Blanco afirma que “coa abstención non se cambian as cousas” e demanda “rebelarse contra a resignación e o conformismo de Rajoy e Feijóo”

nuevo-1

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, José Blanco afirmou esta mañá en Ribadavia que “coa abstención non se cambian as cousas”, porque iso significa “que decidan por ti outros”, polo que demandou á cidadanía “rebelarse contra a resignación e o conformismo de Rajoy e Feijóo”, xa que “se o PP segue recortando, recortará ata o aire que respiramos”.

Blanco visitou esta mañá a Feira do Viño do Ribeiro acompañado do alcalde da vila, compañeiro Marcos Blanco, e deputados e cargos provinciais. Alí subliñou que o sector do viño é un dos principais xeradores de economía e emprego en moitas zonas de Galicia, por iso demandou “incentivos e axudas, e non lastres”.

Afirmou que traballará para forzar ao Goberno a que rexeite de plano a proposta da súa Comisión de Expertos de establecer un imposto para o viño. Denunciou que “Rajoy xa subiu cincuenta impostos”, e replicou “basta xa”, destacando que unha suba de impostos “faría cae-lo consumo de viño en España e dificultaría as exportacións”.

Blanco denunciou que “grazas” á xestión de Arias Cañete “os agricultores e gandeiros galegos van a recibir 140 millóns de euros menos ata o 2020 pola nefasta negociación que fixo da Política Agraria Común en Europa, e polos criterios de reparto de axudas que impuxo en España”. Nese senso, o compañeiro defendeu que é necesario “cambia-la politica agraria común que vén de aproba-la UE e Arias Cañate, xa que é prexudicial para os gandeiros galegos”, e sostivo que moitas das axudas que aproba a UE “son concedidas a grandes terranentes que nin traballan e nin viven do campo”.

Por iso anunciou que traballará no Parlamento Europeo “co fin de cambia-los criterios, que son un lastre para o desenvolvemento do noso sector primario”, lembrando que o sector do viño é un dos principais xeradores de economía e emprego en moitas zonas de Galicia, e para o que sostivo que “o que necesita son incentivos e axudas, non lastres”.

Blanco demandou un “lobby” galego para defende-los intereses de Galicia en Europa, pero criticou que Feijóo só quera “dividir”; “non quere sumar para traballar por este pais”, insistiu.

O candidato afirmou “o meu compromiso é ser altofalante das necesidades e demandas dos nosos sectores produtivos no Parlamento Europeo, e, por suposto, do sector do viño; un sector que aporta valor engadido, calidade e imaxe de marca a Galicia”.

Tags: , , , ,