Seara pide ao Goberno central “que faga luz xa” sobre os presuntos casos de fraude da Deputación coas depuradoras

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou na cámara baixa unha nova batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe resposta ao Goberno central “sobre a multitude de incógnitas” que se manteñen no procedemento relacionado cos casos de presunta fraude da Deputación en relación ás depuradoras Daredo e Deputrans.

Seara esixe ao Goberno central “que aclare dunha vez, en qué sentido se han resolve-las alegacións da Deputación respecto ao posíbel suspenso da vía administrativa, a expensas do resultado dunha hipotética vía penal” e pídelle que informe sobre “se a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios emitiu xa a resolución sobre este asunto”.

A deputada lembra que, nunha comparecencia no Congreso o pasado mes de maio, a Secretaria Xeral de Coordinación Autonómica e Local, Rosana Navarro anunciou, a preguntas de Seara, que a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios emitiría a súa resolución “en breve prazo”, e confirmou que o informe da Oficina europea de Loita contra a Fraude (OLAF) se atopaba na Fiscalía para a súa investigación e que o Goberno central iniciou o expediente de reintegro dos fondos.

Seara desexa tamén que o Goberno resposte acerca de se coñece, a día de hoxe, “o estado das investigacións por parte da Fiscalía”, dado que o propio ministro Montoro afirmou nunha resposta oral formulada no Pleno do Congreso a pregunta de Seara, que o Goberno remitira á Fiscalía o informe final da OLAF que afirmaba que os feitos podían ser constitutivos de ilícitos penais.

A deputada pide ao Goberno central “que depure responsabilidades, e que non opte por dilatar ou paraliza-lo procedemento”.

Neste senso, lembra que os proxectos das depuradoras, que poderían ser constitutivos de delito segundo o informe da OLAF, se puxeron en marcha baixo a presidencia provincial de José Luis Baltar Pumar e a vicepresidencia de Rogelio Martínez, subliñando que resulta “inaudito que Martínez continúe sendo o delegado da Xunta en Ourense”, e lembrando que se trata dun “caso moi grave, polo que Ourense tería que devolver dez millóns de euros”, polo que o Goberno central “non pode mirar para outro lado, e menos cun ministro como Montoro que, aínda que non predica co exemplo, presume de loitar contra a fraude”.

Tags: , , , , , , , , , , , , ,