Seara defende un cambio de modelo democrático que dote de maior poder real á cidadanía

03/05/2014
By

A nosa deputada no Congreso,Laura Seara impartiu o martes na facultade de Dereito unha conferencia baixo o título “Máis calidade democrática, máis transparencia”.

Seara afirmou que “logo de trinta anos, o noso sistema político e a estrutura dos partidos políticos están vellos” e defendeu que non se trata de falta de democracia, senón dunha evidente necesidade de mellorala”.

Neste senso, referiuse á necesidade de reforma-la Constitución e de evolucionar cara a unha democracia participativa, “unha democracia 2.0 na que os pobos teñan voz”. Sobre este punto, referiuse á actual cidadanía, “que, en alerta e mobilizada, canaliza o seu sentir nas rúas, clamando contra os recortes ideolóxicos, á vez que remove ideas e conciencias”.

A compañeira amosouse convencida de que se deron “tres crises simultáneas: da política e as institucións, do modelo de Estado e de Europa; fronte ao que as vellas receitas xa non funcionan”, e de que “a crise empezou antes na política que na economía, cunha disociación entre política e partidos, coma se os partidos non fosen representantes políticos, e cun desmantelamento do Estado do Benestar e dos dereitos”, e asegurou que “falar dos partidos políticos como todos iguais é un erro gravísimo, fomentado por mensaxes tuteladas por un poder invisible pero fortísimimo, de quen lle interesa dicir que todos os políticos son iguais”, poñendo como exemplo que “non foi igual Felipe que Aznar nin tampouco foi igual Zapatero que Rajoy”.

A deputada repasou os motivos da indignación cidadá cos políticos, a traverso das súas disintas fases “afastamento”, “desafección” e “irritación”, por esa orde; e amosouse sorprendida do feito de que a dereita pretenda, supostamente, mellora-la “democracia con menos democracia, menos deputados, máis decretos, menos leis, máis plasmas e menos preguntas”, e mostrou o seu convencemento de que, fronte a esta “sobredose de populismo”, “hai alternativa”. Así, reclamou impulsar fórmulas de democracia e participación directa da cidadanía, poñendo como exemplo a incorporación dos cidadáns nos procesos de elaboración das leis, a creación por parte dos Gobernos de foros abertos sobre as políticas públicas, ou a recuperación dos consellos de participación como órganos consultivos e independentes, lembrando que “o noso ordenamento xurídico permite a participación directa á marxe dos períodos electorais”, e que “esta posibilidade debería ser revisada de inmediato”. Porén, lembrou que a Comisión de Peticións das Cortes Xerais, “que debería ser un verdadeiro espazo institucional de participación cidadá, non funciona”.

Por iso, Seara avoga por recorrer aos referendos, non só para ratifica-la Constitución, senón tamén para potencia-las iniciativas lexislativas populares e para dotar de máis transparencia á técnica lexislativa, e reclamou o cambio a “unha nova época, non só con máis participación senón tamén con máis transparencia”. A este respecto lembrou que, en maio do 2010, Zapatero anunciou aos españois dende a tribuna do Congreso un retallo de 10 000 millóns de euros dos Orzamentos Xerais do Estado, pero “agora, o Goberno do PP, en ano e medio e ás ocultas, fixo retallos sen parar por 115 000 millóns de euros, sen que Rajoy dese ningunha explicación”.

Do mesmo xeito, sinalou que “a representación democrática require dotarse de exemplaridade, para o que debe realizarse unha loita sen combate contra a corrupción”, e que “os partidos políticos deben prestar un servizo público, e non son propiedade dos militantes e dos dirixentes”.

A este respecto defendeu o procedemento de primarias, e indicou que “os partidos políticos debemos actuar como o tendeiro da esquina: confiábel, próximo, ofrecendo un xénero de calidade e un bo servizo e, sobre todo, sendo amables”.

Respecto da crise europea, aludiu á importancia das próximas eleccións ao Parlamento Europeo, e referiuse a que a UE é cada vez máis responsábel das políticas que afectan á cidadanía. Porén, contrapuxo o modelo de Alemaña, onde debaten a posición do país antes de negociar na UE, fronte ao modelo de España, onde se debate a postura do país despois de que o Goberno teña adoptado decisións na UE sobre cuestións que competen a España. “Os debates no Parlamento de España deben preceder, como sucede no Bundestag, aos consellos europeos, e non un mes despois comparecendo Rajoy no Congreso” criticou en tal senso.

Tags: , , , , , , , , , , ,