Ante as nosas denuncias, O Secretario Xeral de infraestruturas do Goberno central non desbota unha nova información pública para o tramo d’A Peroxa da autovía a Ponferrada

A nosa deputada no Congreso realizou na Comisión de Fomento desa Cámara  Congreso unha pregunta oral ao Secretario Xeral de Infraestruturas, do Goberno central, na que denunciou que o Ministerio de Fomento elixiu para o tramo d’A Peroxa da autovía A-76 “un trazado diferente aos previstos, que non someteu a alegacións nin a información pública”.

Seara lembrou que “o que se someteu a información pública no 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que, segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan “alternativa 9”, e que sería unha mestura das alternativas “2” e “4”.

Este feito, considera a deputada, “deixa en absoluta indefensión aos cidadáns afectados”, e por iso, pediu ao Secretario Xeral de Infraestruturas “a apertura dun espazo de alegacións para o tramo d’A Peroxa sen que iso produza a paralización do resto de licitacións”.

Ante a denuncia e a petición da deputada socialista, o Secretario Xeral negouse a recoñecer abertamente que o trazado elixido polo Ministerio é unha alternativa diferente pero, con todo, si recoñeceu textualmente que “cando avancemos na redacción dos proxectos nese tramo non descartamos unha nova información pública”.

A compañeira lembrou que, hai apenas dúas semanas, o Ministerio “mentiu descaradamente sobre este asunto” nunha nota informativa distribuída o 28 de abril pola Subdelegación de Goberno en Ourense, na que este “pretendía que ‘coase’ que o trazado elixido era un dos sometidos a información pública no 2008, e iso é absolutamente falso”.

Durante a súa intervención, Seara apuntou ao ocultismo de Fomento, de xeito que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, do PP, sabía que a A-76 pasaría polo seu concello”, lembrando que foi o portavoz socialista aló, Antonio González Fiuza quen, no pleno municipal do 18 de setembro do 2013 advertiu ao alcalde de que a A-76 pasaría polo concello. Posteriormente, nun pleno municipal do 28 de novembro de 2013, o alcalde sostivo que o actual Presidente da Comisión de Fomento do Congreso e deputado do PP, Celso Delgado, lle confirmara que non se variaría o trazado da A-76 e esta non pasaría polo concello d’A Peroxa. Para a compañeira, esto resulta “incríbel”, e por iso solicitou ao Secretario Xeral que esclarecese “este disparate” na devandita Comisión.

Con todo, Seara celebra que “por fin, o Goberno, a través do Secretario Xeral de Infraestruturas, recoñeza que existe a necesidade desa nova información pública”, e confía en que a resposta do Secretario Xeral de Infraestruturas “non sexa só para saír do paso e efectivamente así o fagan e deixen de mentir sobre este trazado”, lembrando tamén que “os socialistas sempre defendemos a necesidade da A-76 e, de feito, impulsámola”.

A deputada ten pedida a comparecencia no Congreso da ministra Ana Pastor para que explique o novo trazado elixido por Fomento, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe respostas sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace en ningún punto do concello da Peroxa coa A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía pase polo devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando, dende o 2012, a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa mesma. “A licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.

Tags: , , , , , ,