O Grupo Socialista na Deputación recorrerrá ao Valedor ante a vulneración dos seus dereitos

Hai varias semanas que o Grupo Provincial Socialista se interesou por cales son as persoas que están contratadas na empresa de capital mixto Aquaourense. Porén, o Presidente da Deputación de Ourense non facilita a información sobre contratacións na mesma.

A sociedade provincial de augas e Medio Ambiente Aquaourense está participada por unha empresa privada e pola Deputación Provincial de Ourense. Xa que logo, debe estar sometida ao control da oposición no ente provincial.

Esta empresa se encarga, entre outras tarefas, de xestionar abastecemento e saneamento de augas, e foi promovida polo anterior presidente, José Luis Baltar.

Dende o noso Grupo Provincial Socialista sospeitamos que en Aquaourense entraron a traballar familiares de cargos do Partido Popular, e mesmo familiares directos do actual Presidente da Deputación, José Manuel Baltar. E por iso tamén sospeitamos que o actual Presidente se ampara en informes dos técnicos para non facilitar a listaxe de contratados en Aquaourense.

O Presidente da Deputación de Ourense pretende facer crer que ao chegar el mudaron as formas na institución provincial, pero nada máis lonxe da realidade. Dende o Grupo Socialista xa vimos denunciando cómo cambia o método pero non o fondo, para favorece-los intereses das persoas afíns ao PP. Agora, en troques das contratacións directas, o que se estila son as asistencias técnicas a familiares e cargos dese partido.

Ademáis, tamén poidemos comprobar cómo se realizan concesións de subministros de materiais, de centos de miles de euros, a empresas vinculadas a cargos e ex-cargos do PP.

Agora que todos coñecemos cal foi o método empregado polos “baltares” para que José Manuel Baltar gañase o congreso do PP de Ourense e que logo se fixera coa presidencia da Deputación, indo ás agochadas, de suplente, nunha candidatura, podemos observar que emprega as técnicas do seu pai para manterse no poder.

E vistas a información da que dispoñemos sobre a utilización da sociedade mixta “Aquaourense” para empregar a familiares, e o feito de que Baltar Blanco se nega a facilitala, acudiremos ao Valedor do Pobo para pedirlle amparo ante tal vulneración dos dereitos fundamentais do noso Grupo Provincial.

Realizamos esta petición de amparo antes de empregar outros medios, para que non se nos acuse de xudicializa-la vida política, pero sospeitamos que, unha vez máis, imos ter que acabar empregando dita vía, polo escurantismo que emprega Baltar Blanco.

O voceiro do Grupo Socialista da Deputación, Ignacio Gómez, conclúe que “a transparencia de Baltar Blanco é unha gran farsa, e todo pantalla”, xa que non se pode estar enchendo páxinas de xornais “vendendo” fume sobre a transparencia, e logo non practicala no día a día.

Pero así é José Manuel Baltar, un vendedor de fume que é o único que se cre a súa propia farsa sobre a rexeneración democrática da Deputación.

Tags: , , , , , , , , , , ,