O Ministerio de Hacienda paraliza a privatización dos servizos do CHUO

06/03/2014
By

A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Acuña, denuncia que o Goberno central “vén de contradicir a Feijóo” e paraliza-la adxudicación integral de espazos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense porque disque “algo cheira mal”. A parlamentaria do PSdeG presentou en rolda de prensa a pregunta que sobre esta cuestión trasladará á Xunta no vindeiro Pleno da Cámara.

Acuña explicou que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, dependente do Ministerio de Hacienda, paralizou o proceso de concesión da xestión integral de espazos para o CHUO, que o Sergas vinculaba á realización das obras do seu “Plan Director”.

A deputada esixiu a Feijóo “honradez, transparencia e senso común”, e que “deixe de lado inventos estranos que só serven para o saqueo da Sanidade Pública”.

Sorpréndenos aos socialistas, en verbas da compañeira, que o “mesmo Montoro amose máis senso común que Feijóo, e lle paralice o sistema de contratación”, que previamente xa puxeran en cuestión profesionais, usuarios e o propio PSdeG.

Os socialistas temos “posto a lupa” sobre esta contratación, que sumaba a privatización, por 15 anos e 225 millóns de euros, dos servizos de limpeza, seguridade, mantemento e consumo enerxético nunha mesma empresa que, ao mesmo tempo, asumía o pago de 14 millóns de euros para a construción do “Plan Director”. O interese reside en que esta modalidade, que agrupa tódolos servizos nunha soa licitación, deixaba fora ás empresas galegas, incapaces de asumir unha oferta tan completa.

Pregúntase Acuña cómo vai consegui-la empresa adxudicataria os catorce millóns de euros, “se non é a través do encarecemento dos servizos”; e cómo pode saír máis barato o servizo de mantemento ou o subministro privatizado, porque a empresa terá gañar algo e recupera-los 14 millóns con intereses; ironizando que “estamos acostumados á creatividade do PP para os contratos, como se viu na Gürtell”.

A deputada socialista tamén salientou que, “en Ourense todos sospeitabamos que Ferrovial sería a adxudicataria”. Nesta empresa traballa o xerente de CESPA, do mesmo grupo, que foi recentemente detido pola súa imputación na instrución da “Operación Patos” e que fora xerente do CHOu con Fraga Iribarne e impulsor do “Plan Director”.

Un plan director que, por outra banda, resulta imprescindíble realizar para poder acometer, a continuación, a modernización tecnolóxica prevista nos plans “Innova Saúde” e “Hospital 2050”, que estaba previsto cubrir con fondos europeos. Neste senso, a compañeira lembra que o prazo deses fondos xa venceu no 2013, e só cabe acollerse a unha prórroga de dous anos, ata o 2015, vinculada ao remate das obras “cuxos constantes atrasos poñen en cuestión”.

Tamén fixo memoria a deputada para lembrar que o Plan Director leva aprobado dende abril do 2009, e se paralizou coa regreso do PP á Xunta. “Logo viñeron os anuncios en Expourense de fondos europeos para o Hospital 2050, e finalmente, as privatizacións, que lles quedaron desertas”, e que tampouco funcionou o procedemento negociado, polo que se optou por “dulcificar con prazos a entrega dos catorce millóns que se requirían para o Plan Director, e apareceu Ferrovial”. Sorpréndese Acuña de que, logo de todo isto, “non dimite, nin cesa ninguén”.

A deputada manifestou a fonda preocupación dos socialistas pola situación da Sanidade Pública, na que se chegou ao punto de que “a nin dimitida nin cesada conselleira” pode percibi-lo enfado dos profesionais e usuarios só con visitar os centros sanitarios.

Tags: , , , , ,