Reclamamos responsabilidades á Xunta logo de que Hacienda obrigase ao SERGAS a despeza-la xestión do CHUO en tres concursos

A deputada pola nosa provincia no Parlamento galego, e voceira de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, salientou que o Goberno do Estado “vén de contradicir a Feijóo e de da-la razón ás denuncias socialistas, ao paraliza-la adxudicación integral de espazos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e obrigar ao SERGAS ao despece da mesma en tres novos concursos”. “Está claro que algo lles cheiraba mal”, como advertira o PSdeG-PSOE.

Acuña explicou que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Hacienda, ordenou ao SERGAS a paraliza-lo proceso de concesión da xestión integral de espazos para o CHUO, e a desmembrar esta licitación en tres concursos diferenciados para a limpeza, a seguridade e o mantemento.

A deputada lembrou que o seu grupo tiña “posto a lupa” sobre esta contratación que sumaba a privatización, por quince anos e 225 millóns de euros, dos servizos de limpeza, seguridade, mantemento e consumo enerxético nunha mesma empresa que, ao mesmo tempo asumía o pago de 14 millóns de euros para a construción do Plan Director. “Esta modalidade, que agrupa todos os servizos nunha soa licitación, deixaba fora ás empresas galegas, incapaces de asumir unha oferta tan completa”, explicou Acuña.

“En Ourense todos sospeitábamos que Ferrovial sería a adxudicataria”, confesou a compañeira. Unha empresa na que traballa o xerente de CESPA, empresa do Grupo, recentemente imputado na instrución da “Operación Patos” e que fora xerente do CHUO na época de Fraga e impulsor do Plan Director.

Un plan director que, por outra banda, resulta imprescindíbel realizar para poder acometer, a continuación, a modernización tecnolóxica dos Plans “Innova Saúde” e “Hospital 2050”, que estaba previsto cubrir con fondos europeos. Neste senso, Acuña advirte de que o prazo deses fondos xa venceu en 2013 e só cabe acollerse a unha prórroga de dous anos, ata 2015, vinculada ao remate das obras “cuxos constantes atrasos poñen en cuestión”, advertiu.

O Plan Director leva aprobado dende abril do 2009. Coa chegada do PP á Xunta paralizouse. “Logo viñeron os anuncios en Expourense, os fondos europeos para o Hospital 2050 e finalmente as privatizacións, que lles quedaron desertas”, lembrou. Tampouco funcionou o procedemento negociado, polo que se optou por “dulcificar con prazos a entrega dos catorce millóns que se requirían para o Plan Director, e apareceu Ferrovial”. Logo de todo isto, “non dimite, nin cesa, ninguén”, protesta a deputada, que se pregunta cómo vai acadar a empresa adxudicataria os catorce millóns de euros, “se non é a través do encarecemento dos servizos”, e cómo pode saír máis barato o servizo de mantemento ou o subministro privatizado, xa que a empresa terá que gañar algo e recupera-los 14 millóns con intereses, aínda que admitiu con retranca que “estamos acostumados á ‘creatividade’ do PP para os contratos, como se viu na Gürtell”.

A parlamentaria manifestou a fonda preocupación dos socialistas pola situación da Sanidade Pública, na que se chegou ao punto de que a “nin dimitida nin cesada” conselleira pode “visita-los centros sanitarios, inmobles onde os profesionais e usuarios lle trasladan o seu enfado”, e esixiu a Feijóo “honradez, transparencia, senso común e que deixe de lado inventos estraños que só serven para o saqueo da Sanidade Pública”, recriminándolle que teña que “se-lo ministro de Hacienda quen veña defender o tecido empresarial galego”, sorprendendolle o feito de que “mesmo Montoro amose máis sentido común que Feijóo, e lle paralice e obrigue a cambia-lo sistema de contratación”, que previamente xa puxeran en cuestión profesionais, usuarios e o propio PSdeG.

Tags: , , , , , , , , ,