Miguel Fidalgo pide que o Goberno central retire de tramitación a modificación da Lei de Demarcación e Planta Xudicial, que fai desaparece-los Partidos Xudiciais e Xulgados de Paz en tódalas comarcas da nosa provincia

27/09/2014
By

O noso senador ,Miguel Fidalgo, alédase do cese do ministro que xestionou importantes retrocesos en dereitos e liberdades que forman parte do sistema democrático, en nome da dereita máis retrógrada. Por iso considera que é o momento de retomar tódalas reformas xudiciais, e recolle-lo clamor dos colectivos de avogados, fiscais, traballadores da Xustiza, organizacións sindicais e partidos políticos.

Fidalgo coida que o PP debe retirar inmediatamente a lei que suprime os partidos xudiciais, e que afecta moi gravemente á nosa provincia, xa que supón a desaparición da estrutura actual nas comarcas de Ribeiro, Carballiño, A Limia, Verín, Valdeorras, Trives-Caldelas, Bande e Celanova. A iso hai que sumarlle a desaparición dos Xulgados de Paz e Rexistro actuais, pola súa privatización.

Fidalgo critica o cinismo de Feijóo, cómplice desta medida, que intenta despistar dicindo que se mantén o nome duns partidos xudiciais nos que desaparecen xuíces, secretarios, axentes e demais persoal, e deixa de celebrarse a actividade actual.

O senador anunciou novas preguntas, tal como suxeriron as plataformas en defensa dos partidos xudiciais, e informou de que presentará na Cámara Alta unha moción concreta en defensa de cada un dos partidos xudiciais que existen na provincia.

Fidalgo estima que a segunda lei que o PP debe derrogar é a Lei de Taxas aprobada, que está impedindo que os cidadáns sen recursos poidan defenderse ante as inxustizas que poidan sufrir. O PP divide a sociedade entre cidadáns con diñeiro, que teñen dereitos e cidadáns, e sen cartos, que non teñen dereitos.

Así mesmo, reclamou que se paralice a tramitación da modificación da Lei de Asistencia Gratuíta, que pon imposible a asistencia letrada de oficio para as persoas sen recursos, ademais de excluír a moitos colectivos e persoas ás que deixa sen a posibilidade de defende-los seus dereitos ante a Xustiza, prexudicando aos profesionais máis próximos e pequenos despachos de pobos e cidades.

En definitiva, o senador considera que este é o momento de parar este retroceso en liberdades e dereitos fundamentais para un estado democrático, tendo en conta as peticións dos colectivos e a sociedade civil.

Tags: , , , , ,