Para os socialistas ourensáns, resulta unha broma de mal gusto que Baltar Blanco pretenda dar clases de ética

08/03/2014
By

Elvira Lama, viceportavoz do Grupo Socialista na Deputación, considera a proposta de Baltar Blanco sobre un “Código ético” máis propia do día dos Santos Inocentes que de finais do Entroido.

Para os socialistas, a ética, as boas condutas e a transparencia téñense no día a día, e non por escribilo nun papel se é máis transparente nin se melloran as condutas. E podemos afirmar que as que houbo ata o de agora por parte do PP nin foron éticas nin transparentes; e con esta pantomima de código tampouco se van a cambiar. Fai falta ser moi atrevido, para que un dos membros da saga Baltar pretenda dar clases de ética e de boa conduta nesta provincia. Sería máis propio destes personaxes que montasen unha academia de enchufismo e caciquismo, que son as dúas únicas palabras que coñecen en relación coa xestión da Deputación Provincial.

Lama considera que Baltar Blanco está totalmente inhabilitado para falar de ética, porque el é un presidente que entrou tapado na Deputación. Foi o último colocado de Baltar Pumar na institución provincial.

Dende o Grupo Socialista na Deputación, a pregunta que se plantexa é onde estaba este novo adaíl da ética, a conduta e a transparencia, cando lle pediamos que acudise á Xustiza a facilitar toda a información que se posuía sobre o caso da investigación por fraude de fondos europeos.

Como nos ten acostumados, a política do sucesor de Baltar Pumar é a da pantalla e o fume. En troques de escribir obviedades, o que tiña que facer é retirar da xestión de goberno a todos aqueles deputados sobre os que existen dúbidas da súa conduta, e que, tanto que sexan culpables como inocentes, traspasaron os límites da ética coas súas prácticas. Estamos a referirnos ós alcaldes de Barbadás, Carballiño, Baltar, Xinzo, Chandrexa de Queixa, etc. Casos que os socialistas denunciamos ata a saciedade.

A compañeira e o conxunto de deputados provinciais socialistas cren que o devandito código debería ter carácter retroactivo e, deste xeito, elimina-los bustos, nomes de rúas, prazas e pavillóns que lles teñen chamado “José Luis Baltar” pola xeografía ourensana. Así mesmo pregúntanse cómo José Manuel Baltar é capaz de redactar un código ético que rexeite a colocación de placas co nome de políticos, cando hai menos dun mes el facía o propio no Concello de Monterrei: ou é que ten pouca memoria, ou é que ten moi pouca vergoña.

Tamén resulta esperpéntico que agora o fillo de José Luis Baltar rexeite a entrega de regalos, porque nos preguntamos onde estaba el pedindo iso cando había cola diante do despacho do seu pai para entregar agasallos. Imaxinamos que, vivindo baixo o mesmo teito, algunha vez seguro que tería probando algunha das dádivas que se lle ofrecían ó anterior Presidente. Xa que logo, preguntámonos tamén se dito código terá carácter retroactivo e lle solicitará ao anterior Presidente que devolva tódolos agasallos que teña recibido. Dende logo, os deputados socialistas poden asegurar que nunca recibimos ningún agasallo de ninguén, pero non estamos seguros de que os representantes do PP estean en condicións de poder asegura-lo mesmo.

Neste senso, resulta cando menos gracioso que Baltar Blanco pretenda instar aos grupos da oposición a levar a cabo o seu traballo de fiscalización do grupo de goberno na Deputación, e que pretenda dar leccións aos nosos deputados acerca cómo realiza-la súa labor, un dos principais representantes do clan Baltar, cuxos membros teñen significado o máis ruín da política ourensá. Personaxes que se valeron de tódalas mañas para perpetuarse en política, e aí está o xeito como accedeu á presidencia da Deputación Baltar Blanco, valéndose dun congreso denunciado polos seus compañeiros polas malas prácticas, e entrando logo ás agochadas na institución provincial. E lembremos que, dende dende que Baltar Blanco alcanzou a presidencia desta institución, só atopamos atrancos para acceder á documentación que solicitamos, ben sendo sesgada, facilitando só parte dela ou ofrecéndoa a contagotas e co acceso ós expedientes en datas distintas, e que para acceder a un expediente, os nosos deputados que viven da súa profesión teñen que perder moitas horas nos seus respectivos postos de traballo.

En resumo, Baltar Blanco volve amosa-la súa frivolidade á hora de afrontar un tema tan serio como nos ocupa. Aínda que elo non sorprenda, alomenos a nós, xa que é o seu xeito de entender a política.

En todo caso, a primeira proposta do Grupo Provincial Socialista respecto ao devandito código, é que Baltar Blanco cese ós deputados imputados e solicite o reintegro, por parte dos anteriores xestores, dos 12 millóns que reclama a OLAF por diversos proxectos.

Tags: , , , , , , , , , ,