Seara acusa ao Goberno central de diminuí-las bonificacións nos contratos a discapacitados, máis dun 20% en Ourense

27/03/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara vén de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno na que se reflicte que, dende o 2010, as bonificacións nos contratos a persoas con discapacidadee na provincia de Ourense diminuíron en máis dun 20%, dende 317 contratos no 2010, ata tan só 250 no 2013.

Seara sinala ademais que, en relación aos contratos indefinidos para discapacitados, as bonificacións caeron prácticamente nun 50%. Así, indica que no 2010 o Goberno bonificou 98 contratos indefinidos na provincia para persoas discapacitadas, mentres que no 2013 a cifra baixou ata 53. Respecto dos contratos temporais, as bonificacións tamén diminuíron dende os 219 contratos en 2010, ata 197 contratos en 2013.

Para a deputada ourensá, “esta é unha nova mostra do absoluto esnaquizamento que o Goberno do PP de Rajoy fixo das políticas para a discapacidadee postas en marcha, co esforzo de todos, baixo o mandato do Goberno socialista”.

“Este esnaquizamento está a ter consecuencias moi negativas para as persoas con discapacidade, que ven cómo cada día aumenta a súa imposibilidade para desenvolve-las súas moitas capacidades, así como as súas dificultades para acceder ao emprego”.

Neste senso, a compañeira apunta a datos do ano pasado, que o Goberno lle dera na resposta a outra pregunta parlamentaria feita por ela mesma, e que reflicten que, practicamente, en tan só 26 dos 92 concellos da provincia, as empresas contratan a persoas con algunha discapacidade, fronte aos 30 que eran no 2011.

Por sectores, a maioría dos contratos a persoas discapacitadas nos concellos da nosa provincia, pertencen ao de servizos. En menor contía, á industria e á construción, e foron case inexistentes no sector primario. Trátase, ademáis, de contratos moi precarios, na súa maioría eventuais, por circunstancias da produción.

Para a deputada, “é absolutamente necesario que o Goberno impulse medidas que incentiven ás empresas para a contratación de persoas discapacitadas”. Porén, “Rajoy non só non incentiva ás empresas, senón que as desincentiva, diminuíndo as bonificacións á contratación deste colectivo”.

Tags: , , , , , , ,