Posts Tagged ‘ obras ’

O PSdeG-PSOE de Maceda acada a unanimidade do pleno para catro iniciativas ante a parálise do PP

A portavoz, Ana María Rodríguez, destaca a “satisfacción do PSOE para seguir traballando nestas iniciativas útiles que recollen as necesidades reais da vila, co fin de que executen en tempo e forma”

Os socialistas denuncian a falta de transparencia e a absoluta parálise do grupo de goberno do PP ante as demandas dunha veciñanza que se sinte abandonada

Ourense, 8 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE do concello ourensán de Maceda acadou a unanimidade para as catro iniciativas que presentou a debate durante o último pleno municipal. En contraposición coa absoluta parálise do goberno local do PP, os socialistas traballan e dan cara desde a oposición. Desta forma, os socialistas lograron acordos para paliar os danos ocasionados polas tormentas e as cheas; para mellorar a calidade da auga da traída; para implementar axudas municipais en material escolar funxible e impreso do alumnado de educación infantil e para acometer melloras nas obras executadas na rúa da Pena.

A portavoz municipal dos socialistas, Ana María Rodríguez, destaca a “satisfacción do PSOE para seguir traballando nestas iniciativas co fin de que se poidan executar en tempo e forma”. “Estamos a falar de mocións útiles que recollen as necesidades reais da vila e dos seus habitantes, fronte a situación de deixadez absoluta do goberno local que practica a vagancia dunha forma constante”, denuncia. “Nós traballamos para ofrecer solucións e damos a cara atendendo as demandas dunha veciñanza que se sinte totalmente abandonada polo seu concello”, asevera antes de recordar que estarán “vixiantes para que estes compromisos unánimes se cumpran á maior brevidade posible ou volveremos á carga, porque nos debemos ó pobo e como o PP non traballa pola veciñanza desde a alcaldía, estamos a facelo os socialistas desde a oposición”.

A labor do PSdeG-PSOE de Maceda fronte o desleixo do goberno local, permitirá orzamentar axudas municipais para material escolar funxible e impreso destinado ó alumnado de educación infantil –de 3 a 6 anos– tras redactar unha sinxela ordenanza municipal que regulará a tramitación e concesión. Trátase dunha idea que o grupo municipal socialista reitera ante o pleno, posto que xa fora levada a debate con anterioridade, pero que o PP non materializou. A sesión tamén acordou demandar da empresa adxudicataria das obras na rúa da Pena unha execución correcta das mesmas, ademais de instar ó Concello a habilitar medidas de seguridade viaria para residentes e peóns, e a ordenar adecuadamente a circulación e aparcadoiros de vehículos nesta rúa.

Así mesmo, a corporación aprobou realizar un plan de prevención de danos causados por tormentas e cheas, solicitando axuda á Xunta de Galicia para a súa realización. Tamén se elaborará un estudo sobre o estado dos sumidoiros e dos desaugues naturais das vertentes dos ríos do municipio. O acordo unánime promovido polo PSdeG-PSOE tamén servirá para establecer mecanismos de control municipal sobre o mantemento da depuradora da auga da traída, así como esixir auga de calidade á empresa de abastecemento, e compensación económica ós usuarios e usuarias a causa dos prexuízos derivados dos cortes e a turbidez da auga da traída.

A portavoz cuestiona unha vez máis a absoluta falta de transparencia do goberno local conservador, que se nega a celebrar os plenos segundo o estipulado na Lei 7/1985 reguladora das Bases do Réxime Local, que determina que as sesións ordinarias do pleno terán lugar cada tres meses nos municipios de hasta 5.000 habitantes, caso de Maceda. “A falta de transparencia é absoluta porque están a convocar as sesións ordinarias totalmente fóra de prazo, cada 4 ou 5 meses, incumprindo flagrantemente a lexislación, xa que o alcalde quere furtar á veciñanza o seu dereito a estar informados, a participar activamente na vida municipal a través do pleno, mentres tamén nos coarta o exercicio do control democrático dende unha oposición construtiva”, conclúe Rodríguez.

Os socialistas de Ourense únense á loita da Plataforma en Defensa do castelo de Monterrei tralas aberrantes obras de formigonado dun camiño real

Acudiron á concentración convocada o 28 de xaneiro ante as obras aberrantes de formigonado realizadas pola Xunta de Galicia no camiño medieval que rodea a fortaleza

“O uso indebido e innecesario deste ben público e actuacións danosas co patrimonio, son xeitos de facer política só amparados polo curtopracismo e afalta de valores do PP”, denuncia a executiva

WhatsApp Image 2018-01-29 at 10.18.33

Ourense, 29 de xaneiro de 2018. A executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense amosou onte o seu público apoio á Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei. O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario de organización, Juan Carlos Francisco Rivera, acompañaron ó alcalde socialista de Verín, Gerardo Seoane, e ás numerosas persoas que participaron na concentración como repulsa á unha nova vexación deste emblemático conxunto monumental: o formigonado do camiño medieval que rodea á fortaleza.

O apoio da dirección provincial do partido enmárcase nas accións desenvolvidas durante os últimos anos por esta plataforma, coa finalidade de recuperar o carácter público dunha construción emblemática secuestrada polas políticas do PP. E que, na actualidade, o monumento é un ben privativo do que só poden desfrutar os acaudalados hóspedes que se aloxan no que agora é unha instalación hoteleira que resulta, ademais, inxustificable debido á existencia, a só uns metros, dun parador nacional erixido nos anos 60 que, nin por asomo, cubre o seu aforo. De feito, está pechado durante longas temporadas.

“O uso indebido e innecesario deste ben público e actuacións danosas co patrimonio senlleiro galego como o vergoñento formigonado, son xeitos de facer política só amparados polo curtopracismo e a ausencia de valores públicos que caracterizan ó Partido Popular”, denuncia a executiva do PSdeG-PSOE. Os socialistas aseguran que “a fortaleza é unha construción singular cun alto valor extratéxico no eido cultural e turístico, que debe ser utilizada pola cidadanía co debido respecto patrimonial, así como con miras ó seu aproveitamento público e ó desenvolvemento de toda a comarca”.

Os socialistas de Leiro advirten de que o vindeiro mes de abril empezarán as “rebaixas” coa “campaña de obras” por parte do goberno municipal

Os socialistas de Leiro denuncian que o goberno municipal segue a enganar aos veciños, utilizando tódalas canfurnadas habidas e por haber para sacar rédito político cara ás próximas eleccións municipais, ao usaren obras que xa deberían estar iniciadas e/ou rematadas antes deste ano electoral, moitas delas propostas polos socialistas no pleno do Concello; e mostran a súa total indignación pola “tomadura de pelo” que supón a utilización desa “campaña de obras” a menos de dous meses das eleccións.

Pola contra, os compañeiros de Leiro lembran que eles chegan cos “deberes feitos”, ao non deixaren para o final do mandato municipal o seu traballo como oposición, materializado en todo tipo de iniciativas destinadas a cumprir coas súas obrigas de defende-los intereses e dereitos dos veciños, que consideran conculcados polo goberno municipal, así como en fiscalizaren a este último.

En contraposición a esta vocación de traballo polos veciños, os socialistas sitúan a “inacción, inaptitude, pasotismo e ineficacia” do grupo de goberno, que trata de que o alcalde siga na cadeira “custe o que custe” e de disimular que neste mandato municipal se sucedeu “incumprimento tras incumprimento”, co “engano” da devandita “campaña de obras”, feita ás carreiras.

Seara acusa a Pastor de facer “trilerismo”co AVE a Ourense e anuncia que pedirá a súa comparecencia para que explique “a gran mentira” que contou aos ourensáns

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara anuncia que pedirá a comparecencia na cámara da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que explique a paralización nas obras do AVE na nosa provincia.

A compañeira lembra que “xa o pasado mes de marzo, os parlamentarios socialistas ourensáns nas Cortes advertimos en rolda de prensa da posibilidade de que se paralizasen as obras do AVE nalgúns tramos que estaban en execución na provincia de Ourense por impagos da Administración; despois advertimos da existencia dun informe de ADIF que cambiaría os proxectos; agora vemos que o tempo nos dá a razón”.

A deputada indica que “cando Pastor chegou ao Ministerio, todos sabiamos onde estaba o AVE: estaba camiño de Ourense, coas mesmas prestacións que os do resto do Estado, cun acceso exterior na cidade de 17 km., dende Taboadela, e cunha estación adxudicada a un dos arquitectos máis presitiosos do mundo: Norman Foster” Pero hoxe, segundo denuncia Seara denuncia “o PP e Ana Pastor converteron a Ourense nun tapete, e o AVE nunha boliña que cada día esconden baixo un gobelete distinto”. Neste senso, a deputada incide na “ensalada de cifras” que o Goberno ofrece nas súas respostas parlamentarias sobre a execución do AVE a Galicia e na provincia de Ourense. Este “mareo de datos contraditorios ten un único e perverso obxectivo: confundir á cidadanía para ocultar que se parou o AVE, e que un ano despois da chegada do PP ao Goberno, xa non se sabe cando nin como chegará; só sabemos que non chegará no 2015 como asinara Feijoo tras chegar á Xunta no 2009”.

Por elo, a compañeira destaca que “a realidade é que, mentres a Ministra Pastor anuncia investimentos pantasma, as empresas teñen que comunicar aos seus traballadores que se paralizarán as obras porque Fomento non paga”, habendo “unha clara e nauseabunda estratexia por parte do Goberno, que tamén é dos ourensáns, para enganar a Ourense e a quen vivimos aquí, con relación ao AVE, como antes fixeron coas pensións ou o IVA”.

Seara recrimina que a Ministra “Pastor non quere vir a Ourense a consensuar; vén a pastorear a esta provincia, con novos enganos, vellas mentiras e unha chea de cifras contraditorias, boliñas e gobeletes; sabe perfectamente que hai consenso hai anos: Ourense quere un AVE de primeira, cunha entrada exterior e unha estación xa adxudicada a Foster; todo está decidido e planificado, e Pastor só ten que adxudicalo, pero non o fai, e apúntase ao trilerismo, coa complicidade do PP de Ourense e a connivencia de Feijóo”.