Seara denuncia que 1135 coidadores familiares de persoas dependentes perderon as súas cotizacións á Seguridade Social en Ourense polos recortes de Rajoy

 

O número de número de altas de coidadores non profesionais de persoas dependentes na Seguridade Social na provincia de Ourense descendeu en 1135 persoas dende que goberna Rajoy, segundo unha resposta parlamentaria do Goberno central ao Grupo Parlamentario Socialista. Segundo os datos nela contidos, a afiliación destes coidadores pasou de 172 363 no 2011 a 14 594 en xullo do 2014, o que constitúe para os socialistas un desmantelamento da Lei de Dependencia ante o que resulta necesario salva-la Lei e garanti-los dereitos dos dependentes.

O retroceso sostido que sofre a Dependencia dende que goberna o PP faise tamén evidente nos orzamentos e no número de beneficiarios: hai 2265 millóns menos para o sistema de Dependencia; o número de beneficiarios ten descendido de 738 587 en decembro do 2011 a 721 512 en agosto do 2014 (17 075 menos); 177 000 dependentes con dereito recoñecido están desatendidos, aos que hai que engadi-las 314 000 persoas de Grao I, cuxo dereito a atención aínda non é efectivo polo atraso no calendario de aplicación da Lei.

Laura Seara denuncia o “desmantelamento da Lei de Dependencia” e a “grave deterioración do Estado do benestar”, sinalando que, “coa escusa da crise, estamos a asistir a un perigoso cambio de modelo, que demostra que o Goberno de Mariano Rajoy despreza aos máis vulnerables: desentendeuse das persoas dependentes reducindo drasticamente a achega do Goberno para financia-la Dependencia, poñendo en risco a súa sostibilidade, retallando dereitos e desmantelando a Lei”.

Antes esto, a deputada considera “necesario garantir, de xeito efectivo, o dereito das persoas en situación de dependencia”, e analizar que medidas son necesarias para manter e garanti-la sostibilidade do Sistema. Un sistema que, subliñou, “xera emprego, ten un importante retorno na creación de postos de traballo, sobre todo para as mulleres”.

Lembramos que, entre outras medidas, o PP paralizou o calendario de aplicación da Lei, impedindo ás persoas con dependencia moderada acceder a unha prestación ou servizo; eliminou dos orzamentos xerais do Estado a partida para o nivel acordado, que ascendía a 283 millóns; supriu os dous niveis en que se dividía cada grao; reduciu nun 13% a achega do Estado para o financiamento do nivel mínimo; rebaixou nun 15% a prestación económica por coidados no ámbito familiar; eliminou a cotización dos coidadores non profesionais, e introduciu a incompatibilidade das prestacións.

Ademais, produciuse un grande retroceso no financiamento estatal do sistema, xa que, de soporta-lo 40% do seu custo no 2009, a Administración Xeral do Estado pasou a facerse cargo do 19% no 2013, mentres que a achega das Comunidades Autónomas creceu do 50,8 ao 62%, e o copagamento dos usuarios case se duplicou.

En definitiva, o Goberno central “reduciu o contido esencial do dereito, e “realizou importantes retallos orzamentarios, co dramático resultado de que os beneficiarios están a recibir servizos e prestacións claramente insuficientes, ao tempo que se encontran sen atender centos de miles de persoas en situación de dependencia”.

Tags: , , , , ,