Seara propón un plan demográfico que evite o despoboamento da provincia co 0,5% dos cartos do rescate de dúas autoestradas privadas de Madrid

 

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou onte en rolda de prensa as nosas emendas aos orzamentos xerais do Estado 2015 para a provincia de Ourense.

Seara sinalou que estes orzamentos retratan a un Goberno central “que minte” e apuntou que, para a nosa provincia, trátase duns orzamentos “maquillados, nos que a práctica totalidade do investimento se vai ao AVE”, a pesares de que, como “xa se demostrou”, é algo que o Goberno do PP logo non executa, chegando a un grao de incumprimento de ata o 40%”. Porén, considerando ao AVE como “unha infraestrutura básica”, a deputada anunciou a presentación de emendas socialistas por 2 millóns de euros para a estación intermodal na cidade, por 3 millóns para a liña de alta velocidade Ourense-Vigo, e por 2 a Ourense-Lugo.

Tamén no eido de infraestruturas, propoñemos destinar 10 millóns de euros para a supresión de pasos a nivel en Galicia, 1 millón para un plan de impulso do transporte de mercadorías por ferrocarril na nosa Comunidade Autónoma, e outras emendas para proxectos de melloras nas estradas N-120, N-525 e N-541 e as autovías A-76 e A-52, ao seu paso pola nosa provincia. No caso desta última, inclúese o seu enlace co parque ambiental de Carballeda de Avia, a pesares de que o PP abandonou a creación deste coa chegada de Feijóo á Xunta, posto que é un proxecto ao que, segundo Seara “non renunciamos”

Como cuestión esencial para a mesma, a compañeira indicou “a necesidade de evitar o despoboamento do territorio, que é o virus que rela incesantemente a Ourense”. Neste senso, apuntou que a nosa é “a terceira provincia máis envellecida da UE, cun 29,6% da poboación que supera os 65 anos”, e que “segundo as proxeccións do INE, no 2023 a provincia terá perdido 52 211 habitantes en vintesete anos”. Por iso os socialistas presentamos unha emenda de 10 millóns de euros para un Plan Demográfico para as provincias de Ourense e Lugo, cantidade que equivalería só ao 0,5% do que o Goberno central “destinará a rescatar dúas autoestradas de Madrid para salvar as empresas que as xestionan”.

Seara tamén reclamou, con outra emenda por 10 millóns de euros, distintas actuacións na Ribeira Sacra, entre outras, o apoio da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, sostendo que a zona “é un dos territorios con maiores recursos naturais, culturais e paisaxísticos, que a fan merecedora desta candidatura, pero ao tempo está afectada por un despoboamento que debe evitarse”.

Tamén no eido cultural e patrimonial, propoñemos destinar 3 millóns de euros á catedral de Ourense e a diferentes castelos, mosteiros e museos da provincia, así como a un Plan específico de apoio ás nosas denominacións de orixe vinícolas. Para o a posta en valor e recoñecemento do Camiño de Santiago de Inverno (por Valdeorras) propoñemos destinar 12 000€.

Verbo do termalismo, Seara presentará outra enmenda aos orzamentos estatais por un montante de 3 millóns de euros, destinada a posta en práctica dun Plan de Termalismo da provincia, outra de 500 000€ para o boulevard da cidade, e unha de 1,3 millóns para os regadíos d’A Limia.

A compañeira tamén presenta emendas de 850 000€ para os colectores e a depuradora de Castrelo do Val, de máis de 2 millóns para melloras diversas de carácter medioambiental e fluvial, e 350 000€ para o Convenio de Recuperación do Parque Natural do Xurés.

Seara tamén se referiu ás propostas socialistas a nivel nacional para estes orzamentos, baseadas no rescate financeiro a familias e autónomos, un Pacto contra a pobreza infantil, a reindustrialización a traverso dun Plan Nacional de Referencia apoiado na Formación Profesional, a suba do Salario Mínimo Interprofesional ata o 60%, unha Lei de Igualdade Salarial entre homes e mulleres, e a necesidade de poñer couto ás escandalosas retribucións de altos executivos. Sobre esta última cuestión, contrastou cos datos de que “en Ourense hai 149 000 persoas inactivas e 26 700 desempregados, dos que 2900 buscan o seu primeiro emprego”, e sinalou a presentación doutra emenda, por valor de 50 millóns de euros, para un Plan de Emprego para Galicia.

Tras incidir en que “estes orzamentos do Goberno do PP consagran o engano como forma de facer política e a desigualdade”, afirmou que “todas estas emendas non son un capricho, e poderían ser executadas perfectamente, se hai vontade”.

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,