Seara esixe ao Goberno central que aclare urxentemente se Ourense perderá os fondos europeos para o “Hospital 2050”

06/03/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou unha batería de preguntas parlamentarias coas que esixe ao Goberno central “que aclare se mantén a execución dos proxectos “Hospital 2050” e “Innova Saude” en Ourense, e que “explique se o Goberno garante o mantemento dos fondos europeos destinados á modernización” do CHUO.

Seara advirte do risco de perda de devanditos fondos, dado que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais paralizou o proceso de concesión da xestión integral de espazos para o CHUO, e tendo en conta que o SerGaS vinculou dita concesión á realización das obras do plan director do hospital. Por iso tamén lle pide ao Goberno resposta sobre cales foron as razóns técnicas da paralización do devandito proceso, e acerca de en que situación se atopan nestes intres os proxectos “Hospital 2050” e “Innova Saúde”.

Para a deputada, “as artimañas de Feijóo puxeron en risco estes proxectos para a posta en marcha dun novo hospital intelixente no CHUO, e de diversos proxectos tecnolóxicos para moderniza-la sanidade galega”. O “Hospital 2050” e o “Innova Saude”, son, segundo explica “dous plans por un valor conxunto de noventa millóns de euros, que pretenden ser pioneiros en Europa, e que por iso teñen financiamento europeo con cargo a fondos FEDER.

Así, Seara lémbralle a Feijóo que “estes fondos non están destinados ao ‘ladrillo’ ”, malia que a propia Xunta apuntou que estaba garantido o financiamento suficiente para construí-lo novo edificio de hospitalización. “Feijoo pensou que con estes fondos podería reducir custos na infraestructura e por iso, cunha manobra rocambolesca, vinculou a concesión dos servizos do CHUO coa realización das obras do plan director do hospital”. “Fraco favor fixo o Presidente da Xunta á sanidade ourensá e galega” criticou a compañeira.

En xuño do 2013, a nosa deputada xa denunciara que Ourense perdería os fondos europeos para o Hospital 2050 se a Xunta non construía o edificio, despois de que así llo confirmara a Seara a Secretaria de Estado de I+D+i nunha comparecencia no Congreso. Naquel intre, a Secretaria de Estado confirmou, ademais, que o orzamento está vinculado ao proxecto “Hospital 2050”, pero non necesariamente á cidade de Ourense, de xeito que se a Xunta decide executar o devandito proxecto noutro lugar, non sería responsabilidade do Ministerio. Xa entón, Seara acusou a Feijóo de enganar aos cidadáns, e lamentou a falta de interese do Goberno central.

Agora, Seara pídelle ao Goberno “que, desta vez, non lave as mans”.

Tags: , , , , ,