Laura Seara pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais

Orense_-_Mapa_judicial

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, vén de rexistrar na Cámara baixa diversas iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao novo ministro de Xustiza que manteña os partidos xudiciais en Galicia, nomeadamente na nosa provincia.

Seara desexa coñecer, tralo nomeamento de Rafael Catalá como titular de Xustiza, cal será a actuación deste Ministerio respecto de a desaparición dos partidos xudiciais, que está prevista nos anteproxectos de Lei Orgánica do Poder Xudicial e da de Planta e Demarcación Xudicial.

En concreto, pídelle a Catalá resposta sobre se manterá os oito partidos xudiciais que actualmente existen na nos provincia, se cada unha destas unidades xudiciais contarán coa figura de Xuíz, Secretario e funcionarios xudiciais con carácter fixo e permanente, e se os partidos xudiciais continuarán gozando de independencia ou serán considerados como sedes desprazadas dependentes do Tribunal de Instancia.

Seara sostén que “a proposta de modificación da demarcación e planta xudicial ten como único eixo rector, baixo o pretexto dun suposto aforro, a redución da Administración, orientada en última instancia ao desmantelamento do servizo público da Xustiza”.

Así, explica que a proposta “afirma que a implantación do novo modelo condiciona o gasto que as Administracións Públicas poidan realizar en mellora dos medios materiais ao servizo da Administración de Xustiza, sendo así que devandito gasto deberá localizarse nos edificios e instalacións que han de alberga-las sedes reflectidas na presente Lei e soamente nelas, que estarían só radicadas nas capitais de provincia”.

O anteproxecto de Lei prevé a creación de Tribunais de Instancia, de ámbito provincial, que asumirán todas as competencias actuais dos xulgados. Segundo a deputada, isto “provocará, practicamente, a desaparición dos partidos xudiciais e, con iso, de decenas de órganos xudiciais”.

Seara destaca que, se se mantén a lei de Planta Xudicial, tamén “se encarecerán os procesos e se provocará un grande prexuízo ao medio rural e a provincias como Ourense, na que os cidadáns terán grandes dificultades no acceso á Xustiza”.

Por iso, a deputada socialista esixe a Catalá “que aclare canto antes se desaparecerán ou non os partidos xudiciais”; e lembra que o seu antecesor, Gallardón, “veu no verán a Galicia a aplaca-los ánimos e contentar a Feijóo, pero todo apunta a que os partidos xudiciais se converterán en meras sedes”, considerando, xa que logo, “absolutamente necesario que o novo ministro explique os seus plans”.

Tags: , , , ,