Seara pide que o goberno “priorice” a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade entre as propostas españolas

12/03/2014
By

800px-Canóns_do_Sil._Ribas_de_Sil_e_Nogueira_de_Ramuín,_Galiza

O PSOE votou hoxe na Comisión de Cultura a favor dunha iniciativa do PP relativa á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, pero advertiulle a ese partido de que “o que piden na súa Proposición non de Lei está logrado dende o ano 1996”, e que “agora deben pedi-lo que toca: que a Xunta de Galicia se implique para impulsa-la candidatura, e que o Goberno de España a priorice de entre as vintesete candidaturas españolas que xa están na lista, como no seu día fixo coa Torre de Hércules”.

Seara explicou que “dende o PSOE sempre apoiamos, non só con palabras, senón con feitos a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, e por iso votamos hoxe a favor desta iniciativa, aínda que a mesma se centra en que dita candidatura sexa incluída na lista indicativa de Patrimonio Mundial, cando resulta que en dita lista está dende 16 de xullo de 1996”.

Neste sendo, Seara sinalou que o Goberno central lle respostou en novembro do 2013, nunha resposta parlamentaria, que a candidatura está incluída na lista dende 1996 e mostrou a súa contrariedade polo feito de que “o Goberno o saiba, pero o grupo popular non”. Ademais, apuntou que, tal e como se pode comprobar na web de UNESCO, na lista provisional revisada o dia 7 de febreiro de 2014, aparece a candidatura da Ribeira Sacra.

Por iso, indicoulle ao PP que “o que debería pedi-lo Grupo Popular é que o Goberno de España ‘priorice’ a candidatura da Ribeira Sacra” e que “a Xunta impulse a candidatura que formalizaron as Deputacións de Lugo e Ourense, a nivel estatal, realizando as xestións ante os organismos competentes para que o Goberno de España a priorice e a impulse definitivamente, como se fixo coa Torre de Hércules d’A Coruña”.

Durante a súa intervención, a compañeira puxo en valor “a excepcional riqueza paisaxística, ambiental e patrimonial da Ribeira Sacra” e destacou que “é un territorio de peculiaridades únicas en Europa”. Por iso, lembrou que “a proposta da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade é tan relevante como antiga no tempo”, e instou ao PP, especialmente na Deputación de Ourense, a que non lles mova o interese de levarse os galóns, e traballen de xeito serio para que dita candidatura sexa pronto unha realidade”.

Tags: ,