O Goberno central recoñece que existe unha relación directa entre a lei de taxas e a diminución da litixiosidade xudicial

O Goberno central vén de recoñecer, en dúas respostas parlamentarias por escrito á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, que “a conxuntura económica e outras reformas, como a Lei de Taxas poden ser circunstancias a ter en conta para valora-lo descenso da litixiosidade” xudicial durante o ano pasado.

Respecto de Ourense, os datos aportados polo Goberno a Seara, amosan que a caída da litixiosidade no 2013 respecto ao ano anterior, cunha baixada de case o 20%, ten lugar principalmente na orde contencioso-administrativa. Tamén diminuíron nun 1,5% os asuntos xudiciais na orde social mentres que na orde civil produciuse un aumento da litixiosidade do 13,3%, e na penal subiu un 5,6%.

A compañeira apunta que “estes datos son exactamente a radiografía de cómo deixou o Goberno do PP o sistema xudicial”, e sinala que a importante diminución dos contenciosos administrativos “débese, sobre todo, á imposibilidade que agora mesmo teñen os cidadáns para recorre-las sentenzas da Administración polo aumento das taxas xudiciais”. Porén, considera que “o aumento dos asuntos xudiciais en materia civil ten moito que ver coas preferentes” e que “a subida dos asuntos penais ten relación co aumento da criminalidade”.

Seara critica que, na súa resposta, o Goberno pretenda xustificar dalgún modo a baixada da litixiosidade no 2013 ao sinalar que tamén baixaron os contenciosos-administrativos en 2012 respecto de 2011, ao que a deputada resposta que “aínda que é certo que a crise por si mesma provoca unha baixada da litixiosidade, a Lei de Taxas do Goberno do PP puxo a guinda para que os cidadáns non poidan acceder á Xustiza por motivos económicos”, lembrando que “o taxazo xudicial” acabou co dereito dos cidadáns de acceso á Xustiza, provocando tamén nesta materia unha “profunda división de dereitos entre os cidadáns que os poden pagar e os que non”.

Neste senso, lembra que o Grupo Socialista no Congreso dos Deputados defendeu recentemente no pleno desa Cámara unha enmenda á totalidade do proxecto de lei de asistencia xurídica gratuíta, texto que será “unha lei máis restritiva, máis complexa e máis burocrática que a actual, ademais de posibelmente inconstitucional”, en todo caso, “outro ataque máis do Goberno ao dereito dos cidadáns á tutela xudicial efectiva”.

A compañeira criticou, ademais, o feito de que o Goberno do PP “vincula o financiamento da xustiza gratuíta cos ingresos que se obteñan polas taxas xudiciais; con todo no 2013 se recadaron 316 millóns polas taxas, e o Goberno presupostou este ano para xustiza gratuíta tan só 34 millóns de euros”.

Ante semellante contradición, a conclusión de Seara é clara: “a política do PP é sempre a mesma: recadar sempre a costa dos que non teñen, e retallar dereitos a quen non os poden custear, con mentiras se é necesario”.

Tags: , , ,