Seara denuncia a gravidade da desxudicialización dos Rexistros Civís

22/02/2014
By

FOTO SEARA Y CAMACHO CON UGT-REGISTROS CIVILES

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara reuniuse co sindicato UXT para trata-la gravidade dos pasos dados polo Goberno central para desxudicializa-los Rexistros Civís que pasarían a ser levados polos rexistradores da propiedade.

Para Seara “o Goberno dá un paso máis na súa carreira privatizadora e de destrución dos servizos públicos”, neste caso “toca, outra vez, recortes nos dereitos dos cidadáns de acceso á Xustiza”.

A compañeira lembrou que “ás taxas xudiciais impostas polo Goberno do PP, que impiden a moitos cidadáns, sempre aos máis débiles, acceder á Xustiza, sumarase agora a práctica privatización dos servizos dos Rexistros Civís, ata agora públicos”, e que “este camiño privatizador dos Rexistros Civís non é novo, porque o Goberno de Rajoy hai tempo que xa derivara as tarefas relacionadas cos expedientes de nacionalidade”. Porén, “ata agora os servizos prestados polos Rexistros Civís foron servizos públicos prestados por funcionarios públicos”, facendo fincapé en que “a desxudicialización dos Rexistros Civís podería incidir negativamente dende a perspectiva da protección de datos dos cidadáns”.

Seara rexistrou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados coas que lle esixe ao Goberno central “que aclare se é firme a súa postura respecto de que os Rexistradores da Propiedade e Mercantís se vaian a facer cargo dos Rexistros Civís”, e que “explique cómo pretende mante-los Rexistros Civís como un servizo público”. Tamén reclama “que o Goberno explique os datos do concurso público polo que se adxudicou a unha empresa o programa informático para que as e os Rexistradores tramiten e resolvan os expedientes de nacionalidade”. Ademais, pregunta ao Goberno central se se reuniu cos representantes do corpo de Rexistradores da Propiedade e Mercantís para coñecer se desexan xestiona-los Rexistros Civís, e advirte ao Executivo de que “nin os propios rexistradores están dacordo”.

A deputada avanzou que os socialistas seguiremos mantendo reunións cos sindicatos e os colectivos afectados por esta medida.

Tags: , , , ,