Laura Seara considera que os orzamentos xerais do Estado para o 2015 constitúen “a defunción da esperanza na provincia”

30/09/2014
By

A deputada socialista ourensá no Congreso dos Deputados, Laura Seara, afirma tamén que “se os orzamentos xerais do Estado para o 2015 son ficticios para Galicia, para a provincia de Ourense son absolutamente falsos”.

Apunta que “o Goberno central enzoufa de maquillaxe as contas para a nosa provincia, con cifras que logo nunca cumpre”. Así, explica que “as contas para Ourense baséanse case exclusivamente na partida para o AVE”, xa que, dos 643,3 millóns de euros que o Estado destina para a nosa provincia, 578,3 pertencen á partida para a súa liña AVE Olmedo-Lubián-Ourense. Porén, prognostica que o Goberno central “do mesmo xeito que o ano pasado, non executará esta cifra”, subliñando que o propio Goberno “recoñece” nestes orzamentos que “dos 572 millóns que presupostou no 2014 para o AVE en Ourense, só vai a executar 353”, engadindo que “de feito a cifra que executará será aínda menor, dado o ritmo das obras nesta infraestructura”.

Seara lembra que, por se fora pouco,“os investimentos reais en materia de infraestructuras na provincia son para ‘cubri-lo expediente’ ” e que faltan investimentos “estratéxicos, que dende o Grupo Socialista solicitamos en numerosas ocasións, como o Centro de Interpretación de Parques Naturais, o bulevar termal da cidade, os regadíos d’A Limia e a A-76”.

Do mesmo xeito, a deputada reproba “as irrisorias partidas orzamentarias para o AVE Ourense-Lugo, o AVE Ourense-Vigo, e a estación intermodal (200 000€) e a variante (100 000) na capital”, e mostra a súa sorpresa polo feito de que se inclúa “nominativamente o mosteiro de Melón, pero con cero euros”. Así mesmo, considera insuficientes as partidas para os enlaces de Cambeo coa cidade e coa A-56, e reprocha que “actuacións que dende o Partido Socialista levamos anos pedindo, como a mellora da N-525, da N-120, ou do firme da A-52, non teñen reflexo no orzamento do Ministerio de Fomento senón a través de SEITTSA” (Sociedade Estatal de Infraestructuras del Transporte Terrestre).

Seara engade que “son tamén claramente insuficientes as partidas destinadas aos nosos ríos”, e explica que “o Goberno do PP volta a infla-los orzamentos do Estado para Ourense, misturando partidas de carácter xeral en materia de augas e saneamento, con partidas que son de carácter técnico e que territorializan, inchando así artificiosamente as contas”.

“O resultado destes orzamentos será o maior empobrecemiento dos ourensáns, e a evidencia de que a recuperación da que fala o Goberno do PP é unha falacia a ollos das clases traballadoras e medias, que non só non recuperan nada do que lles arrebatou a crise, senón que seguen vendo como empeora a súa situación”, sostén Seara.

A deputada abunda que “a conxelación do soldo aos funcionarios e o incremento mínimo das pensións (nun 0,25%), así como a redución das prestacións por desemprego nun 15%, cunha previsión de incremento dos parados, son tres estocadas consecutivas á provincia de Ourense”.

Polo tanto, considera que estes “son os orzamentos da defunción da esperanza na provincia de Ourense”, pois “non aportan nada que permita pensar nunha futura reactivación económica”; concluíndo que, nestas contas, “o Goberno do PP faise trampas ao solitario”.

Tags: , , , , , , , , , , , , , , ,