Seara critica a diminución de máis do 37% nas axudas do goberno aos concellos galegos para o transporte público urbano

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, recibiu unha resposta parlamentaria que constata que, dende que goberna a nivel estatal, os concellos galegos sufriron unha importante caída nas axudas que reciben do Goberno Central para o transporte público urbano.

O Goberno central recoñece que, no 2011, o conxunto dos concellos de Galicia recibía por este concepto axudas por case cinco millóns de euros, mentres que a finais de 2013 estas axudas diminuíron a pouco máis de 3 millóns.

“É dicir: que dende que o PP de Rajoy está á fronte do Goberno Central, estas axudas caeron máis dun 37% en comparación ás concedidas no último exercicio orzamentario do Goberno Socialista”, resumiu a deputada.

Repasando a situación concello a concello, resulta que o d’A Coruña recibiu do Goberno Socialista, no 2011, para axudas ao transporte urbano, máis de 1,9 millóns de euros, fronte aos pouco máis de 1,2 millóns de euros que obtivo no 2013. O concello de Lugo obtivo no 2011 do Goberno socialista 229.124,59 euros, e só 164.328,08 no 2013 do Goberno do PP.

No caso de Ourense, o concello recibiu 491.888,74 euros no 2011; cifra que diminuíu ata 298.671,10 no 2013, o que supón unha caída de máis do 39%.

O concello de Vigo conseguiu, no 2011, un importe de case 1,8 millóns de euros destas axudas, fronte a pouco máis de un millón de euros no 2013. En Santiago, as axudas deste tipo diminuíron dende os 554.980,73 euros no 2011 ata os 344.079,40 euros no 2013.

Seara considera que se trata dunha caída “brutal” nun momento no que “os concellos estiveron moi necesitados de apoio económico para poder seguiren prestando servizos básicos aos cidadáns”; e que rexistrará unha nova iniciativa parlamentaria no Congreso para que o Goberno central explique o motivo desa importante baixada, “e para que resposte se considera que as cidades de Galicia son cidades de segunda, e non as cre prioritarias para as axudas ao transporte público urbano”.

Por último, a deputada engade que “esta drástica redución está ligada ao pouco compromiso do Goberno coa mobilidade sostíbel”.

Tags: , , , , ,