Seara esixe no Congreso a reapertura do Centro Tecnolóxico Medioambiental de Sarreaus, única planta en Galicia para o tratamento de xurros

A deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, presentou unha Proposición Non de Lei na Cámara Baixa na que solicita ao Goberno central a reapertura inmediata da planta de tratamento de refugallos gandeiros de Sarreaus, lembrando que “ata a entrada en vigor da normativa sobre enerxía aprobada polo Goberno do PP, en España operaban vintenove plantas de tratamento de xurros, das que só una delas está en Galicia, que é a da comarca da Limia”.

Esta planta, coñecida como o “Centro Tecnolóxico Medioambiental”, na que traballaban doce persoas, e que foi aberto por Coren hai sete anos, trataba 120 millóns de litros anuais de refugallos procedentes da importante actividade gandeira” da contorna.

Para Seara, “esta decisión do Goberno central ha ter un impacto altamente negativo”, pois a planta pechada tiña “un grande valor ambiental, dando unha saída non contaminante aos millóns de toneladas de xurros que, dende o seu peche, non atopan outro destino” .

Xa que logo, a deputada esixe a reapertura destas instalacións en Sarreaus, “tanto porque se garante a continuidade da actividade agrogandeira en condicións de seguridade, sen incrementa-lo custe de produción, como para preserva-lo medio natural, con recursos de altísimo valor ambiental existentes n’A Limia”.

Seara reflexiona que “sería paradoxal e evidentemente desastroso, que mentres se están destinando fondos europeos a proxectos de rexeneración do río Limia, se peche esta planta medioambiental que, ademais e segundo acordo do 2007, tiña garantido o seu funcionamento por un mínimo de quince anos”; culpa ao Goberno central de ter “esnaquizado” dito acordo, que “afecta ás vintenove plantas existentes no territorio de todo o Estado”, e incide na “inmensa preocupación social que existe na zona por esta decisión do Goberno central, que xa fixo que, tanto organizacións agrogandeiras como medioambientais, pediran a reapertura do Centro”.

A deputada tamén considera que o que debe face-lo Goberno central é modifica-la normativa, que nunca debeu ser aprobada, para que, coa maior dilixencia, o Centro Tecnolóxico Medioambiental de Sarreaus reabra e se poidan seguir tratando os xurros, nunha das Comarcas agrogandeiras máis importantes de España”.

Tags: , , , , ,