Seara solicítalle a Pastor unha reunión para que Fomento se comprometa coas infraestruturas pendentes na nosa provincia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, enviou unha carta á Ministra de Fomento na que solicita unha reunión con Ana Pastor, para aborda-lo escenario de paralización no que se atopan as infraestruturas na nosa provincia, e co fin de obte-lo compromiso do Ministerio respecto aos proxectos pendentes.

Na súa misiva, Seara alude á “difícil situación económica pola que atravesa o noso país; situación que no último ano non só non mellorou, senón que empeorou, sobre todo para as familias máis vulnerables”, sendo así que “neste complexo escenario económico é absolutamente esencial unha adecuada planificación dos investimentos que, con todo, non debe obviar aquelas infraestruturas que son primordiais para o desenvolvemento dos territorios”, por iso a compañeira lle traslada a Pastor “a necesidade que a provincia de Ourense ten respecto de poder dispoñer das infraestruturas apropiadas que sirvan como elemento de vertebración do territorio, así como de elemento dinamizador da economía e o desenvolvemento da provincia”, sendo así que a deputada considera “absolutamente perentorio que o Goberno concrete prazos e investimentos respecto das diferentes conexións da Alta Velocidade na provincia, así como unha clara definición dos proxectos de entrada do AVE na cidade de Ourense e da estación intermodal”.

Así mesmo, Seara pretende abordar con Pastor a situación de infraestruturas como a A-76, a N-525, a N-120 e diferentes proxectos provinciais que se atopan paralizados.

Tras lembrarlle á Ministra que é deputada elixida por unha circunscrición galega, a compañeira sostén que “Ourense é exemplo de provincia interior necesitada dunha firme aposta polo reequilibrio territorial, que non sempre é asumida polas administracións; e nesa aposta o Ministerio de Fomento debe xogar un papel determinante para vertebrar, dinamizar e abrir espazos de desenvolvemento e progreso en Ourense”.

Xa que logo, pola súa condición de “única deputada da oposición pola provincia de Ourense” no Congreso, Seara espera obter resposta positiva da Ministra respecto de a celebración da reunión que solicita.

Os socialistas instamos ao PP a expresar no seu congreso a súa determinación de erradicar a corrupción en Galicia

O Secretario de Organización do PSdeG-PSOE, Pablo García, criticou a dobre vara de medir do PP, e nomeadamente de Feijóo ante os casos de corrupción que afloran no seu partido. Así, o número dous dos socialistas galegos reproba a actitude “indignada” do Presidente da Xunta á saída da súa audiencia co Rei ao ser preguntado polo caso Bárcenas, cando Feijóo “ten o seu propio caso Bárcenas a 50km. do seu domicilio”, dixo aludindo ás contratacións de Baltar na Deputación de Ourense, “e leva moitos anos mirando cara outro lado”, acusou.

García afirma que o Presidente do PP en Galicia non ten que “rasga-las vestiduras” polo que pasou en Madrid, o mesmo que Dolores de Cospedal, a quen o responsable de Organización dos socialistas galegos insta a falar de Baltar aproveitando a súa presenza no congreso do PP en Lugo.

Para o compañeiro, “non existe un PP bo e un PP malo”, senón que o primeiro “é cómplice do que está pasando e leva pasando moitos anos” na nosa provincia.

García reclamou a Rajoy que se pronuncie tamén sobre a investigación dos contratos de Baltar dende a convención municipal que o PP celebra en Almería, “un foro moi adecuado” para debater sobre este asunto, e coñece-la opinión de quen no seu día dixera que “Baltar é o PP”. O dirixente do PSdeG tamén lembrou que o mesmo Feijóo nomeou superdelegado a Rogelio Martínez, compañeiro de partido ao que “pillaron tarde, porque xa prescribira”, preguntando García “onde está a indignación, o chegar ata o fondo, ou a tolerancia cero; onde está todo iso que di nas rolda de prensa”.
O compañeiro recriminou a Alfonso Rueda, Conselleiro da Presidencia –e, polo tanto, sobre quen recae a responsabilidade de supervisa-las deputacións-, que leve catro anos sendo “cómplice destas actuacións”, e esixiu aos PP que, aproveitando o congreso que celebran esta fin de semana, expresen “a súa determinación de erradica-la corrupción do PP galego, porque teñen aquí casos tan sangrantes e escandalosos como o de Bárcenas”.

Pola súa banda, o noso portavoz na Deputación, Ignacio Gómez, anunciou que pedirán informe de Secretaría sobre a capacidade dos deputados provinciais do PP -a excepción do alcalde de Avión-, para votar-lo pasado venres a investigación das contratacións de Baltar Pumar, moción que foi rexeitada precisamente cos seus votos. Para o noso voceiro, en cumprimento da Lei de Bases de Réxime Local, o Regulamento de Organización, funcionamiento e réximen xurídico das entidades locais, e a lei de Procedemento Administrativo, catorce dos quince deputados provinciais do PP poderían ter incorrido en prevaricación, xa que “está demostrada a relación de parentesco, consanguinidade ou afinidade” dos representantes populares coas persoas relacionadas co devandito asunto debatido no Pleno. Neste senso, os socialistas advertimos que seguiremos a evolución da nosa petición de informe e non descartamos acudir á vía xudicial correspondente.

Respecto aos anuncios do Presidente da Deputación de iniciar accións legais, Gómez non entende ben a quen se dirixe esta advertencia, “se aos Medios, ás persoas ou aos funcionarios que afirman na rúa que isto foi unha fábrica de enchufar durante moitos anos”. Caso de que vaia dirixida ao PSdeG, “xa pode ir correndo mañá mesmo”, emplazouno Gómez, quen afirmou que “os que mancharon o nome da institución foron eles”.

Xornada de asesoramento para concelleiras e concelleiros

portadaRegimenLocalO vindeiro sábado, 12 de xaneiro, terán lugar as primeiras sesións de asesoramento sobre temas de xestión municipal, dirixidas a concelleiras e concelleiros do Partido, membros das executivas locais e, en xeral, a calquera militante interesado. Trátase dunha xornada de resolución de dúbidas, a cargo dun equipo técnico, así como membros do Partido con experiencia en cargos municipais.

Haberá dúas sesións, en Ourense e Ribadavia, para facilitar a asistencia dende diferentes comarcas:

Comarcas de Bande, Caldelas-Trives, e Ourense: 10:00 na sede provincial
Comarcas de Carballiño-Ribadavia e Celanova: 16:00 na casa da cultura de Ribadavia

Nos vindeiros meses organizarase esta mesma xornada para as restantes comarca, en diferentes puntos da provincia, co fin de facilitar a asistencia dos compañeiros e compañeiras de todas as agrupacións. Avisaremos aos coordinadores comarcais e ás agrupacións con antelación.

Os socialistas advertimos de que, co actual ritmo de recortes, Ourense chegaría aos 125 000 pobres en nove anos

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de denunciar que, de continuar os recortes ao ritmo actual, a nosa provincia podería acadar a cifra de 125 000 pobres no 2022; o 40% da súa poboación.

A nosa previsión deriva da predición dos analistas para o conxunto do Estado, que sitúa o número de cidadáns catalogables como pobres en España, para dentro de nove anos, en 18 millóns.

A compañeira salienta que ata o de agora, “o aguante das prestacións e das pensións, permitía conte-las taxas de pobreza de Ourense”, pero que “este patrón está a mudar” debido “á non revalorización das pensións, á suba do IRPF, que afecta aos pensionistas, e aos copagos farmaceútico e sanitario en moitos servizos” impostos polos gobernos de Rajoy e de Feijóo.

A estes datos hai que engadir, segundo informa a deputada, que tódalas proxeccións de poboación que se fan sobre a nosa provincia advirten dun envellecemento permanente de poboación, o que “incrementa o risco de pobreza”.

“En Ourense e en Galicia haberá máis pobres, e os pobres serán máis pobres”, prognosticou a compañeira, que tamén advertiu de que, a día de hoxe, o 53% dos ourensáns chegan con moitas dificultades a fin de mes, e de que a fenda salarial entre os que máis e menos teñen, “lonxe de reverter, aumenta” por mor da crise económica.

Para Seara, o PP e Rajoy “seguen poñéndose de costas aos cidadáns”, e recentemente rexeitaron unha proposta socialista no Congreso que perseguía a creación dun fondo contra a pobreza de 1000 millóns de euros.

A compañeira fixo estas declaracións á súa entrada ás instalacións da Cruz Vermella de Ourense, ás que realizaou unha visita na que exerceron de anfitrións Teresa Rodríguez Babarro, presidenta provincial da entidade, e outros membros do seu equipo directivo.