Seara advirte de que “parece confirmarse que Ourense terá que devolver dez millóns de euros pola presunta fraude da Deputación” coas depuradoras

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, realizou esta mañá, na comisión de Facenda e Administracións Públicas do Cámara baixa, unha pregunta oral á Secretaria Xeral de Coordinación Autonómica e Local do Goberno Central, á que esixiu resposta sobre “se o Goberno levou a cabo mecanismos para repoñer á UE os fondos FEDER” que habería que devolver pola suposta fraude cometida pola Deputación Provincial de Ourense nos proxectos “Daredo” e “Deputrans”, segundo o informe da Oficina comunitaria de Loita contra a Fraude (OLAF).

Seara tamén preguntou á Secretaria Xeral “se o Goberno está dacordo coas conclusións do informe da OLAF respecto á presunta fraude cometida pola Deputación, ou se, pola contra, o Ministerio se mostra favorábel ás conclusións da comisión de investigación da Deputación, que tratan de desacreditar” á devandita Oficina Europea de Loita contra a Fraude. “En dita comisión non houbo nin un só partido da oposición”, subliñou.

Durante a súa intervención, Seara lembrou que o ministro Montoro, hai poucos meses, recoñeceu, a unha pregunta oral da propia deputada no Pleno do Congreso, que o informe da OLAF concluía que os procedementos de contratación das plantas depuradoras eran irregulares, así como que a Deputación incorreu en contratacións irregulares nos contratos de asistencia técnica. Montoro sostivo entón ante a compañeira que o Ministerio iniciara os expedientes de reintegro dos fondos e que, dado que o informe da OLAF concluía que podía tratarse de feitos constitutivos de ilícitos penais, o propio Ministerio enviaría o informe ao Fiscal Xeral do Estado.

Por iso, Seara preguntou hoxe á Secretaria Xeral se o Ministerio finalmente remitiu o informe da OLAF á Fiscalía, se xa coñece os resultados da investigación, e cal é o estado no que se atopa o expediente de devolución dos fondos.

A deputada sinalou que “o Ministerio debe velar polo bo uso dos fondos europeos”, e incidiu nas “posibles responsabilidades políticas e administrativas por parte dos órganos políticos que autorizaron as contratacións irregulares”. Así mesmo, afirmou, referíndose ao Secretario de Estado de Administraciones Públicas que “é sorprendente que Beteta poña como exemplo á Deputación de Ourense como exemplo de boa xestión”.

Seara pediu ao Goberno que non mirase “cara outro lado”, e que dixese “claramente se apoia o informe da OLAF ou as conclusións da Deputación, porque estamos ante un tema tremendamente serio que mancha o nome da provincia e das institucións, e que condena a un territorio xa de seu castigado, como é Ourense, a devolver máis de 10 millóns de euros”.

Na súa resposta, a Secretaria Xeral recoñeceu as conclusións do informe da OLAF, incluída a posibilidade de existencia de delito, e elidiu avala-las conclusións da comisión de investigación da Deputación. Tamén confirmou que o Goberno iniciou, en setembro do 2013, o expediente de reintegro dos fondos, que o informe da OLAF se atopa na Fiscalía para a súa investigación, e que a Dirección Xeral de Fondos Comunitarios resolverá en breve prazo respecto das alegacións presentadas pola Deputación. Xa que logo, Seara lamentou que “todo parece indicar que se confirmarán os peores augurios, e Ourense terá que devolve-los máis de 10 millóns de euros”.

Tags: , , , , ,