Posts Tagged ‘ dereitos humanos ’

Manifesto con motivo do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

A Secretaría de Igualdade da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense manifesta o seu rotundo rexeitamento a todo tipo de prácticas encamiñadas a agredir o corpo das mulleres e das nenas

Ourense, 6 de febreiro de 2018. Con motivo do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina, o 6 de Febreiro, desde o PSOE queremos manifestar un ano máis, o noso máis rotundo rexeitamento a este tipo de prácticas e agresións ao corpo das mulleres e das nenas, que non ten ningunha xustificación e que significa claramente unha auténtica aberración e violación dos dereitos humanos fundamentais e unha forma máis  de  violencia  exercida   sobre   as   mulleres,   adolescentes   e   nenas. A OMS véno reiterando, e Nacións Unidas insta aos Estados a velar porque a protección e a prestación de apoio ás mulleres e nenas sometidas ou en risco de ser sometidas á mutilación xenital feminina sexan unha parte esencial das políticas e os programas que combaten esta práctica e a proporcionar ás mulleres e as nenas mecanismos de prevención e resposta multisectoriais coordinados.

Así mesmo, o Parlamento Europeo na súa Resolución do ano 2014 sinala que as institucións internacionais, europeas e os Estados membros desempeñan un papel de primeira orde na prevención da mutilación xenital feminina, a protección das mulleres e nenas e a identificación das vítimas.

No noso país a práctica da MXF está prohibida e convén recordar que durante o mandato do Goberno socialista de Rodríguez Zapatero en xullo do ano 2005, aprobouse a Lei Orgánica 3/2005 de modificación da Lei Orgánica 6/1985 do Poder Xudicial, para perseguir extraterritorialmente a práctica da mutilación xenital feminina, cando a comisión do delito realizásese no estranxeiro, como sucede na maior parte dos casos, aproveitando viaxes ou estancias nos países de orixe de quen se atopan no noso país.

A posición do PSOE é clara e contundente, e a través do Grupo Parlamentario Socialista presentamos diferentes iniciativas parlamentarias co obxectivo de seguir esixindo e  reforzando  as  medidas  e  recursos  necesarios  para  eliminar radicalmente ditas prácticas. Por iso, no ano  2012  presentouse  unha Proposición Non de Lei relativa ao respaldo á  ONU  na  loita  contra  a  mutilación  xenital  feminina, e en febreiro do ano 2016, presentouse unha Proposición Non de Lei relativa ao Protocolo de actuación integral nesta materia co obxectivo de instar ao Goberno a desenvolver actuacións de sensibilización para avanzar na detección e prevención, así como o desenvolvemento dun protocolo de actuación integral para garantir unha maior protección cara ás mulleres e nenas.

As cifras da práctica da MXF son relevantes e preocupantes:

Segundo as diferentes organizacións que traballan neste ámbito, UNICEF sinala que máis de 200 millóns de nenas e mulleres no mundo sufriron a mutilación xenital feminina, e segundo ACNUR existen 3 millóns de nenas sometidas á ablación do clítoris cada ano, as menores de 15 anos son as principais vítimas da mutilación xenital e 20.000 delas piden asilo cada ano na Unión Europea para escapar desta.

Pola súa banda a OMS indica 30 países de África, Oriente Medio e Asia onde se concentra esta práctica, sendo na maioría dos casos practicada na infancia, entre a lactancia e os 15 anos e segundo os seus propios datos indican que 91,5 millóns de mulleres e nenas maiores de 9 anos en África padecen actualmente as consecuencias da mutilación xenital feminina. En África estímase que 3 millóns de nenas corren o risco de ser sometidas a estas prácticas cada ano.

En España segundo os datos da Fundación Wassu UAB a través do Mapa da MXF correspondente a 2016, hai 69.086 mulleres que proveñen de países onde se realizan estas prácticas, un 5,2% máis que en 2012. Delas, 18.396 son nenas entre 0 e 14 anos, representando o 16%.

Para rematar, o PSOE mantén o seu compromiso activo contra a práctica da MXF no noso país e no mundo,  sumándose  ás  diferentes  Resolucións  dos Organismos e Institucións Europeas e Internacionais, e esixindo ao Goberno da Nación que adopte as medidas e recursos necesarios fundamentalmente en materia de prevención, información, concienciación e sensibilización, xunto a accións de intervención cos profesionais e as familias das comunidades procedentes dos países que seguen realizando estas prácticas, co obxectivo de eliminar radicalmente a práctica da MXF da vida das mulleres, adolescentes e nenas.

Secretaría de Igualdade da Comisión Executiva Provincial do PSde-PSOE de Ourense