Seara esixe ao Goberno central a paralización inmediata das obras no castelo de Monterrei

A deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, rexistrou hoxe unha Proposición Non de Lei no na Cámara Baixa na que denuncia as nefastas consecuencias das obras que se están executando para converter o Castelo de Monterrei en Parador de Turismo.

Seara solicita ao Goberno que se dirixa á Xunta para que paralice de xeito inmediato as obras para a súa adecuación e acondicionamento como Parador; e solicita ao Goberno central que revogue a Resolución de 1 de xullo de 2014, na que a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado acordou amplia-lo destino previsto na cesión á Xunta de Galicia do Castelo de Monterrei e o seu recinto amurallado. “O Ministro Montoro debe poñer fin a este despropósito e a este dispendio froito do capricho do Presidente Feijóo”, reclama.

A deputada lembra que “foi o Goberno Socialista o que cedeu á Xunta, en xullo do 2010, o uso da fortaleza amurallada de Monterrei, pero con usos ben distintos aos que agora lle deu o actual Goberno: naquel intre, o Castelo foi cedido para usos culturais, etnográficos e divulgativos da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, así como para a musealización dos edificios e o arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos”, para engadir que “a improvisación da norma aprobada polo PP co fin de amplia-los usos permite construír ao capricho de Feijóo”.

E este capricho, denuncia Seara, “é a construción dun hotel de luxo no castelo, coa previsión de cedelo, unha vez rematada a obra, á administración turística do Estado para a súa explotación a través da Axencia de Turismo de Galicia; e isto coa contestación cidadá e dos axentes culturais e patrimoniais.”

Doutra banda, e ante os graves destrozos que as obras no castelo están provocando, na Proposición Non de Lei tamén se esixe ao Goberno central “que abra unha investigación e que dea traslado das conclusións ao Congreso dos Deputados”, xa que “o derrube de muros da fortaleza, as fendas na Torre das Damas, e a aparición nun vertedoiro de obxectos que se atopaban dentro do propio Castelo, deu o sinal de alarma a unha poboación xa indignada con esta aberración”.

Tras informar que o Consello dá Cultura Galega está rematando un informe ao respecto, Seara sostivo que “é evidentemente incoherente que, nas actuais circunstancias económicas” que atravesa todo o Estado e que “se agravan na provincia de Ourense, se leve a cabo un investimento desta magnitude, cando xa existe un Parador a escasos metros da fortaleza de Monterrei, que ten que pechar catro meses ao ano por falta de demanda hoteleira”.

Tags: , , , , , , ,