Posts Tagged ‘ Noela Blanco ’

Os socialistas analizarán nun encontro en Ourense os retos demográficos da UE

Diversos cargos  socialistas galegos falarán de demografía xunto ós eurodeputados Iratxe García e José Blanco; ó alcalde de Soria e o conselleiro de Presidencia do Principado de Asturias. As catedráticas Mercedes Molina e María Xosé Rodríguez Galdo, e o profesor Alberto Saco, participarán nunha mesa de debate sobre políticas públicas para a recuperación demográfica

Analizaranse os retos demográficos da Unión Europea, centrándose na economía e a poboación no ámbito rexional, nun encontro que terá lugar na cidade de Ourense, durante a mañá do vindeiro venres 11 de maio no restaurante San Miguel.

Nesta xornada estruturada en torno a unha conferencia e dúas mesas de debate, participarán dous deputados no Parlamento Europeo; expertos en cuestións demográficas, económicas e xeográficas; cargos socialistas de institucións públicas doutras provincias de España; e membros do PSdeG-PSOE.

A inauguración da xornada correrá a cargo do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; do eurodeputado, José Blanco; e do secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. A conferencia inicial centrada nas estratexias de loita contra a despoboación en Europa, vai ser impartida pola eurodeputada e presidenta da delegación socialista española na UE, Iratxe García. Será presentada por Marina Ortega, secretaria de políticas sociais dos socialistas galegos.

A primeira mesa de debate porá o foco nos factores explicativos da poboación e a actividade económica. Moderada por Alexia Guede, secretaria de demografía da executiva provincial de Ourense, contará coa participación do alcalde de Soria, Carlos Martínez; do conselleiro de Presidencia do Principado de Asturias, Guillermo Martínez; e do portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga.

A segunda mesa centrará o debate na incertidume e as políticas públicas para a recuperación demográfica, e será moderada pola deputada galega, Noela Blanco. No debate participarán a catedrática de xeografía humana da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Molina; o profesor de socioloxía da Universidade de Vigo, Alberto Saco; e a catedrática de historia e institucións económicas e membro do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, María Xosé Rodríguez Galdo. Por último, a clausura da xornada estará en mans de Pablo Arangüena, vicesecretario xeral e portavoz do PSdeG-PSOE.

Solicitamos en numerosas ocasións á Unión Europea, unha estratexia efectiva fronte ó cambio demográfico, así como o recoñecemento dos territorios que sofren este problema. Non  debemos esquecer que toda Galicia e, especialmente, a provincia de Ourense, son unha das rexións de toda Europa con maior taxa anual de despoboamento e con peor taxa anual de fertilidade, só superada –en negativo– por algunha provincia de Castela e León, a illa de Cerdeña e algunha rexión de Grecia.

Unha das propostas recollidas no último informe dos socialistas europeos sobre despoboamento, pasa por aumentar a eficacia dos fondos europeos nas zonas con problemas demográficos. Ese documento expón unha batería de medidas para que, na aplicación dos instrumentos da futura política de cohesión, tamén se teñan en conta os desafíos demográficos das rexións. Así, o informe reclama maior coordinación entre os instrumentos das distintas políticas europeas, e solicita a creación dunha estratexia sobre o cambio demográfico, así como un marco xurídico europeo que recoñeza especificamente todos os territorios que sofren desvantaxes demográficas.

Consulta o programa a continuación:

 

Acto PSOE 11 mayo retos demograficos Ourense

A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na elaboración da nova comisión executiva local da cidade de Ourense

Este acordo integrador de todas as sensibilidades políticas, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova directiva provincial

Unha reunión interparlamentaria con representantes do Congreso, Senado, Parlamento Galego e Deputación Provincial permitirá traballar de forma conxunta e unificada para mellorar Ourense

WhatsApp Image 2018-02-02 at 18.37.34

 

Ourense, 2 de febreiro de 2018. A executiva provincial do PSdeG-PSOE destaca o importante consenso acadado na formación da nova comisión executiva local da cidade de Ourense. Despois dun intenso proceso de diálogo e debate, as diferentes sensibilidades políticas que xa confluíran no III congreso provincial, foron quen de lograr un acordo que beneficiará ós socialistas e ós ourensáns. Este acordo, sen dúbida, foi posible grazas ó favorecemento do consenso e ó fortalecemento interno que impulsa a nova executiva socialista. Desde a directiva provincial recordan que no congreso sentáronse as bases dun novo tempo no socialismo na provincia –agora tamén reflectido na directiva local na terceira cidade de Galicia–, que se caracteriza polo acordo, a integración e o respecto. Desta forma, o PSdeG-PSOE de Ourense fortalécese e poderá retomar o seu papel como elemento clave na dinamización política, económica e social dunha provincia secuestrada polo clientelismo político do PP.

Neste mesmo senso de unificación e traballo conxunto, os socialistas mantiveron a primeira reunión interparlamentaria. Participaron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Rocío de Frutos Madrazo; o senador no Senado, Luís García Mañá; a deputada no Parlamento de Galicia, Noela Blanco Rodríguez; o deputado na Deputación Provincial, Francisco Fraga Civeira, e outros membros da comisión executiva provincial.

A interparlamentaria permitiu fortalecer a cohesión e o coñecemento interno dos distintos cargos públicos; a posta en común dos perentorios problemas que afectan a Ourense; e establecer unha “folla de ruta” para coordinar accións conxuntas nas diferentes institucións parlamentarias nas que os socialistas teñen presenza. Estas reunións terá continuidade con encontros regulares nos vindeiros meses, para consolidar así unha liña de actuación neste novo tempo socialista, co fin de sacar a Ourense do buraco no que o PP o meteu desde hai tres décadas.

A degradación da sanidade en Ourense non é cousa do inverno, senón da Xunta do PP

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco sumouse á concentración cidadá en contra da decisión do goberno galego de reducir de novo o número de camas no CHUO, “convertendo unha situación crítica en insostíbel”.

O déficit de prazas prodúcese nun centro que leva oito anos soportando recortes.

Blanco anunciou iniciativas parlamentarias fronte á “intolerábel” decisión da Consellería de Sanidade de reduci-las novas unidades de 21 a 36 camas, que se suma ao déficit de máis de 100 camas derivado do peche do Hospital de Piñor, e a un “sobreaforo crónico” doutras tantas no CHUO; e trasladoulle aos traballadores e pacientes do mesmo o apoio dos socialistas galegos á protesta cidadá convocada pola Comisión de Centro, á que se sumaron os veciños ourensáns “cansos de recortes e carencias na sanidade pública”.

conc

 

 

Baltar leva o seu nepotismo á extinción de lumes, priorizando as zonas cercanas ás propiedades dos responsables da Deputación

Na comparecencia de Baltar Blanco hoxe no Parlamento galego para presenta-los orzamentos da Deputación, a nosa deputada Noela Blanco acusouno de leva-lo nepotismo ata a extinción da vaga de lumes, cando “o primeiro que fixeron foi enfria-las zonas cercanas ás propiedades dos responsables da Deputación”.

A deputada criticou que teñan destinado 1,4 millóns de euros para manter un servizo “privado” de extinción, que utilizaron para atender ás súas propiedades “mentres outros concellos, asolados polas lapas e mesmo evacuados, tiñan que facer fronte ao lume con alcaldes á fronte desta crise e veciños utilizando os seus propios medios”; e todo elo mentres o presidente da Deputación estaba “desaparecido en combate” e demostrando unha “falla de respecto” que leva a que, dezanove días despois, aínda “non chamou ao alcalde de Carballeda de Avia, onde faleceu unha persoa, para ver se precisaba de algo”, o que deu pé á compañeira para decirlle “vostede non ten nin corazón nin vergoña”.

A nosa deputada reprochoulle tamén que “por moito que se presente aquí como moderno e vangardista, a súa xestión decimonónica e arcaica do ente provincial delátao, e fai necesario que para sacar a Ourense da marxinalidade económica, política e social na que se atopa, o primeiro paso sexa que abandone xa o pazo provincial”, e acusouno de facer do “nepotismo e a compra de vontades” unha forma de goberno que “está a ser cercada pola xustiza”, lembrando convocatoria masiva de postos de promoción interna a catro días das eleccións

A compañeira tamén lle criticou o aumente a partida orzamentaria da Deputación destinada a persoal nun 2% (o dobre do que gastan o resto das deputacións), e “máis do 39% o orzamento adicado a pagar favores”, o que se enmarca nunha xestión “especialmente escandalosa se temos en conta que segue racaneando atencións de carácter benéfico-asistencial a mozos, maiores ou persoas con discapacidade”, pois a política social tan só recibe un 5% do orzamento, fronte ao 18% de Lugo, o 17 d’A Coruña ou o 14 de Pontevedra, nunha provincia que ten 20 305 desempregados, e 433 cotizantes menos que no pasado mes.

A deputada censurou tamén a Baltar Blanco o “reparto de fondos aos concellos baixo criterios de sectarismo político”, e reclamou un Plan Único que permita “un reparto de investimentos con criterios de equidade, obxectividade e transparencia”, apuntando que, mentres na nosa provincia tan só destina o 6% do orzamento provincial a este propósito, Lugo inclúe o 25% dos orzamentos para obras no seu Plan Único, Pontevedra o 27% e A Coruña o 43.

Noela Blanco solicita a declaración da Festa do Polbo de Carballiño como de Interese Turístico Internacional

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas para instar á Xunta a “impulsar e apoiar tódalas actuacións necesarias para axiliza-la declaración da Festa do Polbo de Carballiño como de Interese Turístico Internacional”

Blanco destacou a relevancia socioeconómica deste certame, que se celebra o segundo domingo de agosto; lembrando que a declaración desta Festa como de Interese Turístico remóntase a 1972, e conta dende o 2012 coa declaración de Interese Turístico Nacional, co que tan só resta a súa declaración como de Interese Turístico Internacional, dacordo coas bases que figuran na Orde ITC/1763/2006.

A compañeira sinalou que esta declaración está “máis que xustificada” para un encontro que, neste ano no que celebrou a súa 55ª edición, reuniu a máis de 100 000 persoas, que consumiron aproximadamente 50 toneladas de polbo, sen ter en conta os actos gastronómicos e culturais que rodean á celebración.

O PP négase a tomar medidas para evitar que os nenos alaricanos teñan que ir a escolas infantís de fóra da vila

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, vén de lamentar o veto do PP a unha Proposición Non de Lei, proposta polos socialistas, que tiña por obxecto evitar que os pequenos de Allariz sen praza en escola pública teñan que ir a outros concellos.

Na proposición, reclamabamos incrementa-lo número de prazas na escola infantil local, integrada no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, “ata niveis en que se elimine a lista de agarda e non sexa preciso que os nenos nados neste Concello teñan que desprazarse a outros centros de municipios próximos, nin incrementa-los concertos con entidades privadas”.

Na última adxudicación de prazas, para o curso 2017-2018, nove familias do Concello ficaron en lista de agarda, “aos que hai que engadir aos nenos e nenas deste Concello que na actualidade xa acoden a centros situados noutros municipios”.

Blanco acusou á Xunta de converte-las solicitudes de prazas nas escolas infantís “nun boleto de lotería”, cando un 31% das familias quedan fóra nas primeiras listaxes de admitidos, e acusou a Feijóo de “vivir das rendas das 54 escolas infantís que deixou proxectadas o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

A realidade, explicou a compañeira, é que o actual goberno tan só fixo oito centros públicos en oito anos”, a razón de un por ano, co que “ao ritmo actual, precisaríanse vintecinco anos para te-la rede de escolas infantís públicas que se precisa”.

Reclamámoslle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día de Pereiro de Aguiar e axilice a súa apertura

A nosa deputada e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, presentou hoxe unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que asuma a xestión do Centro de Día d’Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, e axilice a súa posta en marcha, censurando que a “neglixencia” amosada pola Xunta e o Concello provocou que o centro tan só estivera aberto tres meses dende que fora comprometido en 2003.

Blanco lamentou que, “na actualidade, pasados catorce anos dende que aqueles dous gobernos do PP iniciaran as xestións para levantar unha residencia que prestase servizo aos maiores e dependentes deste Concello, o Centro de Día segue pechado”. Esta é a conclusión do proceso de construción dun servizo que foi un “cúmulo de despropósitos” por parte dos gobernos local e autonómico. Así, o Concello e a Xunta asinaron no 2003 un convenio para a construción, un proceso que rematou no 2008. Co inmoble rematado, o Concello negouse nun primeiro momento a recepcionalo alegando que o saneamento era incorrecto. Porén, no 2012, o xulgado estableceu que o edificio fora construído sobre chan que non era propio, devolvéndolle a titularidade das terras aos veciños.

O Centro foi aberto no 2013, pero logo da súa privatización e durante un breve lapso de tres meses, co que hoxe, despois de catroce, segue pechado.

Demandamos medidas reais para apoiar aos agricultores afectados pola seca, as xeadas e o pedrazo

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de presentar unha interpelación no seu Pleno para esixir “medidas reais” para que a Xunta apoie aos agricultores, afectados pola seca, as xeadas de abril e o pedrazo de agosto, sinaladamente da nosa provincia “epicentro do desastre agrario”.

Blanco, que compareceu cunha camiseta co lema “Zona Cero da sequía” que aos gandeiros non lles deixaron lucir no salón de Plenos, advertiu que o sindicato Unións Agrarias ten cifrado en máis de 14,5 millóns de euros as perdas para os viticultores derivadas das xeadas de abril e do pedrazo de agosto, mentres que o sector da castaña perdeu 1,5 millóns de euros polos mesmos fenómenos.

A compañeira denunciou que o goberno galego “ou descoñece ou lle da o mesmo” a situación destes profesionais, criticou que a Xunta limite a aprobación de axudas ás datas con eleccións autonómicas (como as de tipo directo aprobadas para a Ribeira Sacra en setembro de 2016), e reivindicou actuacións eficaces para salvar unhas explotacións que “corren o risco de arruinarse e desaparecer”.

Verbo da Conselleira, lembrou que non tivera “a intención de reunirse cos representantes dos gandeiros, agricultores e viticultores” máis alá de “facerse unha foto en Santiago con dous alcaldes da provincia anunciando axudas” para zonas determinadas alonxadas das máis afectadas, como O Ribeiro ou o oriente da provincia, e reclamoulle que “saia do seu despacho e se poña a traballar”.

E no tocante ás axudas para o fomento da contratación de seguros, a deputada afirmou que “son tan miserables que nalgúns casos non chegan nin a unha axuda de dous euros” (mentres a Xunta desbota aprobar liñas de crédito do IGAPE especiais para os afectados), e que están “lonxe de se-la solución” ao problema, mentres a banca non abra o crédito para estes profesionais, que “carecen de ingresos” suficientes para devolve-los préstamos, máxime tendo en conta o desastre que anticipa a seca.

Dez anos esperando por un novo centro de saúde no Pereiro

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reivindica-la construción dun novo Centro de Saúde en Pereiro de Aguiar, solicitado polo concello dende hai dez anos e comprometido polo presidente da Xunta dende o 17 de maio do 2016. Malia os anuncios, as obras continúan sen comezar.

Blanco acusou ao presidente da Xunta de “muda-los seus compromisos por enganos” na provincia, explicou que “os anuncios do PP para a construción do centro de saúde fixéronse sempre meses antes das eleccións autonómicas e municipais, sen que teñan posto nin unha soa pedra ata o momento”, lembrando que hai un convenio asinado entre o Sergas e o Concello dende o 1 de xullo de dito ano 2016. Ademáis, a Xunta dispón xa dun terreo cedido polo Concello, pero o proxecto continúa bloqueado a pesares de figurar nas memorias de orzamentos do 2016 e tamén do 2017.

Por iso a compañeira lle reclama a Feijóo “fixar, de forma inmediata, un calendario para o inicio, execución e remate das obras do novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar, así como asigna-las partidas orzamentarias correspondentes para que poidan ser levadas a cabo durante esta lexislatura”.

A deputada defendeu a urxencia do novo inmoble para un Concello en continuo crecemento que conta cun centro de saúde integrado no edificio da Casa Consistorial, o que impide a implantación de novas especialidades médicas necesarias, como Pediatría, Odontoloxía ou Fisioterapia, ademais de amosar “graves eivas de accesibilidade”, xa que nin ascensor hai.

Noela Blanco denuncia unha “complicidade escandalosa” entre Feijóo e Baltar Blanco para “manter unha rede clientelar impropia do século XXI” coas axudas da Deputación aos concellos

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, vén de denuncia-la “complicidade escandalosa entre os gobernos de Feijóo e Baltar Blanco para manter unha rede clientelar impropia do século XXI” na Deputación. Blanco presentou unha pregunta parlamentaria denunciando que a institución provincial reparte os fondos para os concellos con criterios “clientelares”. “Basta de insultar e de faltarlle ao respecto aos alcaldes”, sinalou a deputada cando o goberno galego se negou onte a responder das prácticas da Deputación, a pesares de que esta última “trata á cidadanía como ‘de segunda’ e castiga aos que decidiron non votar ao PP”, nunha “mostra de sectarismo político”.

A compañeira apelou á “responsabilidade directa” da Xunta, por canto lle entrega fondos á Deputación e “mira para outro lado” no seu reparto, e destacou a proposta dos alcaldes da provincia, que veñen de reivindicar, diante da Deputación, un Plan Único que permita un reparto de investimentos con criterios de equidade e transparencia, criterios, xa que logo, “obxectivos, independentemente da cor política“, en lugar dos seis plans que o PP usa agora para reparti-los fondos con criterios clientelares.

Blanco lembrou que, mentres a Deputación de Lugo inclúe o 25% dos seus orzamentos para obras no Plan Único, a de Pontevedra o 27% e a de A Coruña o 43, a nosa “apenas chega ao 6%”, e advertiu de que hoxe, máis da metade dos fondos son repartidos con criterios subxectivos, poñendo como exemplo os casos de dous concellos da nosa provincia que rozan os 10 000 habitantes, no que o gobernado polo PP recibe 185 000€, e o que ten un alcalde socialista apenas 74 000, mentres que, cun Plan único, o primeiro recibiría 582 000, e o segundo 534 000.