O PSdeG-PSOE de Ourense condena as accións indignas e presuntamente delictuosas do alcalde de Vilardevós, e expresa o seu apoio ao militante Paco González, acosado e perseguido por aquel

27/02/2014
By

Francisco González é militante do PsdeG-PSOE, representante sindical da UGT e traballador do Concello de Vilardevós desde o día 1 de outubro de 1991 a tempo completo como persoal laboral fixo con categoría profesional de oficial de 2ª.

Dende de xullo do 2011, momento no que se produce o cambio do goberno local, o Alcalde-Presidente do Concello de Vilardevós, Manuel Cardoso Pérez e os demais compoñentes da agrupación, sinaladamente Ignacio Vivián González, perségueno acósano e véxano por motivos ideolóxicos, vulnerando os seus dereitos fundamentais como traballador.

Durante a campaña das últimas eleccións municipais, Manuel Cardoso e Ignacio Vivián anunciaban en mítines que ían facer “limpeza” no Concello e, referíndose a Francisco González. Ata se publicaron panfletos de mofa e de humillación dirixidos contra a súa persoa.

Os actuais Alcalde e o Tenente de Alcalde, cando chegaron á alcaldía, cumpriron coas súas promesas electorais de acoso laboral, indignas dun representante público.

Francisco González, nunca voltou a desenvolve-las funcións que ata ese momento viña realizando, as que eran da súa competencia. Tras requerimento xudicial, dotóuselle dun ordenador e unha mesa nas dependencias municipais, pero non realiza funcións de atención ao público e, en troques de inicia-la súa xornada laboral no Concello, élle ordenado que se dirixa un almacén ou similar.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense sempre entendimos que Francisco González estaba sendo sometido a unha persecución ideolóxica e sendo represaliado por ser militante socialista e representante dos traballadores no Concello de Vilardevós.

O PSdeG-PSOE quere apuntar que tódalas accións xudiciais interpostas por Francisco González, así como os procedementos laborais, viñeron a darlle a razón. É máis: a ilegalidade non só se circunscribe ao ámbito laboral, senón que as accións do Alcalde son indicativas de presuntos delictos, como así constata a admisión a trámite da querela.

A retirada das funcións deste traballador non estaba relacionada coas necesidades da producción ou do Concello, senón que obedece a un atentado flagrante aos seus dereitos fundamentais, é dicir: débese a unha discriminación por ideas políticas; situación que é buscada á mantenta polo actual alcalde, levando a cabo un uso desviado das súas atribucións para exhibir ante os electores unha alienación de do afectado ante el; o que implica que a conducta do Alcalde sexa nula desde o punto de vista laboral, ademais de delictuosa. E así o dispón a sentenza dictada polo Xulgado do Social N º 4 de Ourense, con data 9 de marzo do 2012, que estima a demanda do traballador, declarando que a reducción das súas funcións operada dende xullo de 2011 é nula por discriminación, e condena ao Concello de Vilardevós, e ao seu Alcalde Manuel Cardoso Pérez, ao cese inmediato da atitude discriminatoria e á reposición das funcións do actor. Esta sentenza é firme, ao ser inadmitido polo Tribunal Supremo o recurso de Unificación de Doutrina presentado polo Concello de Vilardevós

Sorprendentemente, a conducta do Alcalde non cesou malia a sentenza. Neste senso, chegaron a dictarse requerimentos por parte do devandito xulgado, como o que consta no Auto de 30 de marzo do2012, dirixidos ao Concello e ao Alcalde, para que cumprisen o resolto polo propio Xulgado.

Coincidindo coa ratificación e confirmación desa sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o alcalde abre ao traballador un expediente disciplinario, no que é instrutor o querelado Ignacio Vivián, e que é resolto polo tamén querelado Manuel Cardoso, co fin de seguiren atentando contra o representante sindical, e polos mesmos motivos políticos e ideolóxicos e discriminatorios constatados.

Malia os escritos presentados o Secretario do Concello, o alcalde asina un decreto, con data 25 de febreiro de 2013, no que se acorda proceder ao despedimento disciplinario do traballador con data de efectos 26 de febreiro de 2013. Contra este despedimento, o Xulgado do Social 2 de Ourense falla, con data de 21 de maio (sentenza 253/2013) estimando a demanda interposta por Francisco González Fernández contra o Concello, declarando a nulidade do despedimento, por vulneración de dereitos fundamentais e condenando ao Concello á readmisión inmediata do afectado nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, e co abono dos salarios deixados de percibir. Estoutra sentenza tamén é firme, en virtude doutra do TSXG do 8 de novembro do 2013, en virtude da cal se desestima o recurso do Concello e do alcalde, confirmando a sentenza do Xulgado do Social nº 2, impoñendo as costas aos condenados, e razonando, textualemente, que “non existe (…) ningunha causa debidamente acreditada que puidese, razonabelmente, determinar á empregadora demandada” (Concello de Vilardevós) “a acudir á vixilancia do traballador demandante a través de detectives profesionais, co cal toma forma a idea de que se lle someteu a esa vixilancia especial coa finalidade de atopar algún presunto incumprimento que amparase o despedimento dun traballador incómodo”.

Por estes feitos, Francisco González presenta querela contra o alcalde e o tenente de alcalde de Vilardevós, que foi admitida polo Xulgado de Instrución de Verín, acordando a citación do alcalde e do tenente de alcalde para que declaren o vindeiro 12 de marzo en calidade de imputados.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense condenamos estas conductas, que, vindo dun responsábel público, son (presuntamente) ilegais, e adolecen da ética necesaria para que os seus protagonistas representen á cidadanía, xa eu un alcalde o é de tódolos seus veciños; e cando ampara e practica persecucións e vexacións por causas ideolóxicas, non debería ostentar representación.

Tags: , , , , , , , ,