Seara acusa ao Ministerio de Fomento de “mentir” sobre o trazado da A-76, no tramo d’A Peroxa

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, denunciou que o Ministerio de Fomento, “minte descaradamente” nunha nota informativa distribuída pola Subdelegación do Goberno en Ourense verbo do trazado do proxecto de Autovía a Ponferrada (A-76) entre Os Peares e a cidade.

Seara afirma que “no tramo d’A Peroxa, Fomento elixiu un trazado diferente, que non someteu a alegacións nin a información pública”, polo que acusa ao Ministerio de “someter aos cidadáns afectados a unha absoluta indefensión”, e lembra que “o que se someteu a información pública no ano 2008 foron oito alternativas, e ningunha delas se corresponde co trazado elixido agora” polo Ministerio, que é o que “segundo se pode comprobar na publicación do estudo informativo do 14 de agosto do 2013, denominan ‘alternativa 9’, e que sería unha mestura das alternativas ‘2’ e ‘4’ ”, sendo que “a alternativa elixida agora por Fomento é diferente, e deixa sen enlace ao concello d’A Peroxa”, polo que é necesario un novo período de alegacións para evita-lo desamparo dos afectados por este novo trazado da A-76, que a ministra Ana Pastor pretende coar pola porta de atrás”.

A situación resúmese, na práctica, en que, dende o Ministerio, “cunha nota informativa, pretenden agora facer coar que o trazado elixido é un dos sometidos a información pública no 2008; e isto é incerto”. A deputada engade tamén, como “proba deste ocultismo de Fomento” o feito de que “nin sequera o alcalde d’A Peroxa, que é do PP, coñecía os cambios do trazado da A-76, e estivo meses negando no pleno municipal que esta infraestrutura percorrese o municipio”.

Seara lembra que “os socialistas defendemos a necesidade da A-76; tanto que fomos quen a impulsamos”. Porén, “o que reclamamos ao Goberno do PP é que faga as cousas ben, que non deixe sen enlace ao concello da Peroxa, que dea información aos concellos afectados e, sobre todo, que cumpra coa posibilidade establecida de que os afectados poidan realizar alegacións”, como xa solicitaran no seu momento, a propia Seara o voceiro socialista no concello d’A Peroxa, Antonio González Fiuza.

A compañeira pediu a comparecencia no Congreso da ministra para que explique este novo trazado, e rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que esixe resposta sobre os motivos polos que o Ministerio decidiu non facer enlace, en ningún punto do concello d’A Peroxa, coa futura A-76, e qué criterios técnicos prevaleceron para determinar que dita autovía atravese o devandito concello.

A través de multitude de iniciativas parlamentarias, Seara vén reclamando dende o 2012 a licitación urxente da A-76, trasladando incluso ao Ministerio, no 2013, as demandas realizadas polos alcaldes das comarcas de Valdeorras, Lemos e o Bierzo en relación coa autovía. A compañeira aclara, xa que logo, que “a licitación desta autovía é prioritaria, pero nada xustifica que o Ministerio non someta a información pública o trazado elixido, e imposibilite que os posibles prexudicados aleguen aquilo que consideren necesario”.

Tags: , , , ,