Miguel Fidalgo esixe a finalización das obras do AVE en Ourense e asegura que “Galicia non ha de permitir unha Alta Velocidade en ‘simulación’ nin un AVE ‘en diferido’ “

O noso senador, Miguel Fidalgo, criticou na sesión de control parlamentario da Cámara Alta a indefinición e a falta de resposta da Ministra de Fomento, Ana Pastor, en relación á data de licitación e contratación das obras de Alta Velocidade no tramo de entrada na capital da provincia e a súa estación d’A Ponte.

Fidalgo preguntouse como é posíbel que no proxecto da Alta Velocidade a Galicia, de 617 quilómetros, estea todo o traxecto licitado fóra deses 17 quilómetros, e que se investan 13 000 millóns de euros (9 500 entre Olmedo e A Coruña) e non se poida remata-lo proxecto, faltando tan só un investimento final de 300 millóns de euros. Tras lembrar que “o AVE págano os impostos de todos os españois”, subliñou que “o atraso desta infraestructura ata o 2015 é responsabilidade súa e do PP; Galicia non ha de permitir unha Alta Velocidade en ‘simulación’ nin un AVE ‘en diferido’: queremos o que Galicia necesita para comunicarnos en condicións de igualdade co resto do territorio nacional”, apostilou o compañeiro.

Miguel Fidalgo tamén lembrou á titular do Ministerio de Fomento que o Rajoy a nomeou Ministra para xestionar infraestructuras como esta, de grande importancia para Galicia, e que o anterior Goberno fixo un enorme esforzo para sacala adiante, puntualizando que a Alta Velocidade a Galicia consta de 617 quilómetros e que a metade deste proxecto está funcionando entre Madrid e Olmedo e Ourense e A Coruña, lamentando que “a outra metade, ou está en obras ou acabada: o tramo entre Olmedo e Zamora está prácticamente rematado, o de Zamora a Puebla de Sanabria deberíase remata-lo vindeiro ano, e o de Puebla de Sanabria a Ourense está en obras, contratado ou licitado, e só fican eses derradeiros dezasete quilómetros da entrada á cidade”.

O noso senador concluíu manifestando a súa preocupación e a da provincia de Ourense polo “atraso inxustificado da licitación” deste tramo de 17 km, o único que queda para completar a rede.

Seara acusa ao Goberno central de facer “unha sopa de números” cos datos de execución do AVE na nosa provincia durante o ano pasado

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central na que este fai unha “sopa de números” cos datos de execución do AVE na nosa provincia durante o 2012. O obxectivo do Goberno con esa lea sería, segundo a compañeira, provocar confusión de datas e demorar aínda máis a chegada do AVE a Galicia. Por a deputada anuncia que presentará unha batería de iniciativas parlamentarias coas que pedirá ao Goberno que detalle a execución en cada un dos tramos do AVE na nosa provincia.

O Goberno sostén na súa resposta que o executado por ADIF na provincia de Ourense con cargo á partida da LAV Olmedo Lubian-Ourense no ano 2012 ascendeu a 531 905 000 €. Pero Seara lembra que, segundo datos aportados polo propio Ministerio de Fomento, a execución do AVE na provincia de Ourense no primeiro semestre de 2012 foi de 59,6 millóns de euros, tan só un 8,43% do orzamentado. Posteriormente, en outubro de 2012 Fomento sostivo que en setembro a execución ascendía a 133 millóns de euros, un 16,6% do que se presupostara. “E agora o Goberno di que a execución do 2012, aínda sen pechar o exercicio foi de 531,9 millóns, o que suporía algo máis dun 75% do orzamento”, di a compañeira, do que infire que “os datos que ofrece o Goberno son contradictorios”. Por iso lle pedirá, con novas iniciativas parlamentarias, “que aclare estes confusos datos e explique se realmente a execución do AVE na provincia pasou en menos de tres meses do 16% ao 75%”

Seara sinala que, en todo caso, “os datos non encaixan; son confusos e caóticos; e o Goberno debe explicar este desaguisado”, xa que “Ourense necesita certezas e non confusións”, e que, “tal e como advertimos os socialistas galegos no seu día, o Goberno non executou a totalidade do orzamento de 2012 para a liña de alta velocidade Olmedo-Lubian-Ourense: ao parecer, a tenor da resposta, dos 701,4 millóns de euros, deixaron sen executar 170 millóns”.

Ante a devandita resposta do Goberno central, a compañeira considera “rechamante que Rajoy se reunira con Feijóo para prometer que o AVE chegará a Galicia no 2018 e asegurar que cumprirá os prazos grazas aos investimentos que está realizando e aos que ten previsto realizar”, pois “se o Goberno de Rajoy non está realizando na súa totalidade os investimentos que se están a executar, tal e como demostra a resposta parlamentaria, e os investimentos dos anos vindeiros están por ver, a credibilidade de Rajoy nestes intres respecto da data da chegada do AVE a Galicia, é máis que cuestionábel”, conclúe. Por iso, Seara insta a Feijoo a “que revise os datos que lle deu Rajoy sobre o AVE a Galicia na reunión que mantiveron, porque as contas de Rajoy son contradictorias”.

“Á confusión que de novo xera o Goberno con esta resposta, engádense os ataques de sinceiridade” da Ministra Pastor cando recoñeceu, en respostas parlamentarias, que o AVE a Galicia se prevé estea rematado para 2018 “en principio”, suxeito ao “cumprimento da programación establecida en estudos e proxectos”. Este novo prazo confirma, para Seara “un atraso de tres anos na chegada do AVE a Galicia”, de xeito que, compracéndose delo, “Feijóo sentenza e enterra o Pacto do Obradoiro”, que fixaba como data límite o 2015, e que “el mesmo asinou”. É máis: con este “mareo de cifras ao que xoga o Goberno”, Seara teme que o atraso “sexa aínda maior”.

Así mesmo, a deputada remarca “as dúbidas sementadas por Pastor e polo Goberno do PP sobre se respectarán o proxecto de integración do AVE” na capital con “plenas características de Alta Velocidade” ou se, ao contrario, aproveitan “o trazado da vergoña”, condenando ao AVE a Galicia ao paradoxo de se-lo único do Estado que non será de alta velocidade. Seara lembra que ela mesma rexistrou no Congreso, en representación dos socialistas ourensáns e galegos, unha Proposición non de Lei para que o Goberno garanta a execución dos tramos Taboadela-Seixalbo e Seixalbo-Estación de Ourense, conforme á declaración de impacto ambiental aprobada no 2011 polo Goberno socialista, e que supón a construción da variante exterior.

Neste senso, a compañeira considera que “tampouco é fiábel que cumpran coa programación establecida, como no caso do proxecto da estación intermodal” da capital, que o Goberno socialista adxudico no 2011, e que o do PP paralizou ao compás da ambigüidade de “soterramento agora si, soterramento agora non, soterramento agora quizáis”.

Xornada de asesoramento técnico para concelleiras e concelleiros

portadaRegimenLocalO vindeiro sábado, 16 de marzo, terá lugar a terceira das sesións de asesoramento sobre temas de xestión municipal, dirixidas a concelleiras e concelleiros do Partido, membros das executivas locais e, en xeral, a calquera militante interesado da provincia de Ourense. Trátase dunha xornada de resolución de dúbidas, a cargo dun equipo técnico, así como membros do Partido con experiencia en cargos municipais. É importante destacar que non se trata dunha xornada sobre Política Municipal, senon sobre ferramentas, lexislación, trámites, etc, necesarios para o traballo das concelleiras e concelleiros.

Será ás 17:00 no Concello de Castrelo do Val, e está principalmente dirixida ás concelleiras e concelleiros das comarcas da Limia e Verín, ainda que como dixemos anteriormente, pode asistir calquera militante.

Organiza: Secretaría Provincial de Formación

Xornada formativa sobre Redes Sociais e Comunicación Política

A importancia das Novas Tecnoloxías no noso quefacer político cotián, ven sendo subliñada xa durante anos. Pero estamos chegando a un punto no que a presenza en Internet, en especial nas Redes Sociais, está a mudar incluso o concepto de campaña electoral.
Xa que logo, é obxectivo da Executiva Provincial do PSdeG en Ourense contribuír a mellora-las súas aptitudes neste eido a tódolos seus militantes e simpatizantes que o desexen, tanto usuarios habituais de Redes Sociais, como principiantes.
Para elo celebraremos unha xornada formativa este sábado, día 9 de marzo, na nosa sede provincial, a partires das 11:00h. e durante o resto da mañá, baixo o título “As Redes Sociais na Comunicación Política”, e co seguinte programa:

- “Redes sociais e Institucións. Ferramentas de ciberactivismo político” (a cargo de José Rúas Araújo, Profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Vigo).
- “A experiencia do Movemento de Acción en Redes” (a cargo de Jorge Expósito Alcocer, Secretario Nacional de Redes e Innovación)
- Coloquio / respostas a dúbidas que se plantexen.

Os interesados poderán inscribirse enviando os seus datos persoais básicos, incluído o da súa Agrupación Municipal, á conta de correo cp-ourense@psdeg-psoe.org , antes das 19:00h. do día 8 de marzo.