Os socialistas esiximos explicacións pola denegación de axudas aos afectados polos lumes que se produciron antes de xuño na nosa provincia


A deputada ourensá no Parlamento galego Carmen Acuña, rexistrou no mesmo unha iniciativa na que esixe explicacións ao goberno de Feijóo sobre denegación de axudas aos afectados pola vaga de lumes que se produciron antes do mes de xuño.

Acuña explica que ven de coñecer que o goberno central só contempla axudas para palia-los danos producidos nos lumes se estes se produciron a partir do mes de xuño, e advirte que esta decisión do PP “prexudica, e moito, a Galicia, xa que tres dos máis grandes lumes do ano 2012 se produciron na nosa terra e antes desa data: Fragas do Eume, Xurés e Carballeda de Avia (os dous últimos na nosa provincia).

Por elo, o Grupo Parlamentario Socialista quere obter respostas ás seguintes cuestións: “cómo contempla o goberno galego as axudas aos afectados polo incendio do agosto pasado na comarca de Valdeorras, qué contía van ter esas axudas, cales son as condicións para acceder a elas, cantos afectados cree o goberno que se poderán beneficiar das mesmas, e cando poderán acceder a elas, se as axudas virán do goberno da Xunta de Galicia ou do goberno do Estado, a canto estima o goberno que ascenden as perdas, e qué infraestruturas e instalacións de titularidade municipal resultaron afectadas”, entre outras.

Debate: “O PSOE ante a desafección política”

cartelDebate
A Secretaría de Formación da agrupación provincial de Ourense está a organizar diversas actividades para o ano 2013, que esperamos sexan do interese dos militantes e simpatizantes.
Debate: “O PSOE ANTE A DESAFECCIÓN POLÍTICA”
Descripción: debate sobre a imaxe dos representantes políticos, a desafección da cidadanía coa política, e as medidas que o PSOE podería tomar para recuperar a confianza dos cidadáns en diversos ámbitos: transparencia, limitación de mandatos, primarias, acceso á función pública…
Data: venres, 4 de xaneiro,
Hora: 19:15
Lugar: local da agrupación provincial, en Ourense
Modera: Francisco Fraga Civeira, alcalde de Piñor

Coloquio sobre Fiscalidade e Xustiza Social, organizado por Xuventudes Socialistas de Ourense

O vindeiro sábado 29 de Decembro, as Xuventudes Socialistas de Ourense organizan unha charla-coloquio, aberta, baixo o título “Fiscalidade e Xustiza Social”, na que intervirá Antía García,  Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo,  actualmente é inspectora da AEAT e membro da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia en excedencia. A ponencia versará, dun xeito participativo, sobre a importancia capital que a política fiscal ten como mecanismo vertebrador da xustiza social e da súa eficacia como ferramenta redistribuidora da riqueza.

Máis información na web das Xuventudes Socialistas de Ourense.

Raúl Fernández acusa a Feijóo de mentir sobre a paralización da autovía a Portugal pola Baixa Limia

Os/As socialistas acusamos a Feijóo de “mentir, enganar e agocharse de xeito covarde” tralos alcaldes, para paraliza-la autovía a Portugal pola Baixa Limia

O Secretario Provincial e voceiro de Infraestruturas do Grupo Socialista no Parlamento galego, Raúl Fernández, fixo esta afirmación tras coñece-las declaracións de Feijóo nas que acusa aos alcaldes da provincia de Ourense “de dificulta-la autovía a Portugal”. Fernández afirma que o único responsábel da paralización deste proxecto “é un ourensán que se chama Alberto Núñez Feijóo”.

O compañeiro lembrou as constantes “soflamas” e promesas do PP sobre a execución desta infraestrutura: “primeiro comprometeuna o Conselleiro de Infraestruturas, e agora o máximo responsábel do goberno decide que non é prioritaria”. Pola contra, o compañeiro subliñou a boa disposición que amosaron tódolos/as alcaldes/esas das comarcas de Ourense, Celanova e Baixa Limia para a construción deste vial.

Fernández acusou a Feijóo de mentir “descaradamente”, posto que recibiu “unha autovía perfectamente planificada e adxudicada”, entre Ourense e a fronteira portuguesa na Baixa Limia, lembrando que a Xunta está así a recortar “un proxecto estratéxico para o desenvolvemento da provincia de Ourense”, e enmarcou este feito no empeño de Feijóo en castigar á provincia de Ourense, algo que o noso Sº Provincial coida que o Presidente fai “cada vez que pode”.

Neste caso, ademais, o voceiro parlamentario de infraestruturas tamén acusou a Feijóo de “manter unha actitude covarde”, ao escudarse en falsas acusacións contra os/as mandatarios/as locais, e esixiulle que “dea a cara diante tódolos ourensáns e non se esconda” tras esas falsas acusacións.

Pola nosa banda, o compañeiro anunciou que o Grupo Socialista no Parlamento galego impulsará unha batería de iniciativas parlamentarias en tódalas Administracións “para que esta infraestrutura, que é capital para a provincia, se leve a bo termo”.