Seara cualifica de “lamentábel”, o afán de Baltar por “colgarse a medalliña” pola decisión do Ministerio de Fomento de someter a nova información pública o tramo d’A Peroxa da A-76

02/07/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, cualificou esta mañá de “lamentábel” o que considera “un desmedido afán de Manuel Baltar por colgarse a medalliña” respecto da decisión adoptada polo Ministerio de Fomento de someter a nova información pública o tramo da autovía A-76 ao seu paso pola zona de Penalba.

O pasado 1 de abril, Seara pediu a comparecencia da ministra Pastor no Congreso e denunciou que o Ministerio elixira para o tramo d’A Peroxa da A-76, un trazado diferente aos previstos, que non fora sometido a alegacións nin a información pública. Apuntou xa entón que a alternativa finalmente elixida non se corresponde con ningunha das sometidas a información pública no 2008, e reprobou “a absoluta indefensión á que Fomento somete aos cidadáns afectados, ao non levar a cabo nova alternativa nin a información pública, nin a período de alegacións”.

Así mesmo, Seara criticou “as descaradas mentiras” do Ministerio nunha nota informativa distribuída pola Subdelegación de Goberno en Ourense o pasado 28 de abril, na que se afirmaba que o trazado elixido era un dos que sometera a información pública no 2008.

Ademais, Seara trasladou estas denuncias a unha pregunta oral no Congreso dos Deputados o pasado mes de maio. En resposta ás peticións da nosa deputada, o Secretario Xeral de Infraestructuras, Manuel Niño González, recoñeceu textualmente que “cando avancemos na redacción dos proxectos nese tramo, non descartamos unha nova información pública”.

Durante a súa intervención naquela pregunta oral, a compañeira denunciou o ocultismo do Ministerio, de xeito que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, do PP, sabía que a A-76 pasaría polo seu concello”. Así, sinalou que foi o voceiro municipal socialista n’A Peroxa, Antonio González Fiúza quen, no pleno municipal do 18 de setembro do 2013, advertiu ao alcalde do PP que a A-76 pasaría polo concello. Posteriormente, nun pleno municipal do 28 de novembro dese ano, o alcalde sostivo que o actual presidente da Comisión de Fomento do Congreso e deputado do PP pola nosa provincia, Celso Delgado, lle dixera que non se variaría o trazado da A-76 e que esta non pasaría pola Peroxa. “É incríbel” afirmou daquela Seara, e por iso solicitou entón a Niño González que arroxase “luz sobre este disparate”, na mesma Comisión de Fomento do Congreso.

A compañeira tamén esixiu no Congreso resposta sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace en ningún punto do Concello d’A Peroxa coa A-76, e sobre qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía pasase por ese. Ademais, vén reclamando dende o 2012 a licitación urxente da A-76, trasladando ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo, recalcando que a licitación desta autovía “é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, imposibilitando que os posibles prexudicados aleguen o que consideren necesario”.

Xa que logo, ante a nova decisión do Ministerio de levar a cabo a información pública preceptiva para o novo tramo elixido, a deputada celebra “que dean por fin os seus froitos as reiteradas denuncias dos socialistas pola intención de Fomento de aprobar un trazado sen información pública, e as reiteradas solicitudes dos socialistas” para que o Ministerio abrise “un novo período de alegacións”.

Con todo, critica que “a Baltar só lle interesa saír na foto, e non ten ningún escrúpulo para intentar arrogarse un mérito que, dende logo, non é seu”.

Tags: , , , , , , , , ,