Blanco afirma en Ourense que é o momento de impulsar unha auténtica axenda contra a desigualdade en Europa

Blanquito

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo José Blanco emprazou esta mañá á cidadanía a dar un xiro social en Europa, “porque se non, continuará a depresión económica e social en Galicia e en España”. E insistiu “é a hora de impulsar unha auténtica Axenda contra a Desigualdade en Europa porque, ou Europa devolve a esperanza á xente, ou a xente perderá a esperanza en Europa”.

Nun encontro na cidade con axentes económicos e sociais, en compañía do alcalde, Agustin Fernández, o candidato asegurou que Galicia “non pode resignarse” a ter preto de 300 000 persoas no paro, ou a que máis de 130 000 mozos e mozas emigraran nos últimos cinco anos por falta de oportunidades na nosa terra, 13 000 deles ourensáns: “Galicia non pode resignarse a que 8000 empresas desapareceran sen seren reemprazadas por outras”, insistiu.

O exministro de Fomento fixo balance ao asegurar que, “tras dous anos de goberno de Rajoy e cinco de Feijóo, non hai un só indicador que mellorara”, e indicou que a importancia das vindeiras eleccións do 25 de maio radica en que Europa, España e Galicia “deben elixir entre a esquerda do emprego e a defensa dos dereitos sociais, ou a dereita da austeridade e os retallos ao ditado dos mercados”.

O candidato denunciou, ademais, que coa reforma decidida polo Goberno central, os pensionistas galegos van a sufrir un recorte de 5000 millóns de euros nos vindeiros oito anos, 7000€ por persoa. Por iso anunciou que o Grupo Socialista no Parlamento Europeo porá freo aos ataques da dereita e impulsará medidas para garantir pensións públicas suficientes, que permitan manter unhas condicións de vida dignas ás persoas maiores.

Aludiu támen á lei da dependencia que “a dereita esta deixando morrer, e que fixo desaparecer das lista de espera a 30 000 dependentes que xa tiñan recoñecida o dereito a percibila”.

Ademais, anunciou tamén que Grupo Socialista impulsará un Pacto Europeo polo Emprego e o Progreso Social, que incluirá medidas como triplica-los fondos para emprego xuvenil, e combate-lo desemprego de longa duración, aumentando as axudas para parados maiores de 45 anos e desbloquea-lo financiamento para as PeMEs.

Por último, Blanco aludiu ao retallo de fondos de desenvolvemento rural para a provincia, que impulsou Arias Cañete, e por iso demandou un cambio en políticas como a Política Agraria Común, “para que a xente do mundo rural, a que vive directamente del, que crea emprego nel, sexa a beneficiaria real das axudas europeas, e non os rentistas, como impuxo Cañete, coa baixada de cabeza da Xunta de Feijóo”.

Tags: , , , , , , ,