Baltar Blanco non está lexitimado para falar de transparencia en ningún foro

O voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, afirma que Baltar Blanco está totalmente deslexitimado para falar de transparencia en calquera foro. Un presidente que vai “de tapadillo” na candidatura do PP en Esgos mentres é deputado autonómico, e entra na Deputación logo de dimitir o seu pai e un suplente, non pode falar de transparencia, porque se está a valer de artimañas para facerse co poder. Asemade, os métodos empregados para facerse coa Presidencia do PP son de todo menos transparentes, como recoñeceron no seu día cargos do PP na nosa provincia.

Para o noso compañeiro, a transparencia non se compra nin se vende, practícase. E Baltar Blanco válese de cursiños e compra de informes mediante externalizacións para aparentar ser máis transparente, pero é un xogo que só cre el.

O Presidente da Deputación entende mal o termo de transparencia. Transparencia non é escapar a correr para non comparecer cando hai un problema na provincia. E esta é a única transparencia que practica José Manuel Baltar. É transparente cando hai unha sentenza na súa contra, na contra de seu pai, ou en contra da Deputación, pero é transparente porque non comparece.

Tamén parece que practica a transparencia cando existen problemas como coa estrada de San Vicente en Vilamartín de Valdeorras: desaparece cando ten que atender os veciños. Baltar só quere aparecer nas fotos cando non hai problemas, pero cando hai unha crise ou un tema difícil de resolver, practica a súa “transparencia” e manda ao vicepresidente.

O Grupo Socialista si que lle pode dar clases de transparencia a Baltar Blanco, e con custo cero, non como todos os informes e cursiños que nos saen por un ollo da cara os ourensáns, para que este Presidente acomplexado simule ser “transparente”.

“Transparente” pode ser acudindo á Xustiza para reclamar que os máis de once millóns de euros que hai que devolver pola nefasta xestión (que está sendo investigada pola Xustiza) das persoas responsables, entre elas seu pai. “Transparente” tamén pode ser acudindo á Xustiza para que seu pai se faga cargo dos case 700 000€ que custaron os seus enchufados. Tamén pode practica-la transparencia facilitando a información que solicitamos os socialistas, e non poñendo trabas continuas, ou esclarecendo como é que se celebrou un congreso do PP en instalacións provinciais sen que pagasen por elo.

Ademais, a Baltar semella que non lle chega con lle aplaudan os seus acólitos, e pide, para unha xornada que organiza mañá venres, acudan os secretarios municipais, paralizando deste xeito o funcionamento dos Concellos.

Se quere ser transparente, dende o PSdeG de Ourense lle recomendamos que faga público todo o que leva gastado en decoración do seu despacho, en cadros ou na sala de Prensa. Se quere ser transparente, pode tamén explicar cómo se seguen a dar tantas ou máis subvencións a dedo das que daba o seu pai e a concellos do PP, ou cómo é que considera que non debe facilitar información aos deputados provinciais sobre Aquaourense, cando a ten colgada na web provincial. E para rematar de ser transparente, podería explicarlle á cidadanía canto e en qué, gasta millóns de euros en publicidade, protocolo, propaganda etc…, Ese si que sería un bó acto de transparencia e de “ourensanía”.

Hai que te-la cara moi dura, sostén Gómez, para que dea clases de “transparencia” o último enchufado de José Luis Baltar.

 

Tags: , , , , , , , , ,