Censuramos o desleixo da Xunta cara os veciños de Punxín que esixen unha solución á contaminación por arsénico da auga da traída

A nosa deputada no Parlamento galego María Quintas, censurou onte, nunha pregunta en Pleno ao Goberno galego, “o abandono dos veciños de Punxín” por parte, tanto do conselleiro de Medio Ambiente, como do presidente da Xunta ou do da Deputación, logo da aparición de altas concentracións de arsénico na auga da traída dese Concello dende 2010, pois só accederon a que os recibira o Vicepresidente da Deputación e o Delegado provincial da Xunta, “que de depuradoras debe saber moito”, apostillou Quintas.

A parlamentaria recriminou a Agustín Hernández que só lle fixeran caso a este pequeno municipio duns oitocentos habitantes logo das presións dos veciños e o seu peche na casa do Concello, e adiantándolles unha solución para cando menos o 2016.

A deputada recriminou ao Goberno galego que, pese ás consecuencias para a saúde das concentracións de arsénico na auga por riba dos 10 microgramos, a Consellería de Sanidade non actuara ata 2014, cando se coñecía o problema dende catro anos antes.

En opinión da compañeira, existe un desprezo por parte de Feijóo a esta situación, ao afectar a unha poboación pequena. Tamén recriminou ao conselleiro que se escude na procura de responsabilidades no ámbito local, e de eludir responsabilidades aludindo á titularidade das competencias.

Os veciños de Punxín topáronse cun desorbitado incremento do 300% no recibo da auga trala toma de posesión do actual alcalde, Manuel Vázquez, do PP, en xullo do 2011. Encargaron varias analíticas para comproba-la calidade da auga, e descubriron que non era potábel, porque se incorpora arsénico aos acuíferos. A Organización Mundial da Saúde establece o límite desa sustancia en dez microgramos por litro, e na aldea de Ourantes descubriron que había vintetrés. Polo menos catro aldeas do municipio bebían auga contaminada.

A OMS destaca nos seus informes que o consumo prolongado de arsénico pode causar enfermidades na pel, vómitos ou cancro. De feito, nunha desas aldeas, as sete mortes que se produciron nos últimos anos foron todas por cancro ou derivadas de cancro.

En setembro, o concello optou por repartir un día á semana garrafas de 19 litros, que compra a tres euros a unidade a outra empresa que non é Aquagest, a concesionaria do servizo. Nas fontes públicas hai carteis que alertan de que verquen “auga sen garantía sanitaria”.

Os veciños denunciaron o caso ante a Consellería de Sanidade, que abriu unha investigación. Prohibiuse o consumo da auga da traída o 24 de agosto de 2012. Un día despois o alcalde emitiu un bando acatando a orde, a pesares de coñece-la situación dende había medio ano a través dos propios veciños, que tamén enviaron escritos ao presidente da Xunta, e falaron por teléfono coa súa secretaria ata en cinco ocasións durante maio do 2013.

O presidente da Deputación de Ourense reuniuse con eles en febreiro de 2013 tras varios intentos e escritos que non foron respostados. Logo derivou o caso ao seu xefe de Medio Ambiente, Javier Bobe, que en varias ocasións vetou a presenza de afectados nas reunións.

O alcalde nunca respostou ás reunións solicitadas polos veciños, que as pediron ata en sete ocasións. Limitouse a falar nos plenos e a obstruí-lo acceso á documentación que os veciños pedían. Ninguén respostou ás súas demandas, a pesares de que, a día de hoxe, lles seguen enviando facturas, nas que lles cobran auga contaminada que non poden beber.

A empresa Aquagest acordou rescindi-lo contrato co Concello, pero será a empresa de augas da deputación a que asumirá agora o servizo empresa, casualmente, participada ao 66 % por Aquagest.