Máis de 6000 familias da nosa provincia perderon o bono social da luz dende que goberna Rajoy

nuevo-1

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denuncia que, segundo unha resposta parlamentaria do Goberno central ao Grupo Parlamentario Socialista, o número de beneficiarios do bono social no subministro de enerxía eléctrica reduciuse en máis de 6000 familias na nosa provincia nos dous primeiros anos do goberno do PP (pasando de 57 479 no 2011 a 51 385 a finais do 2013).

Seara critica ao Goberno central que abandone “a miles de persoas que sofren pobreza enerxética mentres lanza falsas mensaxes sobre a recuperación económica”, lamentando que, a pesares de que o bono social estea “destinado aos fogares con menos recursos”, as medidas que adoptou en materia enerxética empuxan “á exclusión social a miles de fogares españois”, lembrando que organizacións como Cáritas xa alertaron de que o número de familias que se atopan en risco de exclusión ascende a dous millóns e medio.

A deputada explica que “coa nova reforma do PP, o prezo do bono social xa non será fixo, senón que se aplicará un desconto” e que, ademais, “o bono social non estará ligado ao número de membros da familia nin unicamente á renda, ao establecerse uns topes por baixo dos cales non terá dereito ao mesmo”, o que suporá que “haberá moitos menos beneficiarios no futuro”

Seara afirma que “Rajoy enganou ás familias, unha vez máis, pois dixo que, coa reforma eléctrica, ía a baixa-lo prezo da luz, e resulta que no canto de baixar, sobe”, a pesares de que “é un dos máis caros de toda Europa”. Neste senso, apunta que “no terceiro trimestre do 2014, a subida se situou por riba do 11%”; e lamenta que, este novo sistema para fixar o prezo da luz “vai a ser impredecíbel e vai a trasladar directamente aos consumidores novas subas no recibo”, tal e como denunciamos os socialistas reiteradamente, a través de múltiples iniciativas parlamentarias que presentamos.

A deputada apunta que “a pobreza enerxética nas familias continúa subindo, o que é especialmente grave, sobre todo agora que se achega o inverno”, e denuncia que “moitos fogares no que todos os seus membros están sen traballo nin recursos, terán que afrontar unha nova suba da luz, xunto a outras de impostos”, o que resume en que “o Goberno de Rajoy sobe todo aos cidadáns, pero báixalles os salarios e recúrtalles en prestacións sociais”.

Seara destaca que esta suba resulta “moi preocupante en provincias como Ourense, cun alto índice de poboación envellecida, cunha das maiores porcentaxes de pensionistas, onde están as pensións máis baixas de toda España” e cun marcado carácter rural, pois “prexudica enormemente aos cultivos agrarios e regadíos”; e informou de que o ministro de Industria non compareceu no Congreso, en todo este ano, para explica-lo novo sistema de fixación de prezos da luz que vai a substituír ao sistema de poxas.

A deputada comunica que os socialistas defenderemos, nun próximo pleno do Congreso dos Deputados, unha a Proposición de Lei sobre pobreza enerxética, e solicitaremos unha auditoría enerxética para coñece-lo custo de cada unha das tecnoloxías, para que os cidadáns realmente saiban cal é a máis cara e a máis barata e sobre as razóns polas que o recibo da luz segue subindo cos custos fixos por riba dos variables. Unha Proposición de Lei que, dada a frecuencia de casos de “flagrante inxustiza ou de exclusión social, que poñen en risco ata a saúde e a integridade das persoas, nos casos máis extremos”, afrontará as mesmas incluíndo a proposta dunha tarifa social, mínima e asequíbel, para a poboación que se ache en tales situacións.

Tags: , , , , , ,