Posts Tagged ‘ infantil ’

O PP négase a tomar medidas para evitar que os nenos alaricanos teñan que ir a escolas infantís de fóra da vila

A deputada pola nosa provincia e voceira de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento galego, Noela Blanco, vén de lamentar o veto do PP a unha Proposición Non de Lei, proposta polos socialistas, que tiña por obxecto evitar que os pequenos de Allariz sen praza en escola pública teñan que ir a outros concellos.

Na proposición, reclamabamos incrementa-lo número de prazas na escola infantil local, integrada no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, “ata niveis en que se elimine a lista de agarda e non sexa preciso que os nenos nados neste Concello teñan que desprazarse a outros centros de municipios próximos, nin incrementa-los concertos con entidades privadas”.

Na última adxudicación de prazas, para o curso 2017-2018, nove familias do Concello ficaron en lista de agarda, “aos que hai que engadir aos nenos e nenas deste Concello que na actualidade xa acoden a centros situados noutros municipios”.

Blanco acusou á Xunta de converte-las solicitudes de prazas nas escolas infantís “nun boleto de lotería”, cando un 31% das familias quedan fóra nas primeiras listaxes de admitidos, e acusou a Feijóo de “vivir das rendas das 54 escolas infantís que deixou proxectadas o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

A realidade, explicou a compañeira, é que o actual goberno tan só fixo oito centros públicos en oito anos”, a razón de un por ano, co que “ao ritmo actual, precisaríanse vintecinco anos para te-la rede de escolas infantís públicas que se precisa”.

A contumacia do PP negando cirurxía pediátrica permanente en Ourense supón maltrato aos nosos nenos

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, defendeu unha Proposición Non de Lei para que a Xunta restableza o servizo de cirurxía pediátrica as 24 horas e durante todo o ano no CHUO, unha iniciativa rexeitada polos votos do PP.

Blanco criticou o “maltrato” do goberno galego a un colectivo sensíbel como o dos nosos nenos. “A cidadanía vaise remover contra esta medida, e moitos profesionais están ‘que trinan’; a xente quere solucións, non literatura barata”, censurou a nosa deputada.

A compañeira destacou casos publicados nos Medios de Comunicación, como o dun neno que tivo que ir de Coles a Ourense e de Ourense foi desprazado a Vigo, polo que estivo máis de seis horas sen ser intervido dunha torsión testicular, “poñendo en perigo a súa saúde”; ou o dun pai que leva cinco meses esperando a que operen a súa filla dunha hernia inguinal e denuncia que o están empuxando a acudir á sanidade privada.

A deputada lembrou que, ata o 2013, había tres cirurxiáns pediátricos, e trala a xubilación dun deles e o traslado doutro, en lugar de repoñe-las prazas, optaron por suprimi-lo servizo e deixalo só de luns a venres pola mañá, trasladando o resto a Vigo, situación que deu pé a Blanco a exemplificar: “Feijóo é como Bush; se arden os montes, talamos as árbores”, aclarando que “isto non é unha fusión, é unha supresión”.

Blanco apuntou que hai noventa nenos en toda a provincia pendentes de ser operados, e denunciou os problemas de desprazamento, conciliación e gastos “ás veces case inasumíbeis” que a esta situación supón para os pais, que teñen que viaxar por varios días para a operación do seu fillo, percorrendo cen quilómetros ata Vigo se viven en Ourense cidade e “ata o dobre” se son d’O Barco.

A compañeira denunciuou que a Xunta está “encamiñada a que se desmantele totalmente este servizo, que funcionaba ben e que era fundamental” en Ourense, e que este desmantelamento “non é un caso aillado na provincia, da que Feijóo só se lembra en campaña para dicir que é dos Peares”, lamentou.

A discriminación de Ourense chega ao punto de a ratio de cirurxiáns pediátricos por cada coruñés é tres veces superior á que corresponde cada ourensán. “Que lle fixemos os ourensáns?”, preguntou Blanco.

No debate desta P.N.L. na Comisión de Sanidade do Parlamento, estaba presente a deputada ourensá Marta Rodríguez Vispo, pero non tomou a palabra e foi outra deputada non ourensá quen interveu en nome do PP. “Non me extraña que non haxa hoxe ningún deputado de Ourense defendendo aquí isto”, reprochoulles a nosa compañeira.