Posts Tagged ‘ Adrián Borrajo ’

O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para reforzar a loita contra o fascismo que aínda quere sepultar a historia

Fortalecerase o traballo coas agrupacións locais, coas Xuventudes Socialistas e con asociacións irmáns que xa traballan neste ámbito para honrar ás vítimas e ás súas familias

O socialismo ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das accións nacían da iniciativa persoal que agora se verá reforzada desde a estrutura orgánica do partido

WhatsApp Image 2018-02-09 at 13.14.43 (1)

Ourense, 9 de febreiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Ourense crea unha secretaría de Memoria Histórica para recoñecer ás vítimas e reforzar a loita contra o fascismo, que aínda quere sepultar a verdade sobre o secuestro da democracia española durante catro décadas. É unha obriga moral do partido render tributo ós homes e mulleres que sufriron, dun ou doutro modo, as consecuencias da barbarie fascista desde 1936. Debemos lembrar que na provincia foron asasinadas máis de 500 persoas por defender a democracia. En toda Galicia a cifra ascende a 4.000, pero moitas máis foron perseguidas, ocultadas ou expulsadas.

De feito, o PSdeG-PSOE ourensán foi sempre moi activo neste eido, se ben a maior parte das súas accións nacían da iniciativa persoal de militantes e cargos orgánicos ou electos –concelleiros e alcaldes fundamentalmente–comprometidos. Actos de rehabilitación da memoria de Manuel Suárez Castro, ou Castor Sánchez Martínez e a corporación republicana de Amoeiro e, incluso máis recentemente, a declaración a prol da honorabilidade da masonería aprobada polos concellos socialistas de Amoeiro, Barbadás, Carballiño e Coles, –únicos en toda Galicia en facelo– son algúns exemplos. Agora dáse un paso máis para reforzar esta importante labor.

O secretario xeral, Rodríguez Villarino, destacou a importancia da Lei de Memoria Histórica porque “a recuperación da memoria é de todos”. “É unha lei bloqueada polo PP. É vergoñento e por iso é hora de que actuemos ante o que foi vilipendiado e pisoteado”, denunciou xusto despois de recordar que se trata da segunda secretaría deste tipo que se crea na comunidade galega.

Francisco Javier Quintas, que é o novo secretario de Memoria Histórica dos socialistas de Ourense, destacou que queren “recoller testemuñas e dignificalas” e, para iso, van ir da man con “asociacións irmáns como a UXT, as Xuventudes Socialistas e a Fundación Luís Tilve, para crear sinerxias”. Quintas destacou que van traballar especialmente con Xuventudes e as agrupacións locais do partido “para chegar ás vítimas e ás familias, porque tralo golpe de estado, moitas quedaron na indixencia polo mero feito de defender a democracia”. “Creamos un blog [ourensesocialista.blogspot.com] para envorcar a información e darlle difusión. Será tamén un punto de unión e un canal de difusión dos logros do PSOE neste ámbito”, relatou antes de concluír que “podemos aprender moito e non debemos permitir esquecer o que sucedeu”.

Unha das ferramentas máis importantes será o blog, que funcionará como principal elemento difusor e como punto de encontro das persoas interesadas. Ademais das habituais entradas, o espazo web conta con outras seccións como efemérides socialistas, dicionario do socialismo ourensán, eventos ou lecturas recomendadas. A acción difusora verase reforzada cun perfil na máis importante rede social, así como no espazo web do PSdeG-PSOE provincial.

O secretario de Xuventudes Socialistas(XXSS), Adrián Borrajo, destacou que os máis novos do partido “estamos comprometidos porque é a mellor forma de construír o estado de dereito e debemos recoñecer ós que deron a vida pola democracia”. “Queda moito por facer porque, desde que chegou Rajoy á Moncloa, presumiu de ser un gran demócrata a pesar de deixar nas cunetas ás persoas que deron a vida pola democracia”, denunciou. XXSS defende a derrogación da Lei de Amnistía que impide xulgar ós responsables da ditadura, así como a penalización do enaltecemento do franquismo e o fascismo.

Por último, o xornalista Xosé Lois Carrión destacou que “non é momento de falar de bos e malos porque o que se pretende é chamar as cousas polo seu nome” e salientou que “non é ningunha vinganza” porque se pretende “saber a historia real da persecución”. Pola súa banda, David Simón, presidente de Amigos da República, aseverou que a súa asociación “leva traballando 20 anos en todo o que ten que ver coa recuperación da memoria histórica” con todo tipo de perfís e persoas, celebrou que os socialistas poñan en marcha esta nova etapa, e dixo que espera “unha época de colaboración e intercomunicación”.