Posts Tagged ‘ PNL ’

O PP négase a tomar medidas para evitar que os nenos alaricanos teñan que ir a escolas infantís de fóra da vila

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, vén de lamentar o veto do PP a unha Proposición Non de Lei, proposta polos socialistas, que tiña por obxecto evitar que os pequenos de Allariz sen praza en escola pública teñan que ir a outros concellos.

Na proposición, reclamabamos incrementa-lo número de prazas na escola infantil local, integrada no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, “ata niveis en que se elimine a lista de agarda e non sexa preciso que os nenos nados neste Concello teñan que desprazarse a outros centros de municipios próximos, nin incrementa-los concertos con entidades privadas”.

Na última adxudicación de prazas, para o curso 2017-2018, nove familias do Concello ficaron en lista de agarda, “aos que hai que engadir aos nenos e nenas deste Concello que na actualidade xa acoden a centros situados noutros municipios”.

Blanco acusou á Xunta de converte-las solicitudes de prazas nas escolas infantís “nun boleto de lotería”, cando un 31% das familias quedan fóra nas primeiras listaxes de admitidos, e acusou a Feijóo de “vivir das rendas das 54 escolas infantís que deixou proxectadas o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

A realidade, explicou a compañeira, é que o actual goberno tan só fixo oito centros públicos en oito anos”, a razón de un por ano, co que “ao ritmo actual, precisaríanse vintecinco anos para te-la rede de escolas infantís públicas que se precisa”.

O PP rexeita a Proposición Non de Lei socialista para afronta-los danos do temporal na provincia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara critica o rexeitamento hoxe polo PP, na Comisión de Agricultura do Congreso, á Proposición non de Lei do Grupo Socialista a prol da reparación dos danos sofridos debido aos temporais na nosa provincia; unha Proposición Non de Leir (PNL) da que Seara era autora, e coa que pretendía remedia-lo “ninguneo do Goberno á provincia de Ourense no Real Decreto que aprobou”.

Seara cualifica de “tomadura de pelo” que o Delegado do Goberno anunciase hoxe en Ourense “os mesmos 1,2 millóns” de euros que recolle o Decreto do Goberno en toda a provincia, e que só se destinan para o conxunto da Confederación do Miño-Sil”. Lembrou que “o temporal ocasionou na provincia de Ourense numerosos danos nas infraestruturas e aos sectores produtivos, causando, ademais, un esnaquizo devastador nas zonas agrícolas como A Limia, onde os danos superan os seis millóns de euros”.

Por iso, cualificou de “imperdonábel” o ninguneo do Goberno central aos afectados en Ourense, e lembrou que este “se visibilizou ademais o pasado 27 de febreiro, cando o Subdelegado do Goberno non estivo” na reunión que o Delegado mantivo co resto de subdelegados para aborda-lo plan de reparación dos danos causados polo temporal.

Así mesmo, a compañeira criticou con dureza a enmenda do PP á PNL do PSOE, ao considerala “un brindis ao sol e unha tomadura de pelo máis aos cidadáns de Ourense”.

A deputada conceptúa como “unha absoluta farsa” o feito de que o PP estea aprobando na Deputación e nos concellos moitos dos puntos que recolle a PNL socialista”, pero que hoxe no Congreso dos Deputados votase en contra.

Coa súa PNL Seara solicitaba:
- un informe coa avaliación dos danos na nosa provincia, con medidas correctoras nas localidades afectadas e preventivas nas poboacións e cuncas hidrográficas máis susceptibles de inundacións
- a declaración da comarca d’A Limia como zona catastrófica, e o establecemento de indemnizacións polos danos producidos en explotacións e gandeiras da provincia
- a concesión de axudas directas por danos persoais
- ídem materiais, específicas, para
· facer fronte á reconstrución de locais comerciais e vivendas
· subvenciona-la reparación de danos na rede viaria, especialmente na A-52, N-525 e N-120 ao seu paso pola provincia
· subvencionar infraestructuras de titularidade pública como centros de ensino, instalacións deportivas e zonas termais danadas polo temporal.
- retomar, de xeito inmediato, as infraestructuras de regadíos planificados n’A Limia e que desapareceron dos orzamentos Xerais do Estado nos dous últimos exercicios
- beneficios fiscais
- bonificación na Seguridade Social
- a concesión de anticipios e créditos extraordinarios para dar cobertura orzamentarioa inmediata a estas axudas

A Proposición de Seara tamén instaba á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Douro, a levar a cabo as actuacións necesarias para evitar incidentes como o vivido polo desbordamento de varios ríos. “Deberían sentir bochorno por non votar a favor desta PNL” díxolles Seara aos deputados do PP, mesmos destinatarios da súa seguinte advertencia: “dende logo, quedan vostedes incapacitados para volver á Limia con este novo insulto a toda a provincia”.