Posts Tagged ‘ secretaría de igualdade ’

Manifesto do PSdeG-PSOE con motivo do Día das Mulleres Rurais

“Apoiando ás mulleres do medio rural e o seu empoderamento”

Ourense, 15 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE con motivo da celebración do Día das Mulleres Rurais, manifesta unha vez máis o seu firme compromiso coas mulleres que viven e desenvolven a súa actividade profesional e laboral no ámbito rural, coas súas necesidades e as súas reivindicacións, porque a igualdade de xénero tamén ten que impregnar o medio rural.

Desde o PSdeG-PSOE recoñecemos a contribución que veñen levando a cabo as mulleres no desenvolvemento e progreso económico das nosas aldeas, por favorecer e impulsar a sostibilidade non só económica senón social, cultural e poboacional das zonas rurais. Porque recoñecer o traballo e a achega das mulleres rurais é ante todo unha cuestión de xustiza.

Son múltiples os retos aos que nos enfrontamos todos para defender a nosa contorna rural, non só desde o punto de vista de protección e sostibilidade medioambiental, senón sobre todo na sostibilidade poboacional dos nosos municipios do medio rural, e neste gran reto non poderemos avanzar sen ter en conta o papel imprescindible das mulleres.

Apostamos pola igualdade de oportunidades e o progreso do medio rural, por iso abordamos as diferentes políticas dirixidas á mellora e sostibilidade do mesmo, sempre con perspectiva de xénero e coa propia mirada das mulleres do medio rural.

Non haberá desenvolvemento do medio rural sen a contribución e participación das mulleres en todos os ámbitos e en especial na actividade económica, no emprendemento en diferentes sectores como, a agricultura, a gandería, a industria agro-alimentaria, o turismo, o comercio sostible, a artesanía, o lecer, así como en proxectos relacionados coa innovación e a investigación. Non podemos esquecer a importancia que ten a substitución xeracional para evitar o despoboamento, e especificamente a substitución de xénero en todos os ámbitos da vida rural, que neste momento continúa estando masculinizado.

Porque defendemos a igualdade, defendemos que as mulleres no medio rural teñan os mesmos dereitos que as mulleres das zonas urbanas, no acceso aos diferentes servizos públicos para a atención das súas necesidades e as das súas familias, na atención contra a violencia de xénero, na incorporación e inserción no mundo laboral xunto á potenciación do emprendemento, en medidas para a conciliación da vida laboral e persoal, no recoñecemento de iguais dereitos no marco das explotacións agrarias e gandeiras, en definitiva, establecendo a visión de xénero en todas aquelas políticas dirixidas ao medio rural, co obxectivo prioritario de mellorar a calidade de vida da poboación rural en xeral e das mulleres en particular. É preciso recordar que a aprobación da Lei de Titularidade Compartida co anterior Goberno Socialista, tan demandada polas asociacións e colectivos de mulleres do medio rural, significou un paso moi importante e necesario na modificación das estruturas agrarias, ao recoñecer a equiparación de dereitos das mulleres no sector agrario, o recoñecemento do seu traballo e a protección da Seguridade Social.

Neste sentido, desde o PSdeG-PSOE e desde o Goberno Socialista de España, seguiremos traballando para a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, para garantir os dereitos das mulleres xunto o seu empoderamento na contorna rural, por incrementar a súa presenza e participación activa nos distintos órganos de dirección de empresas, cámaras agrarias, de comercio, cooperativas, entidades sindicais e organizacións profesionais, entre outras.

Facer visibles e recoñecidas ás mulleres do medio rural, é o noso compromiso e aí sumámonos ao traballo que as organizacións de mulleres de carácter progresista veñen levando a cabo, en defensa da igualdade de dereitos, así como por transformar e mellorar as condicións e calidade de vida no medio rural.

Secretaría de Igualdade da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia as mobilizacións para que se cumpra o Pacto contra a Violencia de Xénero

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia e súmase ás mobilizacións previstas neste 16 de maio. Esixiremos nas institucións e na rúa que se cumpra o Pacto contra a Violencia de Xénero.

WhatsApp Image 2018-05-16 at 18.01.26

  • Nestes intres, o principal problema en España é a violencia contra as mulleres.
  • Desde o PSOE esiximos ao goberno de Rajoy que cumpra o acordado no Pacto contra a violencia de xénero e que cumpra coa súa responsabilidade coas mulleres vítimas e cos seus fillos e coas súas fillas.
  • O PSOE liderou o Pacto contra a Violencia de Xénero que o PP, co apoio de Ciudadanos, está incumprindo e no que Unidos Podemos nin sequera está.
  • Case un ano despois de asinarse o Pacto, non hai cartos e non se modificaron  as leis para desenvolver as medidas e políticas contra a violencia machista.
  • Esiximos ao goberno que dote con 200 millóns o Pacto contra a Violencia de Xénero.
  • Pedimos a Unidos Podemos que se sume ao Pacto contra a Violencia de Xénero, abandone a abstención e nos axude a que se cumpra.
  • O PP, co apoio de Ciudadanos, está a saltarse o Pacto. A alianza de Ciudadanos co Partido Popular é nefasta para as mulleres.
  • O PSOE é único partido que está cumprindo o Pacto. Demos unha resposta total e contundente á inacción do goberno presentando dúas reformas lexislativas para dar cumprimento ao Pacto e dotalo economicamente.

As vítimas non agardan e as mulleres obxecto de violencia que corren risco tampouco poden agardar:

  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, habería campañas de prevención, información e concienciación dirixidas a adolescentes e mozos e mozas.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, os concellos volverían ter competencias para atender de maneira especializada ás mulleres vítimas e aos seus fillos e ás súas fillas.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, as mulleres vítimas contarían cun sistema de acompañamento individualizado para evitar a súa desprotección.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, mellorarían as axudas e recursos sociais para atender as necesidades das mulleres vítimas e dos seus fillos e das súas fillas.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, o concepto violencia de xénero abranguería todos os tipos de violencia contra as mulleres segundo o Convenio de Istambul.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, habería liberdade vixiada sobre o maltratador nos momentos nos que a vítima se atopa máis desprotexida.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, reforzaríase a especialización nos xulgados do penal que atenden o maior número de casos.
  • Se o Pacto Contra Violencia se cumprira, as mulleres vítimas contarían con acompañamento xudicial personalizado previo á denuncia ata a fin do procedemento.