Seara sinala que a desaparición dos partidos xudiciais foi a “crónica anunciada do golpe mortal á Xustiza”

Spanish_gavel

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que hoxe sexa xa realidade, nun anteproxecto de Lei, a desaparición dos partidos xudiciais. Este feito, unido ao “taxazo” xudicial, valóraos como unha “patada definitiva ao dereito dos cidadáns a tutélaa xudicial efectiva e a un acceso igual á Xustiza”.

Seara lembra que se trata “dunha crónica anunciada do golpe mortal á Xustiza”. Neste senso, incide en que “os socialistas xa advertimos hai dous anos” das intencións do Goberno central de “suprimi-los partidos xudiciais existentes para crear un único partido xudicial por provincia”. Porén, “o Goberno intentou realizar esta manobra, que atenta de novo contra os dereitos dos cidadáns, de forma velada; pero os socialistas levamos dende o 2012 avisando das verdadeiras intencións do PP, que lamentablemente por fin viron a luz”.

Lembra a compañeira que, tanto ela como outros deputados socialistas viñeron presentando no Congreso, desde hai dous anos, multitude de iniciativas parlamentarias solicitando ao Goberno central explicación sobre a desaparición dos partidos xudiciais. En tódalas respostas parlamentarias, “o Goberno escorreu o vulto, dicindo que só se trataba dun informe e non dunha proposta en firme”. Xa que logo, censura que mentiron e que hoxe a decisión xa estea no anteproxecto de Lei.

A deputada sinala que en varias cabeceiras de partidos xudiciais como Celanova, Ribadavia e Xinzo se fixeron mobilizacións por parte dos funcionarios, outros colectivos e cidadáns de a pé, contra a supresión de devanditos partidos, pero o Goberno central “negouno todo e esperou a agora asesta-lo golpe mortal”.

Seara explica que o anteproxecto do Goberno liquida os partidos xudiciais coa creación dos tribunais “provinciais de instancia”, que serán os que asumirán as competencias actuais dos xulgados e en todos os órganos xurisdiccionais. “O ámbito territorial deses novos tribunais será provincial, desaparecendo así a práctica totalidade dos partidos xudiciais e, con iso, decenas de órganos xudiciais”. Esta situación “provocará situacións paradoxais, como as de Santiago, que sendo a capital de Galicia podería quedar desposuída de órganos xudiciais que agora teñen sé nesa cidade, ou a da de Vigo, que non tería a sé” da súa provincia.

Resalta tamén a compañeira que, respecto de Galicia, e especialmente a Ourense, polas súas especiais características de ruralidade, e dispersión e envellecemento poboacionais, a supresión dos partidos xudiciais supoñerá un total afastamento dos cidadáns á Xustiza, que só a verán “de lonxe”.

“Trátase dun ataque brutal, outro máis, por parte do Goberno do PP, a dereitos fundamentais dos cidadáns, neste caso á Xustiza, que ven como perden o dereito a unha Educación publica gratuíta e de calidade, dereitos en Sanidade, o dereito ao emprego e, en moitos casos ata a unha vivenda digna, e tamén o dereito á Xustiza; un retallo continuo de dereitos e liberdades que é o sinal de identidade do Goberno do PP de Rajoy”, lamenta.

Tags: , , , ,