Seara acusa a Pastor de “ordenar” que se ralenticen as obras do AVE

800px-RENFE_130_THE_DUCK_Macanet-Massanes_Talgo250

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, acusa á ministra de Fomento, Ana Pastor, de “ordenar que se ralenticen as obras do AVE a Galicia”.

Informacións que a deputada puido coñecer apuntan a que as “ordes” de Pastor serían de que as obras do AVE ao seu paso pola nosa provincia freen a súa actividade ao 50%. Por iso, a compañeira presentou no Congreso unha nova batería de iniciativas parlamentarias para que a ministra explique “se ela, e Rajoy, decidiron outra data distinta ao 2018 para a chegada da Alta Velocidade a Galicia”, e “se modificaron as datas de finalización das obras de determinados trazados na provincia de Ourense”. Lamenta que “de ser así, os galegos deberiamos, alomenos, saber cánto tempo máis teremos que esperar por esta infraestructura, que é absolutamente necesaria para a vertebración do Noroeste peninsular coa meseta”. “A ministra debe dicir dunha vez a verdade, malia que Rajoy prometeu a data de 2018”.

A deputada xa advertira, en novembro do 2012, de que recibira unha resposta parlamentaria na que o Goberno central xa cuestionaba o 2018 como data da chagada do AVE a Galicia. Naquela resposta, o Ministerio sinalaba, literalmente, que “en principio, prevese para o 2018, pero dito prazo está suxeito ao cumprimento da programación establecida nos estudos e proxectos realizados”.

Posteriormente, en xuño do 2013, Seara pediu a comparecencia de Pastor no Congreso para que explicase “os verdadeiros plans do Goberno respecto ao AVE a Galicia”, a tenor dun informe de ADIF que reflectía que o Goberno cambiaría o proxecto da Alta Velocidade a Galicia de xeito que no 2018 non estaría rematado o tramo Lubián – Ourense. Segundo aquel documento, o previsto polo Goberno do PP para o 2018 sería finalizar só a construción do tramo Lubián -Taboadela, e con plataforma para vía única, e non para dobre vía, como si previra o anterior Goberno Socialista. Para o tramo Taboadela – Ourense, o Ministerio de Fomento se limitaría a adecua-la liña actual instalando un terceiro carril, e só nun horizonte posterior entraría en servizo o tramo Taboadela-Ourense, a variante de Cerdedo e a dobre vía para o conxunto do corredor. Segundo o mesmo informe, o PP pospoñería a execución da nova estación de Ourense, e se limitaría a adecua-la estación actual. A compañeira sinala que “cada vez hai máis probas de que, lamentábelmente, aquel informe é a folla de ruta do Goberno, malia que negou reiteradamente a súa validez”.

Coa nova batería de iniciativas parlamentarias presentada, Seara pide ademais a Pastor que resposte “se xa terminou de volver a estuda-la posibilidade de soterra-la entrada do AVE a Ourense e decidiu por fin un trazado”. Sobre este punto, lembra que en xuño do 2012 recibiu unha resposta parlamentaria do Goberno na que o Ministerio de Fomento sostiña literalmente que “a cuestión do soterramento xa foi analizada e descartouse polo sobrecusto e as escasas vantaxes urbanísticas que ofrecía no caso particular de Ourense”. Malia iso, só cinco meses despois, en novembro do 2012, Seara recibiu outra resposta parlamentaria na que Fomento sostiña literalmente que “o Ministerio continúa traballando na análise técnica e económica do acceso soterrado a Ourense para busca-la solución máis adecuada dende o ámbito técnico e económico”.

Seara lembra que “os socialistas galegos sempre defendemos que o soterramento non era unha boa opción, e recibimos un sinfín de críticas” por parte dos conservadores, que reclamaban o mesmo “de xeito irresponsábel e interesado”. Xa que logo, sinala que “quizais por iso é polo que a ministra primeiro estudou pero descartou o soterramento, só cinco meses despois dixo que o volvería a estudar, e agora non sabemos sexa acabou de volver a estudar e qué decidiu”.

“O Goberno do PP debe deixar de mentir, e dicirnos dunha vez aos galegos cando pensa de verdade facer o AVE a Galicia” reclama a deputada.

Tags: , , , , , , , ,