume e as políticas públicas para a recuperación demográfica, e será moderada pola deputada galega, Noela Blanco. No debate participarán a catedrática de xeografía humana da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Molina; o profesor de socioloxía da Universidade de Vigo, Alberto Saco; e a catedrática de historia e institucións económicas e membro do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, María Xosé Rodríguez Galdo. Por último, a clausura da xornada estará en mans de Pablo Arangüena, vicesecretario xeral e portavoz do PSdeG-PSOE.

Solicitamos en numerosas ocasións á Unión Europea, unha estratexia efectiva fronte ó cambio demográfico, así como o recoñecemento dos territorios que sofren este problema. Non  debemos esquecer que toda Galicia e, especialmente, a provincia de Ourense, son unha das rexións de toda Europa con maior taxa anual de despoboamento e con peor taxa anual de fertilidade, só superada –en negativo– por algunha provincia de Castela e León, a illa de Cerdeña e algunha rexión de Grecia.

Unha das propostas recollidas no último informe dos socialistas europeos sobre despoboamento, pasa por aumentar a eficacia dos fondos europeos nas zonas con problemas demográficos. Ese documento expón unha batería de medidas para que, na aplicación dos instrumentos da futura política de cohesión, tamén se teñan en conta os desafíos demográficos das rexións. Así, o informe reclama maior coordinación entre os instrumentos das distintas políticas europeas, e solicita a creación dunha estratexia sobre o cambio demográfico, así como un marco xurídico europeo que recoñeza especificamente todos os territorios que sofren desvantaxes demográficas.

Consulta o programa a continuación:

 

Acto PSOE 11 mayo retos demograficos Ourense

A Xunta do PP tenta agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco na venda dun Pazo a Mario Conde

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, acusou á Xunta de “intentar agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco e ex alcalde d’A Mezquita, Gabriel Caldelas, coa rehabilitación e venda da antiga casa reitoral de Chaguazoso ao ex-banqueiro, actualmente detido por fraude fiscal, Mario Conde.

Así o sostivo a nosa compañeira logo da resposta da Xunta a unha pregunta parlamentaria, contestación na que o goberno galego admite as irregularidades nas axudas concedidas para a rehabilitación do inmoble en 1998, ter confirmado a inactividade da reitoral no 2013, e ter sancionando ao titular do establecemento, que deberá devolve-las axudas públicas obtidas, por incumpri-la obriga de adica-lo inmoble a turismo rural durante os quince anos posteriores a ter recibido ditas axudas. Blanco reclama saber se a sanción que agora anuncia a Xunta “pretende se-la maquillaxe coa que tapar un posíbel ‘pelotazo’ da familia de Baltar”.

A deputada cre que, en realidade, o establecemento non estaba sendo adicado ao turismo rural, por moito que figurara na oferta turística da Xunta, alomenos dende o intre en que foi adquirido por Conde; e quere que a Xunta clarifique se foi adicado a ese fin mentres era propiedade do sogro de Baltar Blanco.

A compañeira reclamará, ademais, as facturas que aclaren se as axudas que Caldelas percibiu, un total de 490 000€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural -incluíndo 120 000€ da Administración autonómica-, se corresponden con gastos reais de rehabilitación das instalacións; e esíxelle á Xunta que clarifique, ademais, se a obriga de devolve-las axudas afecta tamén ao beneficiario inicial das mesmas, -o sogro de Baltar Blanco-, se a mesma incluirá tamén á contía recibida da UE, e se se lle ten dado conta desta situación ás autoridades comunitarias encargadas de loitar contra a fraude e a corrupción.

Asemade, a nosa deputada censura o “escurantismo” co que a Xunta ten tratado esta fraude ás arcas públicas, que o goberno galego agochou ata que os socialistas presentamos unha pregunta parlamentaria ao respecto; e considera que o goberno galego “debe aclarar se houbo algunha cooperación pola súa banda para que este persoeiro ocultara responsabilidades polos delictos que lle imputa a Audiencia Nacional”.

A compañeira reclama, pois, á Xunta, que “despexe tódalas dúbidas” sobre “calquera tipo de relación triangular de cooperación entre Baltar Blanco, Feijóo e Mario Conde” no referente á dita casa rural.

Seara e Blanco, contra a conversión do interior de Galicia nunha “reserva xeriátrica”

FOTO REUNION LAURA SEARA Y JOSE BLANCO

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, reuniuse en Bruxelas co eurodiputado socialista José Blanco -membro da Comisión de Asuntos Rexionais da UE- para analiza-la problemática da despoboamento en Europa, que afecta moi directamente a Galicia.

Durante a reunión, ambos reflexionaron verbo da conveniencia de mellora-la eficacia da Política de Cohesión da UE, e concluíron que é necesario establecer na Unión un Plan Estratéxico que permita impulsa-lo re-poboamento da UE. Así, consideran que entre as perspectivas financeiras da UE, debe contemplarse primar con recursos económicos a aqueles países e rexións da Unión que teñen un grave problema de despoboamento.

A este respecto, Seara sinala que en Galicia existe un alto índice de despoboamento e un alto grado de envellecemento da poboación, cuxa combinación leva a “unha crise demográfica que afecta seriamente á cohesión social e territorial, así como á propia supervivencia do estado social”.

Seara fixo fincapé en que “o problema demográfico existente en Galicia é especialmente cru nas provincias de Ourense e Lugo”. Por iso presentou aos orzamentos xerais do Estado par ao 2015 unha emenda para dotar con dez millóns de euros unh Plan Demográfico Específico para Ourense e Lugo. “Lamentábelmente o PP e o Goberno de Rajoy non deixaron que este Plan saíse adiante”. A deputada tamén lembra que os datos publicados por “Eurostat”, no seu último anuario rexional, constatan que, das 1351 rexións en que o organismo estatístico da UE divide a Unión, Ourense, Lugo e Zamora forman parte do “Top-10” comunitario das máis envellecidas.

Neste senso, Seara apunta que “se o comportamento demográfico en provincias como Ourense e Lugo non se revirte, o sistema será insostíbel”, defendendo que “non se pode permitir que o interior de Galicia se poida converter, nun futuro non moi afastado, nunha reserva xeriátrica”; por iso, recalca que “é esencial que o problema demográfico se aborde con rigor no seo da UE, para a consecución de medidas que contribúan a solucións eficaces”, e sinala como “moi positivo” o traballo que neste ámbito realizan os socialistas en Europa, como a Declaración do Parlamento Europeo sobre o Futuro Demográfico de Europa, da que José Blanco foi impulsor.

Seara denuncia ante Montoro o castigo a Ourense e Lugo na reasignación de fondos do Programa Leader Galicia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou na Cámara Baixa diferentes iniciativas coas que denuncia a discriminación á que queda sometida a Galicia interior, especialmente a provincia de Ourense, coa reasignación de fondos do Programa “Leader Galicia”, aprobada o 30 de decembro pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Seara solicita ao Goberno central que explique no Congreso este “inxusto” e “vergoñento” novo reparto de fondos.

Dita reasignación produciuse debido a que os fondos do programa Leader Galicia 2007-2013 quedaron sen executar durante os dous primeiros anos do mesmo, e tívose que estender o período de execución do 2015

A deputada critica que “os criterios utilizados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o novo reparto financeiro son incomprensibles e confusos” e sinala que, “o interior de Galicia, e moi particularmente a provincia de Ourense”, é a máis prexudicada neste novo reparto. malia que o programa Leader está destinado a territorios rurais.

“En absoluto se prima na nova distribución de fondos a ruralidade, a dispersión ou a boa xestión de fondos nos trinta e un grupos de desenvolvemento rural” “reproba a compañeira, quen sinala que “casualmente”, os grupos máis beneficiados teñen maiorías son afines ao PP”.

Dos oito grupos de desenvolvemento rural da provincia de Ourense, sete reciben a mínima asignación, mentres que o único que non foi así penalizado é, “casualmente”, o que ten como presidente ao alcalde de Leiro e senador do PP e cuxo xerente é o mesmo que xa o fora no grupo que presidira Rogelio Martínez nun “Leader” anterior, e polo que ambos están imputados pola súa mala xestión.

Para Seara é ademais incomprensíbel que “os grandes beneficiados desta reasignación son, na súa maioría os grupos afincados na costa galega, que xa reciben fondos europeos dos grupos de acción costeira, mentres que os grupos dos territorios máis rurais, que son a razón de ser do programa Leader, fican penalizados”. Así, dos oito grupos de desenvolvemento rural da provincia de Lugo, seis deles reciben tamén a mínima asignación.

A deputada lembra que o programa “Leader Galicia” é un programa cofinanciado polo Estado e, de feito, é o Estado o encargado da distribución destes fondos que proveñen da UE. Por iso, pídelle ao Ministro de Hacienda “que explique” este novo pau ao “reequilibrio territorial e á loita contra o despoboamento” e que “diga con claridade se o Goberno vai a permitir un reparto que pervierte o obxectivo final do programa Leader, que son os territorios rurais, e que ademais está realizado en función da cor política que prima” en cadanseu grupo de desenvolvemento rural.

Seara advirte a Montoro de que coa Deputación ten “un novo caso Fabra”

A nosa no Congreso, Laura Seara, realizou esta mañá no Pleno da Cámara baixa unha pregunta oral ao Ministro de Facenda, coa que pediu a Montoro que “mire a Ourense e á súa Deputación provincial” porque, segundo lle advertiue, “teñen alí un novo caso Fabra”.

A compañeira explicoulle ao ministro: “os protagonistas son José Luís Baltar e Rogelio Martínez: ao ‘barón’ Baltar coñéceo vostede ben porque eu vinlle pasear con él”, e lembroulle tamén a Montoro que “o vindeiro mes de xuño, Baltar será xulgado por prevaricación, por outra cuestión distinta”. Sobre Rogelio Martínez, Seara lembrou que “foi vicepresidente da Deputación Provincial con Baltar, agora é o Delegado da Xunta de Galicia en Ourense, o ‘home forte’ de Feijóo, e en breve tamén será xulgado por unha posible fraude anterior, que tamén denuncia a Oficina de Loita contra a Fraude da U.E. (OLAF), pola mala utilización de fondos europeos na zona na que Martínez foi alcalde” (O Ribeiro), “todo un veterano” -engadiu Seara xunto co feito de que os delitos imputados ao ‘superdelegado’ da Xunta, que non dimitiu dese cargo, son “prevaricación, malversación, fraude e falsidade”.

Por iso, a deputada afirmou que “os socialistas xa pedimos responsabilidades”, pero recriminou a Montoro que “vostedes lles seguen apoiando e encubrindo, e sabemos por qué, porque encubríndoos a eles encóbrense vostedes; porque Bárcenas é o PP de Génova, Frabra o PP de Castellón, e Baltar e Martínez o PP de Ourense e o PP de Galicia”

Seara conminou ao ministro a aforrar aos cidadáns semellante “bochorno”, apelando a que tal fixese “pola súa honestidade, pola marca España no exterior ou por Rajoy; evítelle a Rajoy o ridículo de ter que explicar de novo por qué o agarimo é distancia cando os seus amigos son pillados cos carriños dos xelados; e aquí hai moitos carriños, e moitos xelados”.

Montoro recoñeceu ante a deputada socialista que o informe final da OLAF conclúe “que os procedementos de contratación da planta depuradora resultaron irregulares por diferentes razóns”, e que “respecto dos contratos de asistencia técnica, a Deputación incorreu en procedementos irregulares de contratación”, o que o levou a respostar á iniciativa de Seara anunciando que o Goberno central “iniciou os expedientes de reintegro dos fondos” e, “ao considera-lo informe da OLAF que os feitos poderían ser constitutivos de ilícitos penais”, remitindo o devandito informe “ao Fiscal Xeral do Estado, para a súa consideración”.