Posts Tagged ‘ reparación ’

Xuventudes Socialistas e PSdeG-PSOE de Ourense inician as pescudas para recuperar a memoria das vítimas do franquismo na provincia

Os traballos pretenden dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido”, aseguran desde a secretaría de Memoria Histórica

MEMORIA

 

Ourense, 20 de febreiro de 2018. As Xuventudes Socialistas, en coordinación coa secretaría de Memoria Histórica do PSdeG-PSOE de Ourense, iniciaron hai uns días as pescudas para localizar ás vítimas e represaliados do franquismo e ás súas familias na provincia, co obxectivo de “dignificar e enxalzar a memoria de todas aquelas persoas que sufriron morte ou persecución na nosa provincia por mor da súa militancia política en partidos republicanos e sociedades obreiras de distintos signos”.

“Despois de corenta anos de democracia non é permisible que, en España, unhas 140.000 vítimas da Guerra Civil permanezan en paradoiro descoñecido, como tampouco o pode ser que permanezan ocultos ao gran público os atropelos cometidos polo réxime franquista contra os demócratas superviventes en forma de penas de cadea perpetua, traballos forzados, detencións e arrestos, expedientes de incautación de bens ou prohibición expresa para o exercicio da función ou cargo público”, explican desde a secretaría de Memoria Histórica, encabezada por Francisco Javier Quintas.

A práctica anulación de partidas orzamentarias por parte do goberno do PP á Lei de Memoria Histórica impulsada polo PSOE durante o goberno de Rodríguez Zapatero, impiden que o Estado cumpra coas débedas pendentes en materia de dereitos humanos e memoria histórica, tal e como o demandan Rights International Spain, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou a ONU.

É, por iso, o Partido Socialista está a impulsar diferentes iniciativas neste senso encamiñadas a “reparar, protexer, recoñecer e facer xustiza á memoria das vítimas e represaliados, así como a denunciar a sistemática vulneración dos preceptos da vixente Lei de Memoria Histórica por parte dos gobernos do PP”.

 

O socialismo ourensán, a través da súa secretaría de memoria histórica, rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto da nosa provincia

 

MEMORIA

O socialismo ourensán, a través da súa Secretaría de Memoria Histórica, rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto da nosa provincia

Ourense, 27 de xaneiro de 2017. O 1º de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 27 de xaneiro como o Día Internacional da Memoria das Vítimas do Holocausto e, por extensión, de todas aquelas persoas que viron truncada a súa vida por mor do fanatismo, a intransixencia e crueldade fascista. En España o Golpe de Estado de xullo de 1936 deu inicio a unha das etapas máis negras da nosa historia, unha etapa tinguida de odio, de morte e sangue, de medo e humillación para milleiros de persoas no noso país. A natureza fascista e xenocida da ditadura franquista –así considerada desde o ámbito académico – vén de ser recoñecida poucos días atrás polo propio Parlamento Galego nunha declaración institucional coa que restablecer a memoria de milleiros de homes e mulleres vítimas da senrazón.

O historiador Enrique Barrera na súa obra Galegos en Mauthausen infórmanos de que 179 foron os galegos que sufriron reclusión nos campos de exterminio nazi, 34 dos cales eran ourensáns. José García Rodríguez, Manuel Yebra Dacoba, Julio Rajó Lorenzo, Antonio Villar Febrero, Isauro González Prada, Tiberio Fernández Lorenzo, Jesús Vázquez Valdominos, Avelino Pérez Rodríguez, Abilio Álvarez Bernardo, Antonio Diéguez Blanco, Benedicto Folla Arias, Ramón Conde Ramos, Antonio Araújo González, Manuel Soutullo Iglesias, Antonio Vázquez González, Eligio Formoso Fernández, Jesús Fernández Rodríguez, Demetrio Rey Domínguez, Magin Pérez López e Alberto Suárez Gallego encontraron a morte vítimas dos traballos forzados, as torturas ou as penosas condicións de vida ás que os someteron os soldados nazis no tristemente célebre campo de exterminio; doutras catro persoas máis, Antonio Pérez, Francisco Cortez, Francisco Iglesias Fernández e Santiago Durán Durán nada máis se voltou saber.

De Mauthausen e outros centros de exterminio nazis chegaron a ser liberados os ourensáns:

- Joaquín Balboa García, nacido o 22-08-1908 en Estevisiños (Monterrei). Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 3 de abril de 1941 e foi liberado polas tropas norteamericanas o 05-05-1945.
- Serafín Blanco Valcárcel, nacido en Ourense o 08-01-1912. Foi feito prisioneiro o 24-01-1943 e trasladado ao campo de concentración de Sachsenhausen. Foi liberado o 03-05-1945.
- Julio Domínguez Rodríguez, natural de Quintela de Leirado, nacido o 01-04-1916. Foi deportado a Mauthausen o 25-03-1944 e liberado o 05-05-1945.
- Albino González González, nacido o 18-11-1915 en Mones (Petín). Foi trasladado ao campo de concentración de Mauthausen o 03-04-1941, procedente de Trier. Foi liberado o 05-05-1945.
- Luis Iglesias Grande, nacido o 05-09-1913 en Currás. Foi deportado desde Trier a Mauthausen o 25-01-1941 e liberado o 05-05-1945.
- Manuel López Martínez, nacido en Señorín o 25-08-1915. Foi conducido desde o campo de Fallingbostel a Mauthausen o 08-09-1940. Foi liberado co resto de españois o 05-05-1945.
- José Mosquera González, nacido en Ourense o 14-06-1918. Foi deportado a Mauthausen procedente de Moosburg o 06-08-1940. Liberado tamén o 05-05-1945.
- Egidio Piñeiro Conde, nacido o 13-08-1913 en Taboadela. Ingresou en Mauthausen procedente de Trier o 25-01-1941. Foi liberado o 05-05-1945.
- José Rivada Nóvoa, natural de Rivela, nacido o 26-12-1914 e deportado a Mauthausen o 13 -12-1940. Foi liberado o 05-05-1945.
- Verísimo Rodríguez Ollero, nacido o 25-05-1919 en Paderne de Allariz. Foi deportado desde Moosburg a Mauthausen o 06-08-1940. Foi liberado o mesmo día cos seus compañeiros.
- Jaime Vázquez Estévez, nacido en Bouzadrago (Entrimo) e deportado a Mauthausen desde o campo de Sandbostel o 03-03-1941. Quedou en liberdade o 05-05-1945.

Os socialistas ourensáns, comprometidos como estamos coa Memoria Histórica, desexamos ter un agarimoso recordo e rendemos tributo ás vítimas da barbarie fascista nesta data tan especial, entendendo que este compromiso coa memoria é algo permanente e un dos nosos signos de identidade. É por iso que a nova Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense conta cunha Secretaría de Memoria Histórica que traballará para manter a chama viva de todas as vítimas do fascismo, a cal proximamente dará a coñecer as súas iniciativas e proxectos. Xa que logo, para todas as vítimas vaian aquí o noso fraternal recoñecemento e sentida homenaxe.