Os socialistas ourensáns denuncian que “grazas a Rajoy, nun 15% dos fogares da provincia de Ourense se pasará frío este inverno”

A deputada e o senador socialistas por Ourense nas Cortes Xerais, Laura Seara e Miguel Fidaldo, censuraron en rolda de prensa en Ourense o voto contrario do PP esta semana a unha Proposición de Lei do PSOE para garantir unha tarifa social de luz, gas (butano e propano) como un dereito social básico para os consumidores máis vulnerables.

A iniciativa socialista defendía, ademais, que non se corte en inverno a subministración enerxética para as persoas que se encontren en situación e pobreza enerxética, como poden se-las persoas con pensións mínimas, os fogares sen ingresos e con tódolos seus membros no paro. Os socialistas propoñemos que a diferenza entre a tarifa social e o consumo real se financie a través dos orzamentos xerais do Estado.

Laura Seara reprochou a Rajoy que non dixera “ ‘non’ a que no inverno sexa imposíbel corta-la subministración ás familias máis vulnerables” nin a que estes consumidores “non teñan que adicar máis do 10% dos seus ingresos ao pagamento do consumo de enerxía, cando ao ano se producen entre 2300 e 9300 mortes prematuras debido á pobreza enerxética, e hai xa en España sete millóns de persoas en situación de emerxencia social”.

En Ourense, afirmou, “grazas a Rajoy, nun 15% dos fogares da provincia pasarase frío este inverno” e lembrou que “66 426 fogares ourensáns teñen declarado que chegan con moita dificultade a fin de mes” e que “o 34% dos fogares na provincia ten como único ingreso as prestacións”. A iso hai que sumar, sostivo, que “a suba do 11% da luz, un dos recibos máis caros de Europa, é especialmente prexudicial para a provincia de Ourense, porque ademais de ás persoas, afecta aos cultivos agrarios e regadíos”.

A compañeira tamén sostivo que “Rajoy enganou os cidadáns sostivo porque dixo que a electricidade baixaría e a subiu nada menos que o 11%, e ademais, retiroulle o bono social da luz a 6094 ourensáns e a 37 016 galegos dende o 2011″. O número de familias beneficiadas por este bono social na provincia de Ourense, explicou, pasou de 57 479 no ano 2011 a 51 385 a finais do 2013. “Rajoy abandona a miles de persoas que sofren pobreza enerxética mentres lanza falsas mensaxes sobre a recuperación económica”, criticou.

Segundo expuxo a deputada, en Galicia, o gasto total anual en electricidade, gas e outros combustibles é de 1 361 196 000€, cunha media anual de gasto por fogar de 1282 euros. “Neste contexto, un 7% de familias galegas non poden mante-los seus fogares cunha temperatura axeitada, co que Galicia está por riba da media española de fogares que sofren esta situación; e convén lembrarlle a Rajoy que hai 22 552 fogares nos que hai carencias materiais, que hai 42 127 persoas que cobran unha pensión mínima, e que, xa en Ourense, hai 6272 que cobran unha pensión non contributiva e 16 741 que viven dunha prestación por desemprego”.

Así, a compañeira conclúe que “mentres o PP desvaloriza a calidade de vida dos cidadáns cos seus retallos, os socialistas achegamos propostas socialmente xustas e economicamente viables para recupera-la dignidade perdida de millóns de persoas”, para anunciar que os socialistas ourensáns presentarán mocións en tódolos concellos da provincia para frear a pobreza enerxética.

Seara reclamou “un grande pacto contra a pobreza enerxética na provincia, co fin de chegar a un punto de acordo que free este drama con consecuencias desoladoras”. “Pero non unha mesa de braseiro de burócratas senón un auténtico pacto social de institucións pero tamén de expertos, afectados e asociacións veciñais”.

Pola súa banda, Miguel Fidalgo repasou as partidas dos orzamentos xerais do Estado do 2015 para Ourense e afirmou que “son uns orzamentos sen alma”, e fixo fincapé en que “de nada serve que o Goberno central poña presuposto sobre o papel e infle os orzamentos estatais para Ourense coas partidas da AVE, porque son partidas que logo o Goberno non executa”.

Tras lembrar que as contas do Estado para Ourense non inclúen orzamento para proxectos fundamentais, como para a A-76, resumiu que “a realidade é que estes orzamentos son un castigo para Ourense”.

Por outro lado, o senador anunciou que a vindeira semana se debaterán na Cámara Alta diversas iniciativas sobre cuestións fundamentais para Ourense, como regadíos e infraestruturas, e outras sobre asuntos de importante interese social como o Alzheimer.

Tags: , , , , , , , , ,