Seara pide a Pastor “que se deixe de visitas electoralistas ás obras do AVE e execute as partidas orzamentarias”, e reprocha a Feijóo que “só aplauda”

Perante a visita da ministra de Fomento Ana Pastor, a obras do AVE hoxe n’A Gudiña, a deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, pídelle “que se deixe de visitas electoralistas e execute as partidas orzamentarias que pinta artificiosamente nos orzamentos xerais do Estado para o AVE a Galicia”.

Seara denuncia que, “a pesar de múltiples iniciativas parlamentarias dos socialistas, o Ministerio négase sistematicamente a ofrecer resposta sobre o grao real de execución orzamentaria das partidas do AVE a Galicia”, e advirte de que esta “opacidade e escurantismo non só é unha falta de respecto democrático e parlamentario, senón que, ademais, demostra que o Goberno central infla os orzamentos xerais do Estado para Ourense e para Galicia con partidas millonarias para o AVE que logo nunca executa”.

Unha mostra máis da falta de execución orzamentaria por parte do Goberno do PP, segundo sinala a deputada, é a ralentización que, durante todo o 2014, viñeron sufrindo as distintas obras do AVE na nosa provincia. Este punto foi denunciado tamén no Congreso dos Deputados o pasado mes de marzo pola propia Seara, con outra batería de iniciativas parlamentarias.

A teor das opacas respostas parlamentarias que ela mesma recibe sobre este asunto, Seara sinala que “todo fai temer que as cifras de execución das partidas orzamentarias non só non son as desexadas, senón que, ademais, están moi por baixo do que inicialmente pensabamos os socialistas”.

Neste senso, apunta que, respecto aos investimentos nas entidades do sector público empresarial (entre as que se encontra ADIF), o Goberno recoñece nos orzamentos xerais do Estado para o 2015, que só gastará 834 millóns de euros dos 1.127 millóns que orzamentou para o 2014, de xeito que, “do que presupostou o Goberno do PP para o 2014, recoñecen que non van a executar un 25%”, teméndonos os socialistas que esta falta execución sobre o presupostado poda alcanzar “mesmo o 40%”. Por iso, a deputada pediu a comparecencia de Pastor no Congreso dos Deputados para que explique con detalle o grao de execución das partidas orzamentarias do AVE a Galicia do último exercicio económico.

Para Seara, “de nada serve que a ministra visitase hoxe as obras do AVE n’A Gudiña, escenificando unha ‘feira de millóns presupostados’ ”, se logo non executa as partidas orzamentarias”, e pídelle que “resposte con claridade se construirá un AVE como Galicia merece, con dobre vía en tódolos tramos, e que explique con detalle a modificación de trazado que o Ministerio prevé no tramo Taboadela-Ourense”.

“Mentres tanto, en Galicia hai un Presidente, o Sr. Feijóo, que só sabe aplaudir”, remata a deputada.

Tags: , , , , , , , ,