Posts Tagged ‘ recortes ’

O PSdeG-PSOE de Ourense apoia a folga indefinida na xustiza galega ante a bochornosa desvergoña da Xunta cos empregados e empregadas públicas

Membros da executiva provincial acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado

Os socialistas din que: “é un paro nacido da dignidade dun sector que ve como se pisotean os seus dereitos e non se atenden as demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.35 (1)

 

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense apoia  e secunda a folga indefinida dos e das empregados e empregadas públicas da xustiza galega na súa loita contra os recortes que leva practicando o goberno de Núñez Feijóo desde hai 5 anos. Membros da executiva provincial do PSOE acudiron á concentración celebrada hoxe nos xulgados de Ourense, en solidariedade coas xustas reivindicacións dun colectivo discriminado con respecto ao resto do Estado. Os socialistas reclaman, ademais, que o goberno autonómico se sente a negociar e acabe coa folga para evitar que se produzan máis atrasos nos procedementos xudiciais.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta folga iniciada o pasado mércores 7 de febreiro “é un paro nacido da dignidade duns traballadores e traballadoras que ven como se conculcan os seus dereitos salariais e como non se atenden as súas demandas de aumento de persoal que redundaría en beneficio de todas e todos”. O malestar do colectivo de empregados e empregadas públicos da xustiza que xa provocara xornadas de protesta anteriores ven xustificado polo maltrato continuo que exerce o goberno da Xunta de Galicia sobre uns 2.500 funcionarios e funcionarias xudiciais, aplicando desde hai anos recortes que levaron a unha redución de salario dun 20%.

Os e as socialistas consideran que esta folga vai provocar aínda máis lentitude nuns xulgados ateigados de traballo e non entenden que provoca a pasividade da Xunta ante unhas reivindicacións que están sendo secundadas por unha media do 95% do persoal. Desde o PSOE consideran que o goberno de Feijóo, asemade, está sendo contraditorio coas propias consignas do Partido Popular posto que “se eles andan pregoando que xa chegou a recuperación económica non se entende que non se lles devolva o equivalente á redución que lles foi aplicada entre os anos 2013 e 2016”. “Ademais falamos da única comunidade do Estado español na que se aplicou este recorte salarial sobre o colectivo de traballadores/as xudiciais cuxo salario depende en parte do goberno autonómico”, destacan.

Por outra banda, os socialistas indican que os sindicatos falan de reclamacións de subas salariais do 16% co obxectivo de recuperar parte dos cartos perdidos cando se lles aplicaron as reducións. É dicir, están a reclamar unha suba que está 4 puntos por baixo da porcentaxe que se lles aplicou no seu momento. Ademais, coidan que sendo os e as empregados e empregadas da xustiza galega, os e as únicos en sufrir estes retallos que oscilaron entre os 10.000 e 3.500 euros por traballador, están a padecer unha clara discriminación e desvantaxe comparativa. Porén, este colectivo tamén reclama a actualización dos seus salarios, toda vez que levan desde 2010 sen facelo.

De todos xeitos, segundo denuncian os propios sindicatos dos e das traballadores e traballadoras, o presidente da Xunta non só fai caso omiso das reivindicacións senón que ata parece usar a prepotencia ante colectivo agraviado. No día de onte retou ás organizacións sindicais a que cuestionaran a súa oferta de suba salarial cando, coas cifras na man, o goberno autonómico oferta un aumento para aplicar aínda no ano 2021 que deixaría aos e ás empregados públicos xudiciais por debaixo da media do que se cobra no resto dos territorios estatais na actualidade, sen contar coas subas que se lles efectúen no resto do Estado. Desde o PSdeG-PSOE ourensán conclúen que Feijóo falta á súa responsabilidade como máximo gobernante deste país ao permitir que continúe unha folga que vai prexudicar ao conxunto de toda a sociedade, mentres el non atende as xustas reclamacións laborais e de mellora do servizo dun colectivo especialmente castigado polo goberno galego.

A degradación da sanidade en Ourense non é cousa do inverno, senón da Xunta do PP

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco sumouse á concentración cidadá en contra da decisión do goberno galego de reducir de novo o número de camas no CHUO, “convertendo unha situación crítica en insostíbel”.

O déficit de prazas prodúcese nun centro que leva oito anos soportando recortes.

Blanco anunciou iniciativas parlamentarias fronte á “intolerábel” decisión da Consellería de Sanidade de reduci-las novas unidades de 21 a 36 camas, que se suma ao déficit de máis de 100 camas derivado do peche do Hospital de Piñor, e a un “sobreaforo crónico” doutras tantas no CHUO; e trasladoulle aos traballadores e pacientes do mesmo o apoio dos socialistas galegos á protesta cidadá convocada pola Comisión de Centro, á que se sumaron os veciños ourensáns “cansos de recortes e carencias na sanidade pública”.

conc

 

 

A Dirección Provincial do PSdeG-PSOE fai un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación en defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei

16/03/2017
By

Raúl Fernandez anima aos cargos públicos e orgánicos e aos militantes para que apoien coa súa prensenza as reivindicacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, o vindeiro sábado

Os socialistas amosan a súa preocupación polos recortes, reducións de persoal e na atención que está a sufrir a importante área sanitaria do hospital de Verín

 Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei 

Ourense, 16 de marzo de 2017. A dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, en nome do seuSecretario Xeral, Raúl Fernández, quere manifestar o total apoio da organización á manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei prevista para o vindeiro sábado en Verín. Do mesmo xeito, Raúl Fernández, fai un chamamento a todos os cargos públicos e orgánicos do Partido Socialista na zona para que acudan á mobilización en defensa da calidade da atención sanitaria na comarca de Monterrei. Lembra que xa foron varios os compañeiros que se pronunciaron nos distintos Plenos dos concellos da bisbarra para reclamar unha sanidade totalmente pública, gratuíta, digna e de calidade para os veciños e veciñas da área sanitaria de Verín.

Os socialistas ourensáns queren facer súas as reivindicacións da Plataforma, en sintonía co que sempre defenderon, e amosan moita preocupación ante a redución de efectivos no servizo de medicina interna e no persoal nos centros de saúde da comarca. Así mesmo, consideran que a plataforma fai unha esixencia máis que xusta ao reclamar o servizo de pediatría hospitalaria para a unidade paritorio. Como é ben sabido, o hospital comarcal de Verín, dependente da Xestión Integrada de Ourense, non só atende aos  veciños da comarca de Monterrei  senón que supón o centro de referencia, para algunhas especialidades, para outros municipios, coma os da veciña comarca de Xinzo, por exemplo.

Garantir a calidade do servizo é algo prioritario e fundamental para os socialistas da provincia que non están dispostos a permitir as derivacións de pacientes a centros privados que se están a producir.

Por outra banda, o Secretario Xeral quere destacar que os problemas que se viven na comarca de Monterrei, son comúns ao que está a pasar no resto da provincia e do país, onde os recortes dos gobernos do PP están deixando o seu sentir, por exemplo, nos atrasos incomprensibles nas listas de agarda para as cirurxía.

Se ben, dende o PSOE, sempre se defenderon os servizos públicos, no caso da sanidade, pódese afirmar que se trata dun caso de extrema prioridade posto que se está a xogar coa saúde de todas e todos. Por todo isto, dende o PSdeG-PSOE de Ourense consideran fundamental que o vindeiro sábado, ás 18:30 horas, na praza do Concello de Verín, se sumen todas e todos aqueles que defenden unha sanidade pública de calidade.

O Grupo de Sanidade reúnese coas asociacións de pacientes

Onte, 17 de xuño, representantes do Grupo Sectorial Provincial de Sanidade da Agrupación Provincial do PSdeG de Ourense, mantiveron unha reunión coas asociacións de pacientes con actividade na nosa provincia, que serviu como toma de contacto con estas entidades.

Os representantes dos pacientes detalláronnos cómo as carencias que a situación actual do sistema sanitario está a provocar en toda a poboación, inciden, cunha intensidade moito maior, no colectivo a cuxos membros respresentan, xa que estes sufren dun xeito cotián os problemas derivados de decisións como a do re-pago das menciñas ou a do pago polo uso de ambulancias, entre outras.

Contacto directo por correo electrónico co devandito Grupo de Sanidade: gtsanidadpsdeou@gmail.com .

Os socialistas denunciamos a voladura controlada dos servizos sociais a través da redución de fondos ao Plan Concertado e a retirada de apoio económico á Teleasistencia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de dar conta, en rolda de prensa, dunha serie de iniciativas rexistradas no Congreso e no Senado e dunha moción para presentar nos concellos de Galicia, instando ao Goberno de Rajoy a recupera-lo financiamento da Teleasistencia e a incrementa-las partidas destinadas nos orzamentos xerais do Estado de 2013 ao Plan Concertado.

Seara chamou a atención sobre os efectos dos recortes sobre o aumento da exclusión social en Galicia e en Ourense. “O risco de exclusión social é cada día maior, e as cifras de pobreza non deixan de medrar, e neste marco social e económico o Goberno de Rajoy toma unha decisión que será dramática para a provincia de Ourense e para Galicia”, como foi a supresión nos orzamentos do Estado do 2013, da partida destinada á Teleasistencia.

Pero o problema agrávase co Plan Concertado, creado polos socialistas a finais dos 80, coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da prestacións básicas dos servizos sociais. “Ponse en risco a supervivencia do propio Plan Concertado e do propio sistema de prestacións sociais básicas”. Estamos a falar, segundo a deputada socialista, do plan no que se sustentaron os servizos sociais básicos que puxeron en marcha e manteñen os concellos, converténdose nun piar básico da propia economía local.

Seara advirte que, dado que a lei limita o endebedamento municipal “estamos ante o risco que desaparezan os servizos sociais básicos no 95% dos concellos de Galicia, pola imposibilidade de mantelos”.

A deputada socialista subliñou que nos orzamentos do Estado do 2011, se adicaron ao Plan Concertado case oitenta e sete millóns de euros, dos que lle corresponderon a Galicia 7 230 000€. Ademais, “se repartiron con criterios que beneficiaban á nosa Comunidade autónoma e a Ourense”, lembra Laura Seara, pois se tiñan en conta a dispersión da poboación e de número de persoas dependentes.

No 2012, primeiro orzamento que aproba o PP no Goberno, “a partida destinada ao Plan Concertado se reduce case á metade”, denuncia a compañeira, e pasa a corenta e sete millóns de euros, correspondendo a Galicia 3 900000€.

Nos orzamentos do 2013, “parece que lle queren dar o tiro de graza ao Plan Concertado”, xa que os fondos voltan mermar, nun 42% respecto ao ano anterior, e nun 65% respecto ao 2011. Queda pois, segundo as cifras que expoñía a socialista, en vintesete millóns de euros destinados para o conxunto do Estado. A cifra para Galicia se reduce a apenas 2 200 000€, “dez veces menos do que levou Bárcenas a Suíza”, comparou.

Se a este dato se lle suma a desaparición dos orzamentos do Estado da Teleasistencia, o Goberno de España adica oitenta céntimos por galego (a mesma ratio para a provincia de Ourense); e iso “pasa en dous anos e nun momento de crise brutal, que afecta ás persoas máis vulnerables” salienta a deputada, para quen as medidas do PP de eliminar dos Presupostos do Estado a Teleasistencia e reducir á mínima expresión as partidas para o Plan Concertado, supoñen condenar a moitos concellos e comunidades autónomas, e comparables a “pechar hospitais en tempos de epidemia”. Por iso se pregunta a compañeira sobre silencio da Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “que non di nada cando en dous anos rebaixáronlle a Galicia nun 65% os orzamentos destinados ao Plan Concertado e reduciron a cero o destinado a Teleasistencia”.

Seara acusa aos populares de ter deseñado unha“demolición controlada”, usurpando os servizos sociais ás persoas que máis o necesitan e cun dano incalculábel, sobre todo no medio rural, xa que, aínda que os servizos sociais da capital e cabeceiras de comarca teñen uns respaldos técnicos, os numerosos pequenos concellos rurais da provincia, “non poderán manter a prestación de servizos sociais” que viñan ofrecendo a unha poboación moi envellecida, o que preocupa a Seara.

Outra consecuencia directa deste recorte é o paro: xa se está a despedir ao persoal dos concellos galegos pola imposibilidade de mante-las prazas de traballadores sociais. “Ao longo deste ano, estes despedimentos irán a máis”, prognostica a deputada.

O drama esténdese ás ONGs, que están saturadas, porque asumen os servizos que non poden da-los concellos, pero recibindo tamén menos axudas, porque se financian menos programas; “a pescada que morde a cola”, describiu Seara, que se preguntou qué lle fixo ao PP Ourense, porque “tódalas decisións que toman a perxudican: anulan concellos, retiran xulgados, se pecharán oficinas das caixas… a provincia leva camiño de converterse nunha reserva natural”.

Os socialistas advertimos de que, co actual ritmo de recortes, Ourense chegaría aos 125 000 pobres en nove anos

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de denunciar que, de continuar os recortes ao ritmo actual, a nosa provincia podería acadar a cifra de 125 000 pobres no 2022; o 40% da súa poboación.

A nosa previsión deriva da predición dos analistas para o conxunto do Estado, que sitúa o número de cidadáns catalogables como pobres en España, para dentro de nove anos, en 18 millóns.

A compañeira salienta que ata o de agora, “o aguante das prestacións e das pensións, permitía conte-las taxas de pobreza de Ourense”, pero que “este patrón está a mudar” debido “á non revalorización das pensións, á suba do IRPF, que afecta aos pensionistas, e aos copagos farmaceútico e sanitario en moitos servizos” impostos polos gobernos de Rajoy e de Feijóo.

A estes datos hai que engadir, segundo informa a deputada, que tódalas proxeccións de poboación que se fan sobre a nosa provincia advirten dun envellecemento permanente de poboación, o que “incrementa o risco de pobreza”.

“En Ourense e en Galicia haberá máis pobres, e os pobres serán máis pobres”, prognosticou a compañeira, que tamén advertiu de que, a día de hoxe, o 53% dos ourensáns chegan con moitas dificultades a fin de mes, e de que a fenda salarial entre os que máis e menos teñen, “lonxe de reverter, aumenta” por mor da crise económica.

Para Seara, o PP e Rajoy “seguen poñéndose de costas aos cidadáns”, e recentemente rexeitaron unha proposta socialista no Congreso que perseguía a creación dun fondo contra a pobreza de 1000 millóns de euros.

A compañeira fixo estas declaracións á súa entrada ás instalacións da Cruz Vermella de Ourense, ás que realizaou unha visita na que exerceron de anfitrións Teresa Rodríguez Babarro, presidenta provincial da entidade, e outros membros do seu equipo directivo.