O PSdeG propón a elaboración dun estudo sobre as posibilidades turísticas da pegada da minaría romana no leste de Ourense

04/03/2014
By

Montefuerado_free_image

A deputada pola nosa provincia Carmen Acuña, vén de impulsa-la presentación dunha Proposición Non de Lei no Parlamento galego que instaría “á Xunta a iniciar, de xeito inmediato, un estudo sobre as posibilidades turísticas da pegada da minería” nas terras do leste de Ourense, tratando de unila á oferta a que xa se fai “dende as Médulas do Bierzo, e creando a ruta turística da minería romana polas terras da Galicia interior, Ourense e Lugo”.

Como exposición de motivos desta Proposición, se inclúen as seguintes consideracións:

A minería do ouro da época romana está moi presente en todo o territorio galego e, moi especialmente, ao longo do curso do río Sil. O maior expoñente da pegada desas explotacións é, sen dúbida, o paraxe das Médulas, Patrimonio da Humanidade dende o 1997, na comarca do Bierzo. Fascinante paisaxe, resultado dunha intensa e descomunal intervención mineira.

Durante máis de dous séculos, os romanos abriron as montañas e desprazaron o curso do río Sil para sacar ese mineral tan prezado das entrañas da nosa terra. É por iso que o das Médulas non é o único expoñente da enxeñería mineira romana nestas terras. Xa entrando no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a continuación desa explotación aurífera, nos podemos atopar con máis restos de explotacións, como as chamadas “meduliñas” de Caldesiños, en Viana do Bolo, xunto ao río Bibei, ou coa montaña furada de Montefurado, no Sil, ou mesmo cos Biocos de San Xoán de Río, perforando toda esa serra.

Só na comarca do Courel se descubriron máis de trinta minas romanas, e seguen aparecendo máis. Cicatrices vermellas que tamén sucan a comarca de Valdeorras, cuns trinta e cinco xacementos auríferos, sobre todo entre O Barco e Rubiá, e que provocan nos ollos observadores dunha persoa curiosa, evocadores e interesantes preguntas sobre a nosa Historia.

Todo este legado mineiro en torno ao ouro esperta moito interese na xente que atopa, na visita ás Médulas, paisaxe, historia e cultura, pero tamén aventura e, como non, gastronomía, sempre presente en Galicia, tamén no Bierzo. E tódolos anos, un volume importante de turistas visitan esas paraxes. Por iso, resultaría interesante captar a eses visitantes para que, dende Borrenes, no Bierzo, se introducisen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderían, así, continuar coa visita á antiga Roma a través da minería aurífera, xa que dentro dos límites de dito territorio tamén poden atopar exemplos claros dos diferentes sistemas que, adaptados ás características do terreo, usaron os antigos romanos para extraeren ese tan prezado mineral.

Tags: , , , , , , , ,