Rexeitamos a actuación do Valedor nunha queixa contra o alcalde de Piñor, e demandamos que exerza a súa labor con imparcialidade

19/03/2014
By

O Grupo Socialista no Parlamento galego lamenta a actuación levada a cabo polo Valedor do Pobo, José Julio Fernández, en relación á queixa formulada contra o alcalde de Piñor, e lle insta a exerce-la súa labor coa maior imparcialidade en relación as súas aparicións nos Medios de Comunicación.

No día de hoxe, aparece publicada nun xornal unha información na que se indica que o PP denunciou ante o Valedor do Pobo ao alcalde de Piñor por “viola-los seus dereitos”, presidida por unha fotografía de dous concelleiros do PP nese Concello xunto a Fernández.

O Grupo parlamentario Socialista presentou por este motivo unha Proposición Non de Lei para o seu debate en Comisión na que solicita que o Parlamento manifeste o seu rexeitamento á actuación levada a cabo polo Valedor, ao que tamén lle remitimos unha carta.

“Dende o respecto que nos merece a institución do Valedor do Pobo, consideramos que a institución comisionada deste Parlamento, e concretamente o seu máximo representante, se debe a un mandato de imparcialidade que non lle debera permitir amosar en público posición algunha respecto das queixas ou denuncias que reciba”, afirma a deputada pola nosa provincia María Quintas, que engade que aínda non tivo “oportunidade de analizar informes que lle permitan avaliar se a queixa é sustentada en documentos que lle aporten veracidade ou sinxelamente se sustenta nun intento desesperado de crítica política, empregando para elo unha institución que necesariamente, polo seu carácter, debe estar fóra da lexítima confrontación política”.

Tags: , , , ,